Rueda sitúa o turismo como "puntal do despegue" de Galicia e pide que todas as consellerías se impliquen co Xacobeo

O novo Goberno galego presidido por Alfonso Rueda este luns ante a Catedral de Santiag CC-BY-SA Praza Pública

Na toma de posesión da nova Xunta tras a crise de goberno provocada por Feijóo o presidente salienta a “experiencia no sector público” de Diego Calvo, que di que chega á Vicepresidencia Segunda “por distintas circunstancias”

O Xacobeo en particular e o turismo en xeral foron este luns, na toma de posesión do novo Goberno galego, a única área sectorial na que puxo o foco o novo presidente, Alfonso Rueda, na toma de posesión do seu executivo. Sobre esa cuestión formulou o popular a única petición concreta e transversal a todas as consellerías, máis alá das habituais apelacións ao esforzo e o traballo conxunto. Diante das conselleiras e conselleiros que viñan de xurar e prometer os seus cargos o seu presidente pediulles “que todas as consellerías se impliquen” co Xacobeo para que “o turismo sexa puntal de despegue económico de Galicia”.

As verbas de Rueda chegaron nunha toma de posesión na que a principal novidade foi a entrada no Consello da Xunta de Diego Calvo, o barón provincial do PP que máis dificultou a sucesión de Feijóo. Del eloxiou o presidente a súa “experiencia no sector público”, en referencia aos sucesivos cargos que copan a súa vida laboral. Pola súa banda, Calvo agradeceu o nomeamento admitindo que “moita xente que é válida” podía ocupar o seu novo cargo pero que “por distintas circunstancias”, que non concretou, “tocoulle” a el.

Rueda e o seu Goberno camiñando entre peregrinos pola Praza do Obradoiro CC-BY-NC-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A toma de posesión do novo Goberno galego este luns, tres meses despois de que estourase a crise interna do PP estatal que derivou na marcha de Feijóo a Madrid e a consecuente crise de goberno na Xunta, concretouse no xuramento do cargo pola gran maioría dos conselleiros e conselleiras e na promesa do mesmo por parte de Calvo e do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Pero a asunción do cargo máis rechamante foi a que realizou a conselleira de Política Social, Fabiola García, que ademais de pronunciar o xuramento preceptivo en galego reproduciuno tamén en lingua de signos. 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, que falou como a máis veterana, no cargo desde 2009, amosouse confiada en que “vai haber comprensión por parte da sociedade” cos erros que cometan

Tras os xuramentos e promesas, e xunto coa breve intervención de agradecemento de Calvo como o único novo no Goberno, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, como a máis veterana ao manterse no cargo desde 2009, pronunciou un discurso en representación de todos os seus compañeiros. Nel agradeceu a confianza tanto de Feijóo como de Rueda e amosou a súa confianza en que ademais dos acertos “vai haber comprensión por parte da sociedade” cos erros que cometan.

O acto pechouno Rueda cun discurso en parte improvisado no que explicou as poucas mudanzas que haberá no seu goberno a respecto do derradeiro que tivo Feijóo. O ascenso de Francisco Conde de vicepresidente segundo a primeiro mantendo a coordinación da política económica argumentouno en que é unha figura “imprescindible”. De Calvo como vicepresidente segundo salientou a súa antedita “experiencia no sector público”. 

Diego Calvo na súa promesa do cargo de Vicepresidente Segundo da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

E sobre a única mudanza de competencias entre departamentos, ao levarse con el á Presidencia a área de Turismo, que ata agora estaba na Vicepresidencia Primeira, a valoración que fixo Rueda foi a de colocar ese eido no centro das prioridades do seu Goberno. O turismo, salientou, supón “o 10% do PIB” de Galicia e o presidente quere darlle a máxima relevancia política ao Xacobeo deste ano asumindo esas competencias directamente. Pero foi máis alá e pediu “que todas as consellerías se impliquen nese éxito” para “que o turismo sexa puntal de despegue económico de Galicia”.

Primeiro Consello da Xunta presidido por Alfonso Rueda como presidente CC-BY-NC-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda rematou o seu discurso gabando a “magnífica transición” e o “xeito modélico” en que ao seu ver foi xestionada a marcha a Madrid dun Feijóo que este luns xa só estivo nas conversas dos presentes. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, pronunciou o xuramento do cargo en Galego e reproduciuno tamén en lingua de signos CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.