- MAPA INTERACTIVO | Restricións da Xunta polo coronavirus
Este xoves, a Xunta reúne en sesión extraordinaria o comité no que determina as restricións pola COVID-19 para concretar as medidas a aplicar dende as 00:00 do vindeiro domingo, día 9 de maio, momento no que decaerá o Estado de Alarma vixente dende o outubro. Sobre a mesa terá o Real Decreto publicado este mércores polo Goberno de España no BOE que, entre outros aspectos, sitúa o Tribunal Supremo como chanzo final para a ratificación das restricións que, como o pasado outono, volverán ter que estar sometidas a control xudicial cando atinxan a dereitos fundmentais.
A Xunta concreta o xoves o plan a aplicar dende o día 9 coa incidencia a 14 días na contorna dos 97 casos por cen mil habitantes e a incidencia a 7 arredor dos 46, o que apunta a unha liña lixeiramente descendente
O comité tamén terá que atender as liñas mestras que achegue o Consello Interterritorial de Saúde -órgano no que sentan as comunidades autónomas e o Goberno de España- e, sobre todo, uns datos epidemiolóxicos que, para o conxunto de Galicia, seguen marcados pola estabilidade. A incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días rolda, cos datos do último día completo dispoñible (o luns, día 3) os 97 casos e o indicador a 7 días, os 46, menos da metade, o que apunta a unha liña descendente.
A estabilidade ou estancamento é a tónica dominante nos datos globais, aínda que, como amosa o mapa sobre estas liñas, seguen sendo significativas as diferenzas territoriais. Así, fronte aos 137 concellos sen casos novos en 14 días e os 172 que non os tiveron na última semana, concellos da contorna da ría de Arousa e da área de Vigo seguen superando os 150 casos por cada cen mil habitantes a 14 días. Tamén seguen rexistrándose incidencias máis elevadas en puntos da comarca de Ordes, no sur de Ourense e, máis localmente, en concellos como Padrón ou Chantada.
É previsible que estes municipios con incidencias máis elevadas continúen con restricións especiais en eidos como a hostalería [podes consultar aquí o mapa revisado polo comité clínico o pasado martes] mentres, no resto do país, as restricións se relaxan en maior medida. Segundo avanzaba este mércores Radio Galicia-Cadena SER, a Xunta valora concretar esta mudanza coa incorporación ao sistema de restricións dun novo nivel inferior ao actualmente considerado como "medio-baixo". O novo modelo entrará en vigor cando decaian medidas como o toque de recollida, sen efecto dende as cero horas do día 9.
As tendencias, alén da 'foto' do día
Como adoito, nesta nova fase da pandemia cómpre, alén da foto fixa do día, ollar ás situacións locais e, con elas, á tendencia xeral dos indicadores epidemiolóxicos. Este mércores, o Sergas engade ao seu cómputo 189 casos novos da COVID-19, unha cifra lixeiramente superior ás dalgúns días pasados pero que, vista en perspectiva, non supón rachar coa tendencia estable. Así o amosan os indicadores máis inmediatos de incidencia acumulada e así tamén o reflicte a coñecida como razón de taxas, isto é, a comparación das incidencias acumuladas a 7 e 14 días de cada xornada co dato do mesmo día da semana anterior.
Cando o resultado deste indicador é superior á 1, indica que a incidencia tende a aumentar e cando é inferior a 1, que tende a diminuír. Canto máis se achegue ao 0, máis rápido descende a incidencia acumulada e canto máis se afaste por riba do 1, máis rápido aumenta. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, no indicador a 14 días, esa razón de taxas para o conxunto de Galicia está levemente por baixo do 1, o que indica unha estabilidade practicamente total. Mentres, a 7 días rolda o 0,9, o que apunta a unha lixeira tendencia decrecente.
Esta tendencia á estabilidade dos datos epidemiolóxicos é coherente co seu reflexo nas cifras de hospitalización. Estas seguen igualmente estancadas na contorna das 200 persoas coa COVID-19 ingresadas ao mesmo tempo. Os datos divulgados este mércores (pechados ás seis da tarde) indican que son exactamente duascentas e, unha vez superado o efecto da fin de semana -cando adoitan tramitarse menos altas hospitalarias-, son tamén 8 menos que unha semana antes pola diminución de pacientes en unidades ordinarias. Mentres, na UCI quedan en 48, mentres que hai unha semana eran catro menos.
Todo isto sucede mentres os indicadores de mortalidade tamén seguen dando mostras de acougo. Na última semana, a media diaria de falecementos ligados oficialmente á pandemia xa cae por baixo do 1 e o total mantense por terceiro día consecutivo -a consolidación dos datos pode varialo en próximas xornadas- en 2.391.
Novo máximo de vacinas postas nun día, con máis de 43.000
Este contexto epidemiolóxico, marcado pola estabilidade e mesmo por un lixeiro descenso, mantense mentres avanza o proceso de vacinación. Segundo os datos feitos públicos este mércores polo Ministerio de Sanidade, o martes, 4 de maio rexistrouse un novo máximo de doses de vacinas contra a COVID-19 administradas en Galicia nun só día, con algo máis de 43.000. Segundo estes mesmos datos, o Sergas leva postas 1,24 millóns de doses, o 85,2% das recibidas (unhas décimas por riba da media estatal).
Esta semana, o maior avance está a rexistrarse no grupo de idade de persoas entre 60 e 69 anos (entre elas, o presidente da Xunta, nacido en 1961, que recibiu o pasado martes a primeira dose en Santiago). Neste grupo de idade, algo máis do 50% xa recibiu cando menos unha dose de vacina, case dez puntos por baixo da media estatal. Contando o conxunto da poboación maior de 60 anos, a porcentaxe galega de cobertura con cando menos unha dose é do 79,1%, unha décima por baixo do dato do Estado.
Con estes últimos avances, algo máis do 36% da poboación diana en Galicia (a maior de 16 anos) recibiu xa cando menos unha dose. Este dato galego si é mellor que a media estatal (31,6%) polo maior peso que en Galicia ten a poboación de máis de 80 anos que, segundo os datos do Ministerio, xa está cuberta por cando menos unha dose ao 100% e pola pauta completa, a que fornece a inmunización, nun 95%. Tamén é ampla a cobertura con primeira dose da poboación de entre 70 a 79 anos, de case un 95%, e case o 30% deste grupo completou xa a inmunización.