Mercados, xogos e outros plans para o Nadal

Imaxe de arquivo do Mercado da Estrela de Santiago © Mercado da Estrela

Nestas datas agroman os plans relacionados co Nadal para todas as idades. Os mercados que se espallan polo país achegan a produtores e artistas locais. Como o Mercado da Estrela de Santiago de Compostela, que festexa o seu décimo aniversario do 16 ao 19 de decembro con preto dun centenar de marcas de artesanía, moda, ilustración, xoguetes, fotografía, deseño, decoración e produtos enogastronómicos. 

Esta feira creativa, organizada polo Concello e Correveydile, terá lugar no segundo andar do Centro Social Abanca na praza de Cervantes, no claustro procesional do mosteiro de San Martiño Pinario e no claustro e salón de peregrinos da Hospedería San Martín Pinario. Haberá tamén zona de restauración na praza 8 de Marzo e concertos como os de Kings Of The Beach, Elba, The Rapants e Lilaina na pista cuberta do Centro Don Bosco.

Noria situada no centro de Vigo polo Nadal © Gonzalo GR

En Vigo está, ata o 15 de xaneiro de 2022, Ofeitoaman. A feira de artesanía estrea ubicación e este ano espalla os seus postos ao longo da Alameda, na praza de Compostela. Conta coa participación de trinta artesáns que chegan de diferentes zonas de Galicia e tamén de Portugal. Na feira tamén haberá exposicións temporais como a da Asociación de familias de persoas con parálise cerebral (APAMP) ou unha mostra da olería de Buño. 

O concello de Vilagarcía tamén organiza un Mercado de Nadal ata o 2 de xaneiro con máis de trinta participantes de dentro e fóra de Galicia. Catro oenegués da localidade compartirán unha das dezaseis casetas que se espallarán entre a praza da Independencia e a de España. Haberá doces típicos destas datas e moitas opcións de agasallos e decoracións de Nadal.

A feira de ocio xuvenil de Lugo, XuvenLugo, contará con diferentes actividades para os máis novos no Pazo de Feiras e Congresos durante boa parte das datas do Nadal: nas fins de semana que restan de decembro e nas dúas primeiras de xanero, cun horario de 16.30 a 20.30 horas. Atraccións, inchables, xogos, minigolf, rocódromo... e unha luduteca pensada para nenos e nenas de ata sete anos.

A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada organiza o sábado, día 17, a primeira edición do mercado Petiscos de Nadal para a promoción e venda dos produtos artesáns da Ribeira Sacra. Unha ducia de firmas artesás e agroalimentarias da comarca terán os seus postos a partir das 12.00 horas na praza de Riazón de Taboada. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza un concerto do sexteto Airiños da Freba ás 18.30 horas. 

Unha edición do XuvenLugo no Pazo de Congresos de Lugo © XuvenLugo

O tradicional poboado de Nadal de María Pita xa está instalado na Coruña e nel vanse desenvolver obradoiros culturais para nenas e nenos de curta idade, que terán unha duración de dúas horas e para os que haberá que reservar praza. O belén municipal lembra este ano a figura da enfermeira Isabel Zendal, como símbolo do recoñecemento da cidade aos profesionais sanitarios. 

Na Alameda de Suances de Ferrol hai un Mercado de Nadal ata o 9 de xaneiro e unha carpa na praza de Armas a partir do día 17 na que programan concertos como os de Mamá Cabra e Los Satélites o sábado 18. Tamén contarán cunha ludoteca para os máis pequenos e con obradoiros para construír adornos de Nadal personalizados. 

O Poboado de Nadal da praza da Ferrería de Pontevedra ten 17 postos e estará aberto ata o 5 de xaneiro para que os Reis (e Raíñas) Magos teñan tempo de pasar por el. Nel hai motivos de decoración propios destas datas e produtos de alimentación, entre outras cousas. Ademais, o programa Pontexogos levará polas parroquias diferentes propostas para o lecer dos máis pequenos. 

Poboado de Nadal na praza de María Pita na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

O Concello de Nigrán organiza o seu primeiro mercado de inverno do 17 ao 19 de decembro. O Bule Bule estará na praza Rosalía de Castro e contará con concertos en sesión vermú e pola noite ao longo da fin de semana con Black Label Dúo, Amparo e Hadrián Rivas e The Twinpims. Unha vintena de postos de artesáns de toda Galicia levarán propostas desde cerámica, a coiro, ilustracións, moda, abalorios, xoguetes e outros produtos de deseño. Tamén haberá produtos gastronómicos da man de empresas locais como as das cervexas Trisk-Ale/Banda e Chupipostres.

A I Feira de Nadal de Mazaricos celébrase do 17 ao 19 de decembro no recinto feiral da Picota. Contará con 23 postos comerciais, informativos e gastronómicos para favorecer que a axente se achegue a mercar produtos locais. Toda a decoración do recinto é artesanal, xa que foi realizada dentro dos obradoiros de manualidades municipais por rapazas e rapaces da localidade. 

En Ourense converteron o Xardín do Posío nun "parque de aventuras" para nenas e nenos con dous niveis de dificultade, nos que terán que sortear ata oito pontes, provistos de casco e arnés para maior seguridade. Estará funcionando desde o 17 de decembro ata o 10 de xaneiro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.