O presidente da Xunta pronuncia un tradicional discurso de fin de ano con menos fondura política que en ocasións previas pero con similares referencias compartidas coa felicitación de Nadal do PP
O tradicional discurso televisado de fin de ano do presidente da Xunta foi nesta ocasión unha mensaxe con menos fondura política que en anos previos na que Alberto Núñez Feijóo fixo repaso a algúns dos principais fitos de 2021 e avanzou as súas expectativas para 2022, que centrou no Xacobeo, os fondos europeos e o comportamento da cidadanía. Foi nun vídeo gravado no Monte do Gozo, acompañado de persoal sanitario e de emerxencias, producido hai días, antes de que o presidente reducise a súa axenda tras ser contacto estreito dunha persoa positiva por COVID.
Como xa ocorrera hai dous anos, cando na mensaxe oficial da Xunta o presidente parafraseara o vídeo de Nadal do PPdeG feito público días antes, tamén este ano o discurso institucional compartiu referencias co partidario. O vídeo dos populares centraba a súa mensaxe no protagonismo da cidadanía, dos galegos e galegas de onte e de mañá, mentres que o deste venres insistiu no “mellor recurso” de Galicia, “a nosa xente”. “Os protagonistas non van ser outros que vós, as galegas e os galegos, vós sodes imprescindibles para camiñar cara unha Galicia mellor”, sentenciou Feijóo na súa intervención.
O presidente salientou o menor impacto da pandemia en Galicia que noutras comunidades autónomas, poñendo o foco na vacinación como principal medida contra a COVID. No eido político, a súa principal referencia, tras dous anos de enfrontamentos co Goberno de España a conta da xestión da pandemia, foi a de que “ser leal non é incompatible con ser reivindicativo, é posible sumar e servir aos cidadáns de Galicia e de España ao tempo que se mantén a identidade e as raíces, e todo iso é posible grazas aos galegos”.
“Seguro que aínda quedan dificultades, estamos de cheo nelas, a incertidume de novas ondas, a suba do coste da vida, o prezo da luz... van ser pedras no camiño”, di Feijóo
Tras lembrar os éxitos deportivos galegos neste 2021 olímpico, a celebración dos 40 anos do Estatuto de Autonomía ou o Xacobeo, o presidente salientou que a prolongación do ano santo tamén a 2022 “marcará o vindeiro ano, como tamén o fará a evolución da pandemia e como afrontar a recuperación económica”.
Na súa intervención Feijóo admitiu que “seguro que aínda quedan dificultades, estamos de cheo nelas, a incertidume de novas ondas, a suba do coste da vida, o prezo da luz... van ser pedras no camiño”. Pero asegurou que “Galicia conta cos instrumentos para facer fronte ao virus e por suposto está preparada para aproveitar os fondos europeos”.