A Xunta levanta o peche de Galicia pola COVID e mantén perimetrados e con toque de recollida os concellos en nivel máximo

Vacinación contra a COVID, esta semana en Expocoruña, mapa de incidencia da COVID a 5 de maio e novo mapa de restricións CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Os bares poderán abrir ata as 23 horas e os restaurantes ata a 1 da madrugada, pero Feijóo quere que a xustiza lle permita prohibir reunións de non conviventes a partir desa hora

Ante o remate na medianoite deste sábado 8 a domingo 9 de maio do estado de alarma que estaba en vigor desde o pasado 25 de outubro, este xoves o presidente Feijóo anunciou as principais restricións fronte á COVID-19 que a Xunta implantará a partir dese momento. As novas medidas seguirán a ser aplicadas gradualmente segundo os mesmos catro niveis que se empregaban ata agora de incidencia da pandemia en cada concello.

Aínda que as medidas entren en vigor ás cero horas do domingo, varias delas que afectan a dereitos fundamentais serán supervisadas e avaladas ou corrixidas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), tal e como sucedeu durante o verán e outono de 2020, ata a entrada en vigor do propio Estado de Alarma.

Peches perimetrais

Galicia deixa de estar pechada para os desprazamentos tanto co resto de comunidades autónomas como con Portugal ou outros países que non teñan restricións de mobilidade de carácter estatal, como as que o Goberno de España mantén co Brasil ou India, por exemplo. Seguirá vixente a obriga para todas aquelas persoas que entren en Galicia de declarar a súa estancia previa en territorios cunha alta incidencia da enfermidade, lista que foi actualizada este martes e que deixou fóra dese requisito á metade das comunidades autónomas e a Portugal.

A nivel municipal só seguirán pechados os concellos cunha incidencia máxima da pandemia, de máis de 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días ou de 250 casos en 7 días, sinala Feijóo -a Consellería de Sanidade vén insistindo que ten en conta máis factores que a incidencia, como o tipo de gromos ou a presión hospitalaria-. Na actualización da listaxe deses concellos aprobada este xoves serán un total de 5 a partir do domingo: Cambados, Vilanova de Arousa, Padrón, Cualedro e Laza. A intención da Xunta é que o TSXG autorice xa agora que se no futuro calquera concello supera eses niveis de incidencia poida ser incluído automaticamente nas máximas restricións sen requirir dunha nova avaliación xudicial.

Toque de recollida

Levántase o toque de recollida para toda Galicia agás para os concellos en nivel máximo, nos que será de 23 a 6 horas. Porén, o presidente avanzou que dado que se vai ampliar o horario dos restaurantes ata a 1 da madrugada, a Xunta quere que a xustiza lle permita prohibir reunións de persoas non conviventes a partir desa hora para que os encontros non se trasladan aos domicilios particulares ou outros lugares cando peche a hostalería, xustificou.

Hostalería

Agás nos concellos en nivel máximo, nos que a hostalería seguirá pechada como ata agora, os bares e cafeterías poderán abrir agora ata as 23 horas mentres que os locais con licenza de restaurante poderán facelo ata a 1 da madrugada se cumpren os requisitos que xa se esixiron a mediados de abril de dispoñer dun rexistro de clientes e garantir a renovación do aire con aparellos de medición de CO2. A capacidade permitida tanto nos locais como nas terrazas seguirá dependendo como ata agora do nivel de incidencia de cada concello.

Residencias

Nos centros de persoas anciás ou con discapacidade tamén se continúan flexibilizando as saídas e as visitas con medidas como que as persoas residentes poidan realizar ata 5 saídas por semana fronte ás 3 anteriores ou a decisión de “permitir o contacto físico durante as visitas”, segundo verbalizou este xoves o presidente.

Incidencia á baixa malia algúns focos locais

Tras a lixeira tendencia ascendente posterior á Semana Santa, os indicadores epidemiolóxicos volven tender ao acougo, cunha media duns 170 casos novos por xornada nos últimos sete días

O novo mapa de restricións para a fin do Estado de Alarma chega nun contexto no que, alén dalgúns gromos locais, a incidencia da COVID-19 se mantén estable en Galicia mentres a vacinacións segue avanzando. Segue moi por baixo de anteriores vagas e mesmo xa cunha lixeira tendencia descendente tras os incrementos rexistrados como consecuencias da Semana Santa. 

Ao situarmos o foco na evolución epidemiolóxica do último mes, dende comezos de abril, é posible observar unha lixeira repunta tras as xornadas festivas. Galicia pasou dunha media diaria a 7 días de pouco máis de 100 positivos rexistrados por xornada (contando todos os test de infección activa, non só as PCR) a case 200, pero dende comezos de maio a tendencia global xa é de acougo, cunha media a 7 días duns 170 casos novos rexistrados por xornada, segundo os datos ata o último día completo dispoñible (o martes, 4 de maio).

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, en termos absolutos é a área sanitaria de Vigo a que, nos últimos días segue rexistrando un maior número de novos casos da COVID-19. Non obstante, en termos de incidencia acumulada a 14 días (casos novos por cada cen mil habitantes) a súa situación tende a unha relativa estabilidade.

Esta tendencia á estabilidade tamén se observa nos datos xerais de Galicia atendendo á última actualización realizada polo Sergas, este mesmo xoves, con 225 casos novos rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Son cinco menos que a mesma xornada da semana anterior, o que apunta tamén a ese estancamento, sen ningún ascenso notable para o conxunto.

Neste contexto, as incidencias acumuladas tanto a 7 como a 14 días seguen anotándose lixeiros descensos. O indicador a 14 días -sempre en termos de días naturais- rolda os 96,1 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días, os 44,5. O feito de que a incidencia acumulada a 7 días sexa levemente inferior ao indicador a 14 días supón que a tendencia é levemente á baixa.

En consonancia co mapa de restricións, as contornas coas incidencias acumuladas a 14 días máis elevadas seguen situándose na área das Rías Baixas, especialmente cara ao Salnés e a área de Vigo. Tamén en puntos do sur de Ourense, das comarcas de Ordes e Bergantiños ou, máis localmente, en municipios como Padrón ou A Pastoriza. Na banda contraria sitúanse os 136 concellos que non rexistraron casos novos nos últimos 14 días e os 177 sen ningún positivo rexistrado na última semana. Estes municipios libres da COVID-19 verán de agora en diante relaxadas as súas restricións.

A estabilidade e a tendencia lixeiramente descendente das últimas xornadas vai tamén percibíndose, aínda que aos poucos, nos indicadores de presión hospitalaria. Dúas semanas despois, o total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus volve baixar das 200 e queda en 197, segundo os datos pechados ás seis da tarde do mércores. Son 14 menos que unha semana antes. Delas, 48 están na UCI e sete días antes eran unha menos.

Este freo na hospitalización prodúcese nun contexto no que tamén os indicadores de mortalidade ligados á pandemia tenden a acougar. Tras a notificación dun falecemento dunha muller de 93 anos na súa casa das Pontes, datado no día 3, a media dos últimos 7 días é dun falecemento por xornada de persoas infectadas pola COVID-19. O total sitúase en 2.392.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.