O número total de doses aplicadas superou este luns os 1,2 millóns e espérase que entre este martes e o domingo se engadan a esta cifra outras 240.000
O proceso de vacinación avanza en Galicia, especialmente entre os grupos de idade máis vulnerables á COVID, nunha semanas na que se prevé superar as cifras máis elevadas de doses administradas ata o momento. O número total de doses aplicadas superou este luns os 1,2 millóns e espérase que entre este martes e o domingo se engadan a esta cifra outras 240.000.
Entre o venres e o domingo serán citadas 90.000 persoas entre 66 e 69 para ser vacinadas con AstraZeneca, ao redor de dous de cada tres habitantes deste grupo de idade. Coa protección deste colectivo, que ata agora ficará atrás no proceso, practicamente se terá completado a administración da primeira dose a todas as persoas maiores de 60 anos, as máis vulnerables á enfermidade.
En total, o 34,65% da poboación galega maior de 16 anos recibiu cando menos unha dose da vacina, e o 16,52% a pauta completa
Ata este luns o 74,5% das persoas residentes en Galicia de 60 anos ou máis recibiran cando menos unha dose da vacina. Esta porcentaxe é do 100% entre os maiores de 80 e do 95% nas persoas 70 a 79 anos, descendendo ata o 39,5% nas persoas de 60 a 69. No que atinxe ás segundas doses, a súa administración está case completada nos maiores de 80 (94,4%) e está avanzando no grupo de idade seguinte (29,4%), sendo moito máis reducido no resto. En total, o 34,65% da poboación galega maior de 16 anos recibiu cando menos unha dose da vacina, e o 16,52% a pauta completa
Esta semana a Galicia chegaron 237.520 doses, un novo máximo. Delas, 124 mil foron de Pfizer, case 90 mil de AstraZeneca, 16.500 de Moderna e 7.200 de Janssen.
Incidencias acumuladas á baixa malia algúns empeoramentos locais
Sanidade suma 125 casos novos e os principais indicadores epidemiolóxicos trazan liñas descendentes
Mentres avanza o proceso de vacinación, os datos epidemiolóxicos globais de Galicia seguen falando de acougo da cuarta vaga e ratificando que está a ser moito menos virulentas que as anteriores que poden ser comparables, as do outono e o inverno, por ter xa daquela o Sergas unha capacidade diagnóstica semellante á actual. Este martes, Sanidade suma 125 casos novos ao seu cómputo, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns.
Deles, 106 son diagnósticos mediante probas PCR. A media dos últimos sete días é de algo máis de 150 diagnósticos por xornada a través deste tipo de test, cunha tendencia xa leve pero claramente á baixa.
Esta moderación das cifras de novos casos propicia que tamén vaia acougando o que segue sendo un dos indicadores de referencia de cada día para a Xunta, os "positivos activos", indicador asistencial que descende cando a cifra de altas epidemiolóxicas (e falecementos, agora en cifras moi escasas) é superior á de casos novos. Agora son 3.027, case 120 menos que hai unha semana.
Este acougo nas cifras de novos casos propicia que, malia algúns empeoramentos locais como os que se perciben en comarcas como Bergantiños ou Ordes, no concello de Padrón ou puntos de Ourense, as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) para o conxunto do país sigan moderándose. Mentres, en 140 concellos non se rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas e en 168 non os houbo nos últimos sete días. Ambas cifras, con algunhas oscilacións de día en día, mantéñense estables dende hai semanas.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, no último día con datos completos (o domingo, 2 de maio), a incidencia acumulada a 14 días xa comezaba a trazar unha liña levemente descendente e situábase lixeiramente por riba dos 95 casos novos por cada cen mil habitantes. O indicador a 7 días tamén baixaba, aínda que algo máis timidamente, e quedaba arredor dos 45 casos novos por cada cen mil habitantes. O feito de que a incidencia a 7 días sexa menos da metade que a incidencia a 14 días evidencia a tendencia descendente.
Mentres todo isto sucede, as cifras de hospitalización de pacientes coa COVID-19 tamén permanecen moi estables. Unha vez superada a fin de semana, na que adoitan tramitarse menos altas hospitalarias, as persoas ingresadas con test positivo do coronavirus son 212, oito menos que unha semana antes. Delas, 47 están na UCI; hai unha semana eran apenas un máis.
Ao tempo, o freo da mortalidade de pacientes coa COVID-19 tamén segue sendo evidente. Na última semana, Galicia rexistrou unha media dun falecemento diario oficialmente ligado á pandemia. Hai un mes eran algo máis de dous diarios e hai dous meses, uns 8. No pico da terceira vaga da pandemia, Galicia chegara a rexistrar unha media diaria a sete días superior ás 25 mortes por xornada. O total chega agora ás 2.391.