PP e BNG publican os seus vídeos de Nadal no inicio do derradeiro pleno parlamentario do ano

Vídeos do PP e do BNG polo Nadal 2021 CC-BY-SA PP | BNG

Hemeroteca

Este martes, 21 de decembro, o Parlamento acolleu o pleno que aprobou definitivamente os Orzamentos Xerais da Xunta para 2022. Inmediatamente despois comezou na Cámara a derradeira sesión plenaria do ano, con asuntos como a lei de acompañamento das devanditas contas do ano vindeiro. Cadrando con esta despedida ao ano parlamentario, o PP e o BNG fixeron públicos cadanseus vídeos de Nadal.

No caso dos populares, a montaxe ten como protagonista a voz do seu líder e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Divulgado en senllas versións, con locución en castelán e subtítulos en galego (e viceversa) -a primeira foi a inserida na conta de Twitter do xefe do Goberno galego-, o vídeo pretende dar "a benvida á Galicia do mañá" dende "a Galicia de hoxe", sinalan os conservadores.

Asegura o PP que "cómpre sinalar que se trata dun vídeo  de dous minutos e catorce segundos nos que o presidente só aparece durante catro segundos, pois a formación quere dar nestas datas o protagonismo aos cidadáns que traballan por esa Galicia familiar e acolledora que deixarán aos galegos do futuro". Durante toda a gravación, a voz que se escoita é a do propio Feijóo.

O BNG, pola súa banda, divulgou un vídeo no que a súa portavoz nacional, Ana Pontón, comparte con membros do seu grupo parlamentario a felicitación de Nadal. Na gravación, Pontón e mais deputadas e deputados explican o xeito en que celebran estas festas e tamén desexan "saúde" e recomendan prudencia ante a COVID. "O importante -conclúe Pontón ao remate- é que nos coidemos e pasemos moitos máis Nadais xuntos e xuntas".

Sinala o Bloque que os seus representantes "convidan a gozar" do Nadal e do Aninovo, "pero sen esquecer a pandemia, poñendo o foco na importancia da saúde sempre e máis agora. "O mellor está por chegar", conclúen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.