O líder do PP e candidato á presidencia do Goberno de España, Alberto Núñez Feijóo, enviou este domingo unha carta a Pedro Sánchez na que lle pide unha reunión para negociar a súa investidura.
"Como candidato con maior apoio cidadán, con vontade de dar continuidade aos precedentes de alternancia política, exprésote o meu desexo de manter unha reunión ao longo desta semana para tratar dos asuntos que esbocei, para coñecer as túas posicións e poderche detallar as miñas na responsabilidade que acompaña o candidato da forza política gañadora", di na carta o ex-presidente da Xunta.
Feijóo, que empeza a carta cun "estimado Pedro", reclama este encontro para "establecer un diálogo responsable, en beneficio da estabilidade política e institucional de España, da confianza que o noso país debe inspirar e da resposta máis eficaz ás incertezas e desafíos que afrontamos".
Feijóo considera que a proposta de diálogo "responde a un sentir amplamente estendido máis aló das preferencias electorais"
Segundo Feijóo, o diálogo proposto "responde a un sentir amplamente estendido máis aló das preferencia electorais" do electorado e asegura que as conversan non eluden as "marcadas diferenzas" entre o PP e o PSOE.
Ademais, reivindica o dereito a gobernar do Partido Popular como "forza política gañadora" fronte a "eventuais combinacións negativas que polaricen a sociedade, danen gravemente a cohesión territorial e leven ao límite o noso sistema constitucional".
"España non merece unha situación ingobernable e tampouco podemos permitirnos un bloqueo nun momento tan relevante para a nosa economía e as nosas institucións, en plena presidencia española do Consello da UE", remata.
A petición de Feijóo chega logo dunha dura campaña electoral, na que desde o PP se elevaron fortes críticas e descualificacións cara a Pedro Sánchez, o goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos e o que a dereita denomina o "sanchismo".
Sánchez lémbralle a Feijóo que o PP goberna "de modo sistemático" e "en todas latitudes" sen ser a lista máis votada
O líder dos populares reivindica o dereito da súa formación a gobernar como "forza política gañadora" das eleccións, malia que o seu partido pactou con Vox e outros partidos en diferentes territorios para acceder ao goberno sen ser a lista máis votada nos comicios autonómicos e municipais do pasado 28M.
Pola súa banda, Pedro Sánchez, respondeu á carta de Feijóo afirmando que estará "encantado de reunirse" co líder dos populares despois de que o rei designe candidato á presidencia do Goberno de España, o que ocorrerá logo da constitución das Cortes, o vindeiro 17 de agosto.
"Unha vez designado o candidato proposto polo Xefe do Estado, estarei encantado de reunirme con vostede, así como co resto de portavoces dos grupos parlamentarios con representación na Cámara", dixo Sánchez noutra carta, onde lle lembra a Feijóo que o seu partido aplicou "historicamente" e "de modo sistemático en todas as latitudes de España" o principio democrático de gobernar malia non ser o máis votado.
Ademais, recórdalle que a Constitución é "diáfana" sobre as regras para a configuración do Goberno, que "se axustan aos principios da democracia parlamentaria" e que consisten en que goberna quen máis apoios suma no Congreso.