Tanto Feijóo como Sánchez manifestaron o monarca a súa intención de presentarse a unha investidura, mais ningún dos dous ten aínda os apoios suficientes
O rei Felipe VI designou a última hora da tarde deste luns a Alberto Núñez Feijóo candidato á investidura como presidente do Goberno de España. Fíxoo despois de que tanto Feijóo como o socialista Pedro Sánchez manifestasen ao monarca a súa disposición para presentarse a unha investidura, malia que ningún dos dous conta aínda cos apoios suficientes. A última cita da ronda de contactos de Felipe VI foi na tarde deste martes con Feijóo, tras encontrarse con Sánchez na última quenda da mañá.
A presidenta do Congreso, Francina Armengol, avanzou que contactará con Feijóo para establecer unha data para a sesión de investidura co fin de "facilitar as negociacións". O candidato popular trasladou tras a súa xuntanza co monarca que comezaría as conversas cos grupos a partir do luns para tratar de lograr os catro votos que o separan da maioría, confirmados os 172 votos favorables á súa investidura.
Sánchez trasladoulle o rei a súa vontade de "articular a maioría parlamentaria" para a "formación dun Goberno de progreso"
"Desde o PSOE cremos estar en condicións de aunar o respaldo parlamentario esixido, tal e como quedou acreditado a semana pasada na constitución da Mesa e a Presidencia do Congreso", sostivo o presidente do Goberno en funcións e candidato á reelección socialista tras o encontro co monarca.
Pedro Sánchez trasladoulle o rei a súa vontade de "articular a maioría parlamentaria" para a "formación dun Goberno de progreso" que estableza unha "estabilidade política, social e económica" para enfrontar os desafíos que o Estado ten por diante, coa guerra na Ucraína ou a presidencia do Consello da Unión Europea.
Feijóo afirmou ter o apoio de 172 deputados para "un Goberno en solitario do PP"
"Aceptaría o encargo do rei con varios avais que respaldan esta proposta e fan que sexa máis que unha simple proposta", asegurou o candidato do PP tras a reunión na Zarzuela. O primeiro aval, dixo Feijóo, é que se trata do candidato do partido que gañou as eleccións do 23X, o segundo serían as catro formacións políticas que o respaldan que suman 172 deputados e o terceiro porque entende que nestas condicións poñerse ao dispor do xefe do Estado é cumprir co seu deber.
Feijóo fixo explícito o seu agradecemento a UPN, Coalición Canaria e Vox por pensar que "un Goberno en solitario do PP podería ser a mellor alternativa para a estabilidade do país" co obxectivo, segundo as palabras do líder do PP, de "acadar un Goberno constitucional" para que o Estado "recupere a independencia das súas institucións", a "igualdade de todos os ciudadanos" e a "censura das imposicións das minorías".
A formación de extrema dereita ponlle como condición a Feijóo "que o PP non colabore de ningunha forma ao cordón sanitario contra Vox"
O líder de Vox, Santiago Abascal, confirmou tras a reunión co rei na mañá deste martes que o seu partido apoiará unha investidura de Feijóo. Un respaldo que estaba no aire tras o sucedido na constitución do Congreso, onde os representantes de Vox decidiron no último momento apoiar o seu propio candidato á presidencia da Cámara baixa ao coñecer que os populares non ían facilitar a súa presenza na Mesa.
A formación de extrema dereita, iso si, ponlle como condición a Feijóo para votalo como presidente "que o PP non colabore de ningunha forma ao cordón sanitario contra Vox". Segundo afirmou Abascal, este é o motivo de que o partido non teña representación na Mesa do Congreso. Pola súa banda, Feijóo sinalou que aclarou con Abascal os "malentendidos" dos días previos e confirmou o apoio de Vox a un Goberno do PP en solitario "sen condicións".
"A cidadanía votou a diversidade e a pluralidade no noso país", di Yolanda Díaz
As audiencias do rei comezaron este luns con Unión del Pueblo Navarro e Coalición Canaria, que trasladaron ao monarca o seu apoio para Feijóo, que cos votos de Vox chegaría aos 172 votos favorables, a catro da maioría de 176 votos necesaria nunha sesión de investidura.
O portavoz do PNV no Congreso, Aitor Esteban, reiterou o 'non' da súa formación para o PP, pero recoñeceu que non mantivo ningunha reunión co PSOE, polo que non explicitou o seu apoio a Sánchez na reunión co rei. A estes encontros na Zarzuela non se presentaron os representantes de Junts per Catalunya, EH Bildu, ERC e BNG.
A líder de Sumar, Yolanda Díaz, mostrou o luns a Felipe VI a súa convicción de que os 178 votos "progresistas" que conseguiron facer presidenta do Congreso a Francina Armengol tamén servirán para acadar a investidura de Sánchez. "Deberiamos respectar o mandato e a voz da cidadanía e o que libre e decididamente votou o pasado 23 de xullo. A cidadanía votou a diversidade e a pluralidade no noso país", salientou Díaz, quen apuntou que Feijóo está "illado" tras o seu pacto con Vox.