De privatizar a política turística a tentar recuperar a alcaldía do pai franquista: Nava Castro volve a Ponteareas

Nava Castro, de Negro, nunha procesión do Corpus en Ponteareas como directora de Turismo de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

A directora de Turismo de Galicia durante a última década, na que cedeu ao clúster de empresas do sector o deseño e execución de políticas públicas, será a candidata na súa vila dun PP co 22% dos votos nos últimos comicios, que consolidaron a alcaldía do BNG

Xa foi alcaldesa de Ponteareas entre 2000 e 2003, cando o seu pai, no cargo desde 1968, llo cedeu ao ser condenado por falsidade en documento público. E agora, tras unha década á fronte de Turismo de Galicia na que foi entregando progresivamente ao clúster de empresas do sector o deseño e execución das políticas turísticas, Nava Castro volve á política local para tentar remontar nas elección municipais do próximo 28 de maio o escaso 22% dos votos que obtivo o PP nos comicios de 2019, que consolidaron a alcaldía do BNG.

O PPdeG decide agora presentar a Nava Castro como candidata en Ponteareas xusto dúas décadas despois de que o seu desencontro cos populares dese en 2003 a alcaldía da vila á esquerda por primeira vez

Nava Castro, á esquerda, con Feijóo e Rueda nunha imaxe de 2016 CC-BY-SA Xunta de Galicia

A marcha de Castro da Xunta chega despois dun dobre ano Xacobeo no que a área de Turismo foi especialmente agraciada nos orzamentos e pasou a depender directamente do presidente, Alfonso Rueda, que con este paso, unido ao traslado de Jesús Vázquez Almuiña da presidencia do Porto de Vigo á candidatura popular en Baiona, parece querer remontar os malos resultados do PP de Pontevedra que el presidiu ata hai uns meses.

En 2003, logo de suceder o seu pai tras ser condenado, Nava Castro presentouse co seu propio partido e a falta de acordo co PP deu a alcaldía por primeira vez á esquerda, unha de cuxas primeiras decisións foi retirar o busto de Franco que os Castro mantiveran na Praza Maior

Nava Castro entrou en política da man do seu pai, José Castro, alcalde de Puenteareas, como el se refería á súa vila, entre 1968 e 2000. Ese ano o pai cedeu á filla a alcaldía ao non obter a totalidade do indulto que pedira ao Goberno de Aznar tras a súa condena por falsidade en documento público. Aznar librouno de entrar na cadea, pero Pepe Castro tivo que deixar a alcaldía, que ocupaba coa súa propia formación, Unión Condado-Paradanta (UCPA), creada tras deixar o PP ao ver medrar as súas causas xudiciais.

Pepe Castro deixou a alcaldía, pero os Castro seguiron gobernando Ponteareas. Nava Castro encabezou en 2003 o partido independente do seu pai e foi a candidata máis votada, pero a falta de acordo co PP facilitou que por primeira vez a esquerda gobernase Ponteareas. A alcaldía, malia que o BNG obtivo 5 edís, foi para o PSdeG con só 2 porque así o quixo o PP. E unha das primeiras decisións daquel novo goberno foi retirar o busto de Franco que os Castro mantiveron na Praza Maior da vila durante os seus mandatos.

Indulto parcial a José Castro do Goberno de Aznar do que formaba parte Rajoy e libro biográfico prorrogado polo propio Rajoy CC-BY-SA Praza Pública

Un ano máis tarde, en 2004, o PP e os Castro se reconciliaban e impulsaban unha moción de censura que daba a alcaldía ao popular Salvador González Solla. Nos anos seguintes a UCPA integrouse no PP, Nava Castro obtivo un escano no Congreso, e coa chegada de Feijóo á Xunta en 2009 foi nomeada primeiro directora xeral de Comercio e en 2013 de Turismo.

Nese último posto estivo ata agora, durante unha década na que a Xunta foi deixando as súas políticas turísticas progresivamente en mans privadas, da denominada Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia. Creada a finais de 2013, coincidindo coa chegada de Castro ao cargo, a asociación non só está a executar ela con cartos públicos actividades de promoción de Galicia que antes realizaba a Xunta senón que foi encargada de elaborar, mesmo a través de subcontratacións, a planificación estratéxica de Turismo de Galicia, isto é, o deseño das políticas públicas do sector. Un sector ao que a Xunta regou con importantes cantidades de cartos públicos nos últimos anos tanto pola coincidencia de dous anos xacobeos consecutivos como polas diversas liñas de subvencións relacionadas coa pandemia da COVID.

Xosé Represas, alcalde de Ponteareas entre 2015 e 2021, falecido o 24 de maio de 2021 © Concello de Ponteareas

O PP parecer ver agora unha posibilidade de remontar en Ponteareas tras a morte en maio de 2021 do alcalde do BNG Xosé Represas

Tras esta década pasada á fronte de Turismo de Galicia, e cando a Xunta prepara agora toda unha nova “década xacobea” por diante, Castro volve a unha Ponteareas na que o traballo de fondo do BNG contra o seu pai acabouno levando á alcaldía en 2015. En 2019 os nacionalistas, encabezados por Xosé Represas e co apoio do histórico Roberto Mera, consolidaron a súa posición co 34% dos votos, fronte ao 22% do PP. Pero Represas morreu en maio de 2021 e o PP parece ver agora unha posibilidade de remontar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.