“Poucos pobos teñen no seu palmarés unha tradición tan unificadora, universal e atemporal como o Xacobeo”, di o presidente, que para quen “a pandemia supuxo un ataque directo á esencia da galeguidade”.
O presidente Feijóo fiou este luns, na entrega das Medallas Castelao, un discurso arredor do Xacobeo e o turismo como exemplos da apertura de Galicia ao mundo fronte unha pandemia da COVID-19 que, dixo, “supuxo un ataque directo á esencia da galeguidade”. Porén, coa reacción de Galicia, dixo, “vemos reafirmada a democracia galeguista que nos inspira durante estes 40 anos de autonomía”. Un autogoberno que contrapuxo a outros territorios "confinados en ilusorias independencias" que non identificou.
As Medallas Castelao deste 2021, coas que no aniversario do traslado dos resto do galeguista de Bos Aires a Santiago a Xunta premia persoas ou entidades cunha creación artística, intelectual ou calquera outro tipo significativas para Galicia, foron entregadas a Santiago Pemán, Xoán Luís Saco Cid, Esther Eiros, Manuel Vila López e o Centro Superior de Hostalería de Galicia. O Goberno galego recoñeceu así cos galardóns ao histórico home do tempo da TVG, o catedrático ex-presidente da Fundación Otero Pedrayo, a xornalista especializada en turismo, o mestre lucense que traballa pola integración da comunidade xitana e o centro fomativo dependente da propia Xunta.
“Poucos pobos teñen no seu palmarés unha tradición tan unificadora, universal e atemporal como o Xacobeo”
Na súa intervención, Feijóo fiou a presentación de cada galardoado arredor da súa importancia para reafirmar o espírito aberto de Galicia. “Derrotamos un illamento psicolóxico que limitaba a nosa capacidade para estar no mundo cunha voz propia”, dixo o presidente, para engadir que “poucos pobos teñen no seu palmarés unha tradición tan unificadora, universal e atemporal como o Xacobeo” do que temeu un retroceso por culpa do coronavirus. “A pandemia supuxo un ataque directo á esencia da galeguidade”, dixo.
Porén, “as institucións funcionaron e brillou un galeguismo cívico que debe figurar nas páxinas destacadas da nosa historia como pobo”. Un pobo do que os galardoados coas medallas supoñen, dixo “unha selección galega de persoas que mellor nos representan dentro e fóra e de Galicia”. Así, salientou a divulgación que a xornalista especializada en turismo fai de Galicia, a profesionalización do sector grazas ao Centro de Hostalería ou a contribución de Pemán a rachar clixés sobre o clima galego.