O popular fai ver que o conflito catalán é o principal problema do Estado e as súas propostas para el son crear "un delito de deslealdade constitucional" e "incrementar as penas de malversación"
Alberto Núñez Feijóo pronunciou este martes un discurso inicial na sesión de investidura como presidente do Goberno de España, para a que carece de apoios, que centrou en dar por feita, e criticar, unha futura investidura do socialista Pedro Sánchez. Foi nunha intervención dunha hora e 45 minutos que semellou máis unha moción de censura ou mesmo un mitin que a exposición dun programa de goberno para recibir o aval da Cámara. Un discurso no que o popular chegou a apelar á confianza persoal nel, en liña coas estratexias que os partidos adoitan empregar durante as campañas electorais, non nunha negociación parlamentaria: "Son un presidente de fiar, créanme".
Feijóo comezou a súa intervención defendendo os seus "principios e moral" para non apoiar unha amnistía en Catalunya e criticou que "quen pretende desmembrar España", en referencia ao independentismo catalán, "pon as condicións ao futuro presidente do Goberno de España", dando por feito que así será con Sánchez. "Fóra da Constitución non hai democracia", dixo tamén.
Co foco da súa intervención no conflito catalán e as reclamacións do independentismo Feijóo fixo ver que ese é tamén para el o principal problema do Estado, ata o punto de que segundo di está a condicionar o Goberno de España e a propia democracia. Un problema para o que as súas propostas foron dúas: "incorporar ao Código Penal un delito de deslealdade constitucional" e "incrementar as penas de malversación de fondos públicos".
Feijóo verbalizou compromisos concretos con todas as comunidades autónomas agás Galicia, da que se limitou a dicir que polo seu pasado xa eran coñecidos: "Dounos por reiterados"
Ante a situación xeral do Estado, as súas propostas reducíronse a "tres obxectivos": "deixar atrás os bloques e a confrontación", "garantir a estabilidade do país" e impulsar "reformas" políticas, económicas e sociais a través de grandes acordos entre os principais partidos.
Entre esas reformas, e tras anos de bloqueo do PP á renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, propón agora renovalo ao tempo que se mude o modelo de elección para que a propia xudicatura elixa ese órgano sen intervención do Congreso. "Non comparto controlar a xustiza", chegou a dicir.
En materia económica, Feijóo propuxo que as axudas á cidadanía teñan en conta o nivel de renda desta, ao contrario do que fixo na Xunta con todo tipo de subvencións directas similares. O popular tamén levou preparadas frases como "transición ecolóxica si, ditadura activista en ningún caso".
Feijóo dedicou na súa intervención un espazo para salientar e verbalizar as principais reclamacións de cada comunidade autónoma, que dixo coñecer e que se compromete a atender, como as políticas da auga en Andalucía ou as comunicacións en Cantabria. No caso de Galicia dixo que polo seu pasado os presentes podían dar por feito que é coñecedor das súas reclamacións e compromisos. "Dounos por reiterados", dixo, sen concretalos.
Feijóo agradeceu o "respaldo responsable e xeneroso" de Vox
Ademais de presentarse como líder da oposición a Sánchez, Feijóo tamén tentou este martes ratificarse a nivel interno no seu propio partido salientando que desde que o preside o PP gañou as eleccións autonómicas, municipais e xerais. Porén, nada dixo de non ter apoios suficientes para lograr a maioría absoluta do Congreso dos Deputados, no que en todo caso si agradeceu o "respaldo responsable e xeneroso" de Vox, Unión del Pueblo Navarro (UPN) e Coalición Canaria (CC).
Tras o discurso inicial de Feijóo, na tarde deste martes e a mañá do mércores están previstas as intervencións do resto de grupos parlamentarios. Despois producirase a primeira votación desta sesión de investidura, na que o candidato debe obter a maioría absoluta dos votos para resultar elixido, isto é, cando menos 176 votos a favor dos 350 deputados e deputadas. Se iso non sucede, como é previsible, a votación repetirase 48 horas despois, o venres, cando o candidato só tería que obter máis votos a favor que en contra para ser elixido. Pero tampouco para iso conta Feijóo con apoios.