A chegada de Alfonso Rueda á presidencia da Xunta en substitución de Alberto Núñez Feijóo trouxo consigo a reelección de todos os membros do Goberno galego que xa eran tal. Foi unha aposta netamente continuísta nun Consello con Diego Calvo como única novidade á fronte dunha Vicepresidencia Segunda que herdou o groso das competencias ata agora situadas na Vicepresidencia Primeira, a que dirixía o propio Rueda.
A área turística leva ao mando orgánico de Rueda dende 2020, cando Feijóo a trasladou á Vicepresidencia
A estrutura orgánica do primeiro goberno de Rueda -que aínda pode incluír axustes adicionais no seu desenvolvemento nas vindeiras semanas vía decreto- trouxo consigo, non obstante, algunhas mudanzas relevantes en canto ás atribucións dos diferentes departamentos. A máis significativa, así destacada pola propia Xunta, foi o regreso das competencias en materia de Turismo á Presidencia da Xunta, onde xa estiveran entre 2012 e 2018, daquela con dependencia orgánica directa de Feijóo.
O propio goberno galego indicou que "Turismo pasa a depender da presidencia da Xunta como mostra da prioridade que se lle dá a esta área para esta década xacobea". Deste xeito, Rueda seguirá tendo mando directo no funcionamento cotián dun departamento que xa tiña baixo a súa responsabilidade orgánica dende 2020. Mentres, a Presidencia da Xunta despréndese da Secretaría Xeral para o Deporte, de agora en diante responsabilidade da Vicepresidencia de Calvo.
Rango e orzamento crecente para o departamento turístico do Goberno
Turismo pasou de dirección xeral nos gobernos de Fraga e de PSdeG e BNG a Secretaría Xeral con Feijóo, que despois transformou o departamento nunha das axencias cuestionadas polo Consello de Contas
Daquela, despois das eleccións galegas da súa cuarta e derradeira maioría absoluta, Feijóo trasladou a Axencia Turismo de Galicia da consellería de Cultura á Vicepresidencia Primeira. Foi en vésperas da confección duns Orzamentos, os de 2022, que trouxeron consigo un novo récord de fondos públicos destinados ao departamento turístico do Goberno, cunha asignación superior aos 115 millóns de euros.
Foron movementos que chegaron tras unha década na que o departamento turístico do Goberno galego foi medrando en rango xerárquico e orzamento. Durante o mandato do Goberno de coalición de PSdeG e BNG (de agosto de 2005 a abril de 2009), Turismo tiña rango de Dirección Xeral (igual que nos Executivos de Fraga) e ficou encadrada na Consellería de Innovación e Industria, que dirixía Fernando Blanco (BNG). En 2009, tras o retorno do PP ao poder con Feijóo ao mando, ascendeu de dirección a Secretaría Xeral e volveu depender da Consellería de Cultura, como no remate do fraguismo.
Pero ese reparto durou menos dun trienio. A comezos de 2012, na súa primeira crise de goberno, Feijóo destituíu o seu conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e suprimiu o departamento. As competencias culturais foran fusionadas con Educación e o Turismo converteuse nun departamento da Presidencia da Xunta, onde permanecería ata 2018. Foi nese período cando desapareceu a Secretaría Xeral para o Turismo e as súas competencias foron asumidas pola Axencia Turismo de Galicia, de nova creación, que tamén asumiu o labor antes encomendado á empresa pública Turgalicia, disolta en 2014.
Así, co modelo de axencia -un mecanismo que proliferou na administración paralela da Xunta durante os mandatos de Feijóo, cuestionado polo Consello de Contas-, Turismo seguiu na Presidencia da Xunta ata 2018. Daquela, na crise de goberno propiciada por Feijóo para dar saída aos conselleiros que se presentaban ás municipais (Beatriz Mato e José Manuel Rey), decidiu recuperar a Consellería de Cultura e Turismo baixo a responsabilidade de Román Rodríguez. A decisión, non obstante, durou apenas dous anos e despois das eleccións de 2020 o turismo pasou ás mans de Rueda con vistas ao Xacobeo.
