Galicia despide abril cuns 180 casos diarios da COVID e a poboación maior de 80 a piques da vacinación completa

Zona de espera para a vacinación contra a COVID en Expocoruña CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

No mes de abril de 2021, que vén de rematar, o Servizo Galego de Saúde rexistrou 5.101 novos casos da COVID-19, con datos ata as seis da tarde do día 30. Na primeira quincena do mes foros unha media de 152 diarios e na segunda, uns 185.

Isto aconteceu despois dun mes de marzo con 4.577 casos novos. E tras un febreiro que, aínda en plena vaga expansiva do Nadal, finalizara con 14.314 casos rexistardos, máis de catro mil deles nos primeiros catro días do mes.

Todas estas cifras poden servir de resumo da actual situación epidemiolóxica do país e das obvias diferenzas entre a presente cuarta vaga da pandemia e as anteriores. Unha vez superados os efectos dos encontros da Semana Santa e alén das oscilacións concretas de cada día, a situación segue sendo de relativa estabilidade malia aos lixeiros incrementos das últimas semanas nas que, ademais, os focos de máis incidencia están xeograficamente moi localizados.

Máis dun terzo da poboación galega recibiu cando menos unha dose de vacina, uns cinco puntos máis que a media estatal polo maior peso das persoas maiores de 80

Alén das diferentes medidas de restricións aplicadas e do obvio impacto dos encontros do Nadal na explosiva terceira vaga, o feito diferencial clave entre esta onda pandémica e as anteriores é que é a primeira que vai parella a unha expansión crecente da vacinación contra a doenza. Con datos pechados a 30 de abril, tras a administración de algo máis de 30.000 novas doses durante a xornada do xoves, máis dun terzo da poboación galega recibiu xa cando menos unha dose de vacina (o 34,4%, fronte ao 29,3% da media estatal).

A cobertura, a efectos de saúde pública, é xa especialmente relevante entre a poboación maior de 80 anos. Sempre con eses datos pechados a día 30 polo Ministerio de Sanidade, toda a poboación galega maior desta idade xa recibira cando menos unha dose e case o 85% xa completara a pauta (dúas doses, no seu caso), a que fornece a inmunización. Na media estatal, tamén o 100% deste grupo de idade recibiu cando menos unha dose, segundo esta mesma fonte, e a cobertura completa está no 88,8%.

Durante este sábado, 1 de maio, a vacinación continúa en Galicia malia á xornada festiva polo Día da Clase Traballadora. As previsións do Sergas contemplaban administrar nesta xornada ata 36.888 vacinas: algo máis de 31.000, de Pfizer-BioNTech, 5.600 de moderna e un cento de Janssen. Estas últimas, monodose, están a ser administradas fundamentalmente a domicilio, para persoas en situación de gran dependencia.

Case 140 concellos sen casos en dúas semanas e máis incidencia no sur

As áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Vigo seguen rexistrando as maiores incidencias acumuladas a 14 días, cuns 140 casos novos por cada cen mil habitantes

Coa devandita situación en canto a casos novos e vacinación para o conxunto do país, sobre o mapa a incidencia da pandemia segue sendo dispar. Mentres que en 137 concellos non se rexistraron casos novos durante as últimas dúas semanas e en 170, nos últimos sete días (estas cifras véñense mantendo relativamente estables dende hai semanas), algúns concellos e comarcas seguen destacando por ter incidencias máis elevadas que, así e todo, seguen sendo notablemente máis baixas que en anteriores vagas.

No que atinxe á incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 días, un bo número de concellos coas cifras máis elevadas seguen situándose na contorna das Rías Baixas. Así o reflicten os indicadores das áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Vigo, ambas un chisco por riba dos 140 casos novos por cada cen mil habitantes, aínda que tendendo á estabilidade.

Noutros puntos do país, seguen destacando as incidencias máis altas na Baixa Limia, Valdeorras ou Meira e, máis recentemente, na comarca de Ordes ou na contorna do Deza. Así e todo, como amosa o gráfico sobre estas liñas, trátase de focos máis locais que non disparan os datos de incidencia de cadansúas áreas sanitarias. A incidencia acumulada máis baixa a 14 días segue sendo a da área sanitaria de Ferrol, con menos de 50 casos novos por cada cen mil habitantes.

Hospitalización estancada en torno ás 200 persoas

No que atinxe ao reflexo desta cuarta vaga na ocupación hospitalaria, a situación é relativamente equiparable á de comezos do pasado outono. Aínda entre reflexos da Semana Santa -é habitual que a presión nos hospitais aumente máis dunha semana despois de facéreno as cifras de novos contaxios detectados-, o número de camas con pacientes que padecen a COVID-19 segue estable en torno ás duascentas. Agora son 210, cinco máis que unha semana antes.

Os efectos da estabilidade nas cifras de casos novos e mais da vacinación seguen, igualmente, reflectíndose nos indicadores de normalidade. Nos últimos sete días con datos completos, a media diaria de falecementos de persoas coa COVID-19 sitúase en 1,29. Dende o comezo da pandemia, o total de falecementos de persoas co coronavirus rexistrados polo Sergas chega a 2.390, dous deles notificados nas últimas vinte e catro horas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.