González Solla entra agora na lista para o Senado por Pontevedra, da que cae Xosé Crespo, que volve aspirar á alcaldía de Lalín
O PP vén de recuperar para a primeira liña política, cun posto na candidatura ao Senado por Pontevedra que os populares adoitan gañar, a Salvador González Solla, que foi alcalde de Ponteareas desde 2004, tras unha moción de censura, ata 2015. Previamente fora xerente dunha das 34 fundacións comarcais que a Xunta de Manuel Fraga creara por toda Galicia e que Feijóo suprimiu despedindo os seus traballadores temporais pero creando para os seus ex-directivos, cando menos seis deles cargos do PP, como González Solla, postos á medida en oficinas de emprego. Agora o popular entra na candidatura ao Senado por Pontevedra, da que sae o ata agora senador e ex-rexedor de Lalín Xosé Crespo, que volve aspirar á alcaldía dese municipio.
Cando Feijóo suprimiu as fundacións comarcais de Fraga, o ex-rexedor de Ponteareas Salvador González Solla e outros ex-xerentes desas entidades que eran cargos do partido foron recolocados en prazas de nova creación.
Cando Feijóo chegou á Xunta e decidiu suprimir as 34 fundacións comarcais que creara Fraga nos anos noventa, os seus traballadores temporais foron despedidos e os indefinidos foron trasladados a outros chiringuitos autonómicos, incluídos a maioría dos ex-xerentes desas entidades. Pero estes últimos, entre os que había cando menos media ducia de cargos do PP, non quedaron na administración paralela senón que foron integrados como persoal laboral fixo na propia administración xeral, en postos creados para eles en oficinas de emprego de toda Galicia. Uns postos que a Xunta creou en abril de 2014 pero que, en plena crise e coas cifras de desemprego disparadas, mantivo baleiros durante preto de dous anos, mesmo vetando que outros traballadores puidesen ocupalos de xeito temporal malia recoñecer que era necesario cubrilos. No caso de González Solla, a decisión da Xunta de cubrir á fin eses postos de nova creación cos ex-xerentes comarcais chegou poucos meses despois da súa saída da alcaldía de Ponteareas.
A Xunta habilitou un mecanismo para que os ex-xerentes comarcais que visen rebaixado o seu soldo nesas novas prazas a respecto do que percibían antes seguisen recibindo durante seis anos un complemento
No listado de ex-xerentes comarcais aos que a Xunta creou unha praza a medida figuran nomes de cargos do PP como González Solla; Manuel Valín, voceiro popular en Ribadeo; Azucena González Loredo, edil tamén en Ribadeo; ou Inés Monteagudo, voceira do PP en Muros. O caso de González Solla foi levado en 2015 por Compromiso por Galicia ante a Fiscalía, pero esta rexeitou investigalo argumentando que só podía facelo se llo pedía alguén prexudicado de xeito directo. Se CxG quería denuncialo tería que facelo directamente ante un xulgado, o que lle suporía un custe económico.
Ademais, a Xunta habilitou un mecanismo para que os ex-xerentes comarcais que visen rebaixado o seu soldo nesas novas prazas a respecto do que percibían antes seguisen recibindo durante seis anos un complemento ata a súa equiparación definitiva. En 2008 os soldos deses xerentes á fronte das fundacións comarcais oscilaban entre os 32.400 e os 51.700 euros brutos anuais.
Unha selección dubidosa en tempos de Fraga
A integración como persoal laboral fixo da propia Xunta dos ex-xerentes comarcais produciuse malia as dúbidas que existen sobre os procesos de selección que tiveron que pasar en tempos de Fraga para ser contratados inicialmente por cada fundación comarcal
A integración como persoal laboral fixo da propia Xunta dos ex-xerentes comarcais produciuse malia as dúbidas que existen sobre os procesos de selección que tiveron que pasar en tempos de Fraga para ser contratados inicialmente por cada fundación comarcal. Na primeira convocatoria, de xaneiro de 1998, do total de 22 puntos que podía recibir cada candidato, sete puntos destinábanse á “valoración do curriculum” e outros cinco ao resultado dunha “entrevista persoal”, mentres que só os restantes sete puntos se decidían por unha “proba tipo test de coñecementos específicos”. Canto ao traballo realizado despois e a súa relación coa Xunta, na xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) hai sentenzas que outorgaron a algúns dos ex-xerentes a condición de persoal laboral fixo mentres que outras sentenzas lla denegaron a outros.