Cultura e Turismo son dúas áreas que adoitan compartir departamentos en diversos niveis de goberno. Sucede en numerosos concellos e deputacións e así foi tamén na Xunta en varios períodos; o último, entre 2018 e 2020, cando Alberto Núñez Feijóo decidiu recuperar na estrutura do seu goberno a Consellería de Cultura e Turismo que xa instaurara ao chegar á presidencia en 2009. Na presente lexislatura, Turismo é parte da Vicepresidencia primeira, con Alfonso Rueda á fronte.
Impulsado polas medidas ligadas ao Xacobeo e á pandemia, o orzamento de Turismo sobe un 10% en 2022 fronte ao 5% que ascenderá Cultura, consolidando a primacía das partidas da área turística sobre as da cultural
Con independencia da Consellería na que se encadren as competencias, a letra pequena dos Orzamentos do Goberno galego para cada ano permite comprobar os fondos que teñen asignados a partida cultural e mais a turística por separado. Ata hai poucos anos, o habitual viña sendo que Cultura contase con maior dotación que Turismo. Así sucedía mesmo nos anos con Xacobeo (foi o caso do derradeiro con Fraga, o 2004, ou do primeiro con Feijóo, o 2010).
Non obstante, dende hai case media década a Xunta tendeu a achegar a dotación orzamentaria de ambas partidas pola vía do incremento da turística en maior medida que a cultural ata practicamente igualalas en 2020 (74,89 millóns para Cultura e 73,84 para Turismo, segundo os datos do orzamento consolidado). As decisións do Goberno ligadas á pandemia e o impacto desta no Xacobeo 2021 (prorrogado a 2022, como o Ano Santo) desequilibraron definitivamente a balanza.
Deste xeito, o ano 2021 foi o primeiro en que, os Orzamentos Xerais da Xunta asignaron máis fondos a Turismo que a Cultura, con 104 fronte a 91 millóns de euros, segundo o orzamento definitivo aprobado para o ano en curso. O proxecto de Orzamentos para 2022 que a Xunta está a tramitar no Parlamento afonda nesa fenda, con 115 millóns para Turismo (+10,07%) e 96 para Cultura (+5,77%).
As partidas que soben
Para comprobar a orixe das subas orzamentarias nunha e noutra área do Goberno e como Turismo deu en superar a Cultura cómpre consultar dous apartados distintos das contas públicas: o da Consellería de Cultura e Educación e o da Axencia Turismo de Galicia, ente ao que a Vicepresidencia lle transfire os fondos turísticos e que opera, de facto, como consellería da materia.
Boa parte do incremento do orzamento turístico son fondos asignados á Axencia Turismo de Galicia para o Xacobeo, a promoción turística a través dos concellos e achegas a empresas do sector dentro do "plan de choque" pola COVID
É precisamente a Axencia Turismo de Galicia a que canalizou en 2021 e volverá canalizar en 2022 boa parte dos fondos do que a Xunta denominou "plan de choque" para o sector a causa da pandemia da COVID-19. Nel inclúense, por exemplo, as transferencias a concellos para a promoción turística ou a organización de eventos festivos, que pasa de 5 millóns en 2021 a algo máis de 22 no 2022. Tamén as achegas a empresas do sector formuladas para paliar os efectos do coronavirus, que xa comezaran 2021 con 19 millóns e que están dotadas con 21 millóns no proxecto orzamentario do ano vindeiro.
Estes incrementos son os máis destacables dun orzamento total da Axencia de Turismo que en 2022 ascenderá a 126,03 millóns de euros. Son case 11 millóns máis que o consignado para a partida de Turismo nos Orzamentos Xerais da Xunta porque este organismo, que en 2021 manexou 112,5 millóns, percibe outros ingresos como taxas e prezos pola prestación de servizos ou patrocinios privados do Xacobeo, polos que prevé uns 8 millóns de euros para 2022.
No referido a Cultura, as catro partidas que conforman esta área dos Orzamentos Xerais ascenderán en 2022, pero en menor medida. A máis relevante volve ser, un ano máis, a de fomento das actividades culturais (que medra menos dun millón de euros a respecto de 2021 e queda en 45,2), da que saen, por exemplo, os 22 millóns de euros asignados á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); algo máis de 10 millóns para a Fundación Cidade da Cultura, 2,5 millóns para actividades de difusión cultural ou case 300.000 euros para a Fundación Camilo José Cela.
A segunda partida con maior dotación orzamentaria volve ser a de bibliotecas, arquivos e museos, con algo máis de 22,5 millóns de euros. A continuación está a de protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural, dotada con 19 millóns.
Malia ascender por sétimo orzamento consecutivo, os fondos da Xunta para Cultura levan máis dunha década sen superar os 100 millóns de euros
Malia ao seu evidente crecemento nos últimos anos (será os sétimo orzamento consecutivo á alza tras tocar fondo en 2015), o orzamento cultural da Xunta segue sen superar os 100 millóns de euros, o cal aconteceu por última vez no ano 2010 -as primeiras contas con Feijóo na presidencia-. Continúa, asemade, notablemente por baixo dos derradeiros orzamentos do Goberno de coalición PSdeG-BNG (141 millóns de euros, segundo as contas consolidadas daquel ano).
Os fondos cos que contará a partida cultural dos Orzamentos da Xunta son tamén menos -mesmo sen ter en conta a inflación- que nas derradeiras contas públicas do Executivo do PP de Fraga, no que Feijóo exercía como vicepresidente primeiro. Naquel orzamento, o de 2005, a partida de Cultura contaba con 219,7 millóns de euros, se ben cómpre ter en conta que incluía máis de 40 millóns de euros para a construción da Cidade da Cultura e unha transferencia de máis de 25 millóns de euros para a Sociedade Anónima do Xacobeo.