A decisión de Feijóo de sacrificar as estruturas que construíra en Galicia e transplantalas a Madrid en favor dun posible goberno estatal naufraga na indefinición e queda condicionada ao que decidan outras forzas políticas
A singradura iniciada por Feijóo hai algo máis dun ano para ser presidente do Goberno de España, na que decidiu replicar as estratexias que lle funcionaran en Galicia e rodearse das mesmas persoas, vén de deixalo nunha orela marcada pola indefinición. Illado de boa parte do resto de grupos parlamentarios -necesarios para poder ser presidente, segundo o que votou a cidadanía- o equipo que acompañou a Feijóo descapitalizando o PPdeG e a Xunta queda agora náufrago en Madrid, sentado no Congreso en escanos de dubidoso futuro.

Feijóo iniciou hai algo máis dun ano unha singradura para ser presidente do Goberno de España na que decidiu replicar as estratexias que lle funcionaran en Galicia e rodearse do que considerou os activos máis valiosos do PPdeG. Non só el mesmo decidiu renunciar á presidencia da Xunta senón que levou con el algunhas das figuras clave do poder político en Galicia tanto con cargos públicos como na sombra.
A marcha de Feijóo implicou descabezar o PPdeG -con el marchou o seu número 2, Miguel Tellado, e o responsable de comunicación e de moito máis no partido, Luis de la Matta- así como o núcleo duro da Presidencia da Xunta -acompañárono as súas dúas mulleres de confianza, Mar Sánchez e Marta Varela, ou o secretario xeral, Álvaro Pérez-.
Pero a descapitalización da Xunta e do PPdeG de hai un ano sería só un primeiro capítulo da marcha de Feijóo. Hai dous meses, tras anunciar Sánchez o adianto electoral deste 23X, o líder popular reclamou tamén xunto a el ao vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ou o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy.

Con ese equipo galego de confianza Feijóo replicou en Madrid as estratexias que lle funcionaran en Galicia tanto no fondo como na forma, desde considerar ilexítimo o goberno que pretendía derrubar e apoiarse en falsidades ata calcar a mesma simboloxía (contrato coa cidadanía, lemas e imaxes replicadas, etc.). Pero desta volta foi insuficiente.
O PPdeG reconstituído de Rueda logra mellores resultados en Galicia que os do PPdeG de Feijóo transplantado a Madrid, pero a esquerda volve sumar máis que a dereita
Mentres, en Galicia o seu sucesor, Alfonso Rueda, tentaba refacer con dificultades tanto a Xunta como o PPdeG nunha sucesión de continuas fugas. Así que para el este 23X tamén supuña unha proba, que en principio parece superar con mellores notas que o seu antecesor. O PPdeG de Rueda logra mellores resultados en Galicia que os do PPdeG de Feijóo transplantado a Madrid. Pero a dereita volve quedar por baixo da suma das forzas da esquerda, e xa son unhas cantas eleccións sucedendo o mesmo.
Pasado o 23X, coa situación en Galicia aínda reconfigurándose, os equipos e as estratexias de Feijóo quedan agora varados no Congreso á espera do que poidan decidir outros, o resto de grupos parlamentarios dos que depende a gobernabilidade. Alí, na Cámara Baixa, sentarán na indefinición Francisco Conde, Rosa Quintana, Pedro Puy, Mar Sánchez, Marta Varela ou Miguel Tellado. Canto ás estratexias, está por ver a cales recorrerá agora un Feijóo que nunca se vira nunha situación tal. Desta volta o que vai pasar nas próximas semanas no Estado non sucedera antes en Galicia.