"Non hai números". No ciclo aberto polas eleccións xerais de decembro de 2015 e as repetidas de xuño de 2016, esa foi unha expresión recorrente para xustificar que o PP de Mariano Rajoy continuase á fronte do Goberno de España, mesmo coa forzada abstención do PSOE, xa que non había números para unha alternativa encabezada pola esquerda, que daquela tiña como primeira forza uns socialistas con 84 escanos seguidos dos 67 de Podemos e as súas confluencias.
A dependencia da extrema dereita deixa o ex-presidente da Xunta sen opcións dunha elección que o candidato á recuncar na Moncloa, aínda que con complexos equilibrios, si pode conseguir
Pero os números que non había en 2016 acabaron aparecendo en 2018 para dar soporte á moción de censura que levou a Pedro Sánchez á presidencia do Goberno de España por primeira vez en plena vaga expansiva da primeira gran sentenza do caso Gürtel. A continuación virían dúas eleccións xerais, as de abril de 2019 e as repetidas en novembro daquel mesmo ano, co PSOE en cabeza primeiro con 123 escanos e despois con 120 fronte a un PP erosionado por Ciudadanos e Vox.
O saído dos comicios xerais do pasado 23X é, dalgún xeito, unha mestura da aritmética parlamentaria dos dous escenarios anteriores. O PP volve ser o máis votado e o que ten un maior grupo no Congreso, con 137 escanos que sitúan os de Alberto Núñez Feijóo de volta aos niveis da fin da era Rajoy. Pero o PSOE ten 121 escanos e, malia ao escenario axustado, a dependencia da extrema dereita deixa o ex-presidente da Xunta sen opcións dunha investidura que o candidato á reelección, aínda que con complexos equilibrios, si pode conseguir.
O eventual empate a 171 escanos entre Feijóo e Sánchez pode ser resolto polo voto de Coalición Canaria, pero o PSOE pode explorar tamén a opción dos 7 apoios clave de Junts
Os únicos grupos abertamente decantados a prol dun "si" a unha eventual investidura de Feijóo son, alén do propio PP, a extrema dereita de Vox -con cuxo líder se reuniu a pasada semana o anterior titular da Xunta sen facelo público- e mais Unión del Pueblo Navarro. En total, 171 escanos, a cinco da maioría absoluta, que poderían medrar como moito ata 172 en caso de lograren o voto afirmativo da deputada de Coalición Canaria, que se ben dixo rexeitar apoiar un Goberno no que estivesen presentes Vox ou Sumar, si dixo estar en disposición de valorar un pacto de investidura tanto cos populares -cos que gobernan en Canarias- como cos socialistas.
Da banda esquerda, as contas de Sánchez tamén contan partir dunha suma de 171: os 121 escanos do PSOE xunto aos 31 de Sumar e ata 19 de formacións soberanistas: ERC (7), EH Bildu (6), PNV (5) e BNG (1). Tanto EH Bildu como o BNG xa amosaron a súa disposición a apoiar a conformación dun novo Executivo progresista e o PNV conxugou a súa oferta de diálogo con Sánchez cun claro "non" ao PP, en boa medida porque a investidura de Feijóo sería inseparable de Vox.
Este empate a 171 podería desfacerse tamén a prol do candidato socialista á reelección pola vía de Coalición Canaria. Pero, en calquera caso, mantén no centro do escenario os 7 escanos de Junts per Catalunya. A formación soberanista que ten a Carles Puigdemont como principal referente e a Míriam Nogueras encabezando o grupo no Congreso ten a chave da investidura de Sánchez, complexa pero viable fronte á inviabilidade da de Feijóo, toda vez que o PP, tras suxerilo, volveu pechar a porta a calquera conversa con JxCat.
Cuestionamento do sistema parlamentario
Feijóo obvia a Constitución para, como xa reiterara dende a Xunta, outorgar á forza con máis escanos o dereito ao Goberno sen ter maioría dabondo. Sánchez, pola súa banda, disponse a "traballar nunha investidura que nos permita seguir avanzando catro anos máis".
Con estes números sobre a mesa, a dirección do PP en xeral e Feijóo en concreto dan en reeditar un dos argumentos habituais nos seus anos á fronte da Xunta e do partido en Galicia: o cuestionamento do sistema parlamentario. Así, na liña do intercambio epistolar da pasada fin de semana, o ex-presidente exprésase en clave presidencialista como "gañador das eleccións" e di "non aceptar en ningún caso" que "se pretenda converter en minoría á metade dos españois", mantén aínda que o apoio ao PP foi do 33,05% dos votos, pouco máis dun punto por riba do PSOE.
Neste sentido, Feijóo mantén que "ao longo de toda a nosa historia democrática sempre se recoñeceu que a forza política gañadora nas eleccións xerais é a que debe gobernar". O certo é que tras as eleccións xerais celebradas dende 1977 e ata 2016, a forza con máis escanos foi a que logrou formar Goberno por conseguir, segundo o caso, maioría absoluta na investidura ou máis votos a prol que en contra. Tamén sucedeu o mesmo na investidura de Pedro Sánchez en 2019, pero previamente, en 2018, o propio Sánchez foi investido sendo líder da segunda forza e cando xa non era membro do Congreso, toda vez que a Constitución así o contempla.
Esta non é nin de lonxe, en calquera caso, a primeira ocasión en que Feijóo cuestiona o sistema parlamentario regulado pola Constitución e as leis que derivan nela. Durante os seus anos na Xunta foi habitual que cargase contra el ao considerar que provoca que "sexa igual gañar que perder". En ocasións, esa crítica non ía acompañada de proposta alternativa ningunha e noutras, si anexou a esixencia de outorgar un "plus de representación" á primeira forza, isto é, máis escanos que os gañados nas urnas, ao xeito de Grecia.
Ás regras constitucionais da investidura apela precisamente o propio Sánchez, que este luns difundía unha mensaxe en vídeo e texto na que, coa militancia do PSOE como principal destinataria, amosa a súa convicción de ser capaz de "traducir en maioría parlamentaria" a "ampla maioría social" que, atendendo ao resultado do 23X, quere "seguir avanzando catro anos máis". "A mensaxe das urnas puxo en evidencia que quen propoñen a derrogación e o retroceso", en referencia ao "dúo PP e Vox", "non son maioría".
E por iso, advirte, en canto se constitúa o novo Congreso, o día 17, disponse a "traballar nunha investidura que nos permita seguir avanzando catro anos máis". A posible existencia de avances nesa liña poderá observarse xa ese propio 17 de agosto, cando haxa que concretar os primeiros pactos para elixir a presidencia do Congreso e os demais órganos da Mesa da Cámara Baixa.