Os cambios esténdense ás delegacións da Xunta en Vigo e Pontevedra e aos departamentos de Turismo, Igualdade e Maiores e Discapacidade
A crise de goberno na Xunta aberta o pasado luns por Alberto Núñez Feijóo ao comezar a confirmar as súas listas ás xerais do 23 de xullo pechouse no máis alto nivel do Goberno galego este xoves, coa toma de posesión dos novos conselleiros. Pero as mudanzas estendéronse na mesma xornada a niveis inferiores da Xunta, con cambios derivados das pasadas eleccións municipais que atinxen ás delegacións da Xunta en Vigo e Pontevedra e aos departamentos de Turismo, Igualdade e Maiores e Discapacidade.
A primeira hora da mañá o Pazo de Raxoi acolleu a toma de posesión como novos conselleiros de Emprego e Igualdade e do Mar de Elena Rivo e Alfonso Villares, así como a toma de posesión nos seus novos cargos dos conselleiros que resultaron ascendidos, o agora vicepresidente primeiro Diego Calvo, a vicepresidenta segunda Ángeles Vázquez ou a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana.
Tras celebrar este mesmo xoves o primeiro Consello da Xunta coa nova composición, o presidente, Alfonso Rueda, compareceu en San Caetano na habitual rolda de prensa na que comunicou outras mudanzas en cargos inferiores derivadas das eleccións municipais.
A ata agora delegada en Vigo, Marta Fernández-Currás, foi candidata á alcaldía da cidade e este sábado tomará posesión como concelleira da oposición. Agora é substituída por Ana Ortiz Álvarez, que era a súa número 2 na delegación como secretaria territorial da Xunta en Vigo e que antes xa pasara por outros postos tanto da Xunta como do Estado, como a subdelegación do Goberno de España en Pontevedra.
En Pontevedra o ata agora delegado da Xunta e presidente do PP provincial, Luis López, será o novo presidente da Deputación de Pontevedra, cargo ao que chegará tras unha operación que implicou que 16 persoas renunciasen a ser edís en Rodeiro, onde el era o último suplente na lista do PP para o pasado 28M. No seu lugar na delegación da Xunta en Pontevedra este xoves foi nomeado Agustín Reguera, alcalde desde 1995 de Soutomaior, onde o BNG vai facerse este sábado coa alcaldía.
Tamén derivados das eleccións municipais chegan outros tres ceses, de momento sen remudas. Deixa a Xunta a ata agora responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, que foi candidata á alcaldía de Ponteareas, onde o goberno local segue pendente de posibles pactos a varias bandas que se deben concretar este sábado.
Candidato tamén en Vigo, no cuarto posto da lista popular, foi Fernando González Abeijón, que este sábado tomará posesión na corporación municipal e este xoves foi cesado como director xeral de Maiores e Discapacidade.
Nava Castro e Susana López Abella, dúas das máis veteranas nos segundos niveis da Xunta, deixan os seus cargos sen que de momento haxa remudas
E igualmente deixa o posto de secretaria xeral de Igualdade Susana López Abella, das máis veteranas entre os altos cargos da Xunta. No seu caso pasará a ser deputada no Parlamento de Galicia ao correr a lista tras saír da Cámara outros compañeiros para asumir alcaldías este sábado. Pero a súa saída tamén coincide coa chegada dunha nova conselleira e despois de que a súa visibilidade durante os últimos tres anos dentro da Consellería de Emprego e Igualdade de María Jesús Lorenzana fose inferior á que tiña cando a Secretaría Xeral de Igualdade dependía directamente da Presidencia da Xunta.