De Pujol, Ardanza e Fraga a Feijóo: a Xunta "inaugura" un Monte do Gozo preparado para "milleiros de persoas"

Feijóo na inauguración da reforma do Monte do Gozo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente relaciona as melloras e reparacións realizadas no complexo aberto en 1993 coa “reinauguración” da Catedral que el mesmo presidiu hai medio ano

O Monte do Gozo, identificado na tradición como o primeiro lugar do camiño francés a Santiago desde o que se ven as torres da catedral, sempre foi un lugar significativo da peregrinación a Compostela, con diversos edificios ou monumentos relixiosos ou civís instalados alí ao longo da súa historia. Pero foi o complexo turístico levantado pola Xunta para o Xacobeo de 1993 o que lle deu o fundamental da súa configuración actual. 

28 anos despois de que o complexo fose inaugurado por Manuel Fraga acompañado en xornadas sucesivas por outros presidentes autonómicos da época como Jordi Pujol ou José Antonio Ardanza ou polo alcalde madrileño José María Álvarez del Manzano, cuxas comunidades deron nome a varios pavillóns, este martes Alberto Núñez Feijóo participou na “inauguración das instalacións do Monte do Gozo”, segundo a expresión empregada na convocatoria oficial do acto. Con el a Xunta escenifica o remate de obras de reparación e mellora realizadas ao longo dos cinco últimos anos por 7,7 millóns de euros dunhas instalacións que rexistraban un notable abandono.

Placa da inauguración hai agora 28 anos dun dos pavillóns do Monte do Gozo CC-BY-SA Praza Pública

“Hai un Monte do Gozo revitalizado. Hai unha Catedral reinaugurada. Hai un Pórtico da Gloria co esplendor recuperado. Hai uns Camiños acondicionados para ser percorridos por milleiros de persoas. E hai unha Galicia que quere ser protagonista na súa festa”, foron algunhas das verbas do presidente no acto co que se deron por rematados traballos que permitiron ampliar o auditorio ao aire libre, construír piscinas ou reformar a zona residencial con máis de mil prazas de aloxamento. Un gran albergue xestionado a través dunha concesionaria tras varios intentos infrutuosos de que algunha empresa vise rendibles as instalacións que obrigaron á Xunta a mellorar os beneficios a obter pola adxudicataria.

A Xunta ampliou o auditorio ao aire libre, construíu piscinas, renovou o albergue e retirou o monumento en lembranza á visita de Xoán Paulo II

Tamén se actuou no parque que rodea todo o complexo, do que entre outras cuestións se retirou o monumento alí levantado en lembranza da visita que Xoán Paulo II realizara en 1989 polo seu mal estado de conservación. A Xunta optou pola "restitución da topografía orixinal do montículo, modificada no seu día”, depositando no chan as chapas conmemorativas do monumento.

Monumento en lembranza da visita de Xoán Paulo II en 1989 que a Xunta decidiu retirar na remodelación do Monte do Gozo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ao igual que avanzara o domingo, este martes o presidente insistiu na “previsión de poder celebrar no mes de xullo concertos de ata 10.000 persoas sentadas, con distancia de seguridade e controis de acceso”. Incide así Feijóo no intento da Xunta de reactivar o Xacobeo unha vez levantado o estado de alarma sen que o seu goberno propuxese manter o peche perimetral de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.