Todas as consellerías ollando ao Xacobeo
O Xacobeo -tanto o actual coma o vindeiro, en 2027- é, precisamente, explicación ofrecida por Rueda para o novo ascenso xerárquico do turismo. Así o evidenciou no seu discurso na toma de posesión do seu Goberno, no que a turística foi a única área sectorial á que se referiu especificamente. "Todas as consellerías", advertiu, teñen a encomenda de "implicarse" co Xacobeo. O obxectivo, agregou, é que "o turismo sexa puntal do despegue económico de Galicia.
Nos últimos dous anos, as partidas turísticas suman máis que as culturais nos Orzamentos. Neste 2022 acadan os 115 millóns
O orzamento turístico a cargo de Rueda non só é o maior da historia da Xunta. Tamén resulta significativo que, dende que ten as competencias na materia, Turismo teña asignadas nas contas públicas maior orzamento que Cultura. Como informou Praza.gal, esa inversión de prioridades aconteceu por primeira vez en 2021 e consolidouse neste 2022, ano no que as partidas culturais levan 96 millóns de euros e as turísticas, 115. Cómpre ter en conta, ademais, que os fondos formalmente dedicados á cultura tamén diminuíron a medida que as obras da Cidade da Cultura foron finalizando. Así, por exemplo, no derradeiro orzamento do Goberno de Fraga a partida cultural contaba con case 220 millóns, pero 40 deles ían ás obras do Gaiás.
Boa parte do 10% do incremento do orzamento turístico neste 2022 son fondos asignados á Axencia Turismo de Galicia para o Xacobeo, á promoción turística a través dos concellos e a achegas a empresas do sector dentro do "plan de choque" pola COVID. Desa mesma axencia pública saen tamén importantes campañas promocionais en diferentes soportes, entre eles diversos medios de comunicación, que son adxudicadas por esta vía e non a través da Secretaría Xeral de Medios, que tamén depende da Presidencia da Xunta.
Un millón en patrocinios nos primeiros días de maio
Así, por exemplo, entre os días 2 e 9 de maio -cadrando co período do Goberno en funcións por mor da dimisión de Feijóo-, Turismo adxudicou cinco contratos privados de patrocinio publicitario -fórmula de adxudicación directa contemplada na lexislación sen que medie concurso- ligados ao Xacobeo con outras tantas empresas editoras de medios de comunicación de ámbito estatal. En conxunto suman 1,2 millóns de euros.
As destinatarias dos contratos de patrocinio do Xacobeo pechados nos últimos días por Turismo foron empresas editoras dalgúns dos principais medios de comunicación de ámbito estatal
Os máis cuantiosos, con cadanseus 300.000 euros, foron os asinados coa empresa Audiovisual Española 2.000 para a difusión de diversos contidos e patrocinios en Antena 3, La Razón e Onda Cero baixo o lema xeral Deja tu huella en Galicia. O mesmo importe, 300.000 euros, é o do patrocinio para a empresa editora da Cadena COPE e 13 TV, con espazos en ambos soportes para o proxecto Debates en el Camino.
Os outros tres contratos pechados por Turismo con grupos editores de medios nos últimos días foron pechados por 200.000 euros cada un. Con Unidad Editorial, a Xunta acordou financiar a denominada Experiencia camina a Galicia, que inclúe diversas publicacións de contidos e insercións en El Mundo, Marca, Telva, e Expansión. Co grupo Vocento, o patrocinado é o proxecto Experiencia del Camino en primera persona e supón a difusión de contidos no xornal ABC e na revista XL Semanal. Co grupo Prisa, a iniciativa denomínase El Camino de los sentidos e diríxese a contidos e programas en El País e a Cadena SER.