Unha de cada dez persoas que obtiveron a compostela no que vai de ano declararon comezar o camiño fóra do país malia as restricións pola COVID
Esta fin de semana, coincidindo coa fin do estado de alarma pola COVID e, no caso de Galicia, sen que a Xunta propuxese manter o peche perimetral do país, o Goberno galegou lanzou diversas mensaxes e sinais encamiñadas a atraer turistas co Xacobeo como principal atractivo. Un Ano Santo que nos catro primeiros meses só rexistrou a entrega de 1.245 compostelas, pero das que unha de cada dez demostraron que o peche da comunidade pola pandemia non impediu a chegada de peregrinos que comezaron o seu camiño en localidades fóra do país.
Feijóo di ter a "expectativa" de que dentro de dous meses poida haber concertos de "incluso 10.000 persoas" en lugares como o Monte do Gozo
O domingo o presidente Feijóo ofreceu unha entrevista na Radio Galega na que, preguntado polo Xacobeo, certificou que "Galicia queda aberta" e que a Xunta agarda un progresivo aumento da chegada de peregrinos e turistas, especialmente no verán. Previamente fixara tamén nese momento, "en xullo ou agosto", a súa "expectativa" de que se poidan facer grandes concertos "por exemplo no Monte do Gozo, que ten unha capacidade para máis de 50.000 persoas", con restricións de distancias que permitan congregar "ata incluso 10.000 persoas" sentadas.
Ao mesmo tempo a vicepresidencia primeira da Xunta, responsable da área de Turismo, vén de lanzar a promoción de Galicia, centrada no Xacobeo, de cara á celebración dentro de dez días de Fitur, que se combina co encargo de campañas de publicidade.
O Goberno galego ten como mensaxe principal de cara ás posibles visitas turísticas que Galicia é un lugar seguro fronte á COVID e que agora, ademais, está aberta á chegada de visitantes a través dunhas vías que tamén cualifica como seguras como son os diversos camiños de Santiago. Porén, a Xunta nunca explicitou na súa web oficial sobre o camiño de Santiago durante os algo máis de catro meses que durou o peche perimetral de Galicia -do 23 de decembro a este 8 de maio- que os peregrinos non puidesen entrar no país.
Os peregrinos seguiron entrando en Galicia malia ao seu peche ao igual que o seguiran facendo antes en Santiago cando fora restrinxida só a cidade o 30 de outubro. Segundo as estatísticas que a Oficina do Peregrino do Arcebispado fai públicas sobre as compostelas que entrega, entre xaneiro e abril foron un total de 1.245 as expedidas -como comparación, só en agosto de 2019 foran máis de 62.000-. Delas, 137 entregáronse a persoas que declararon expresamente iniciar o camiño en localidades situadas fóra de Galicia como Ponferrada, Pamplona ou Oviedo. E 223, que en parte poden ser coincidentes ou non coas anteriores, declararon ser residentes no estranxeiro.
A Xunta intentou dar unha explicación a esa segunda cifra argumentando que aínda que Galicia estivese pechada, era posible que peregrinos estranxeiros fixesen o Camiño “sempre e cando cheguen ao territorio vía aeroporto, cumprindo a normativa, e fagan o Camiño no noso territorio”. Pero ningunha explicación hai para as persoas que cruzaron os límites de Galicia xa durante a súa peregrinación.