A Xunta retira o monumento que lembraba a visita de Xoán Paulo II ao Monte do Gozo en 1989. A remodelación da zona que realiza o departamento de Turismo “recomenda a demolición da estrutura” polo seu “mal estado” e a “restitución da topografía orixinal do montículo, modificada no seu día”, depositando no chan as chapas conmemorativas do monumento.
Fálase
O Consello Interterritorial de Saúde ratifica o mantemento dos peches perimetrais autonómicos pola COVID-19 para a ponte de San Xosé e mais para a Semana Santa. Vén de confirmalo a ministra de Sanidade, Carolina Darias, e así o avanzara tamén esta mañá o conselleiro Julio García Comesaña. Tras a xuntanza, a Consellería de Sanidade reitera que agardará a que se aproximen esas datas para concretar as restricións que rexerán nelas, dentro do marco xeral.
Condenado a cinco anos de cadea o ex-presidente da Confederación do Miño-Sil, o socialista Francisco Fernández Liñares, por suborno e prevaricación. A Audiencia de Lugo imponlle tamén inhabilitación para cargo público durante 20 anos e unha multa de 7.200 euros.
O PP rompe o seu bipartito na Comunidad de Madrid e convocará eleccións anticipadas, segundo revela o ata agora vicepresidente rexional, de Ciudadanos. Segundo o estipulado no seu Estatuto de Autonomía, o mandato da nova Asemblea e do Goberno que elixa será de apenas dous anos, ata as seguintes eleccións, cadrando coas municipais de 2023. A decisión chega tras impulsar o PSOE e C's unha moción de censura en Murcia. Más Madrid e PSOE anunciaron o rexistro de senllas mocións de censura que, se fosen anteriores á hora da convocatoria electoral, bloquearíana. Na imaxe, Díaz Ayuso na toma de posesión do presidente da Xunta, en setembro de 2020.
- HEMEROTECA | O de Casado xa non parece "razoable" para Feijóo
Os sindicatos destacan o "éxito" da folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal, cun amplo seguimento en todos os sectores e a comarca ferrolá "paralizada". A manifestación co gallo do paro percorre xa as rúas. Foto: CIG.
A Xunta varía as restricións por concellos anunciadas a pasada noite e, finalmente, dende o vindeiro venres Mos e Cambados pasan ao nivel medio de medidas fronte á COVID-19. Así o vén de confirmar a Consellería de Sanidade. Máis información, esta mañá en Praza.gal
A Xunta aumenta de catro a seis (Paradela, A Pobra de Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures) os concellos que a partir deste venres estarán no nivel máximo de restricións. Outras 13 localidades situaranse no nivel alto: Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Mos, Cambados, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado. O resto de Galicia ficará no nivel medio, segundo vén de anunciar a Consellaría de Sanidade despois da xuntanza do comité clínico de seguimento da pandemia de Covid-19
O Goberno central recorrerá finalmente ante o Tribunal Supremo a sentenza xudicial que abría a porta a indemnizar á familia Franco polo Pazo de Meirás. Avogacía do Estado sinala agora que realizou “un estudo detallado da sentenza que permitiu aprezar erros de interpretación ou alteracións sobre as pretensiones exercitadas na demanda”.
Falece aos 73 anos o xornalista Pepe Rei. Rei, nado en Cenlle, destacou polo seu traballo como xornalista de investigación en diversos medios. Tamén na súa etapa no xornal Egin, medio no que foi obxecto de detencións e procesos xudiciais acusado de colaborar con ETA, nos que acabaría absolto, e despois na revista Ardi Beltza, dende a que tivo que enfrontar un proceso por "calumnias" ao Garda Civil Rodríguez Galindo, ligado aos GAL. En 2002 sufrira un grave accidente de tráfico do que padecía abondosas secuelas. Na imaxe, fotografía de Rei nun libro sobre a súa traxectoria.
Xa se pode ver o trailer do documental 'Galicia 10 Marzo', que se estreará o vindeiro ano 2022, no 50 aniversario dos asasinatos en Ferrol de Amador Rey e Daniel Niebla, na data máis icónica do movemento obreiro galego. O filme está dirixido por Roi Cagiao, que hai catro anos presentou 'Vigo 1972'.