A Xunta afonda na relaxación das restricións pola COVID e admite que vixía á Coruña pola fin da baixada da incidencia

Mapa de incidencia da COVID con datos do 9 de marzo e mapa de restricións vixente dende o 12 de marzo, sobre unha imaxe dun cribado na USC CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Ás cero horas do vindeiro venres, 12 de marzo, entrarán en vigor as novas modificacións nas restricións da Xunta pola COVID-19. Como xa avanzara a Consellería de Sanidade na noite do martes, son seis os concellos que dende esa xornada quedan no maior nivel de restricións (Paradela, A Pobra do Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures), o que implica peche perimetral individual, veto ás reunións entre non convivente e clausura da hostalería, entre outras medidas.

Sanidade introduce dúas mudanzas no anunciado inicialmente e dende o venres, os concellos de Mos e Cambados situaranse tamén no nivel medio de restricións

Finalmente, os municipios no nivel alto serán once e non trece: Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado. Saen deste grupo tanto Cambados como Mos, aínda que na noite do martes seguían estando nel. O resto de Galicia sitúase no nivel medio. Tanto no nivel alto como no medio é posible desprazarse entre municipios do mesmo nivel. O nivel medio dispón de restrición menos estritas en eidos como o da hostalería, que pode abrir o interior dos locais ao 30%.

As mudanzas nas restricións incluirán a reapertura dos albergues turísticos ao 30% e o regreso das clases de instrumentos de vento e de canto

Alén das restricións por concellos, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanzaba este mércores en rolda de prensa que a nova publicación no Diario Oficial de Galicia para actualizar as restricións traerá consigo tamén mudanzas nalgúns outros eidos. Entre eles, os dos albergues turísticos (caso dos de peregrinos), que poderán reabrir, aínda que ao 30%. Tamén poden volver funcionar as actividades de "turismo activo" e nas ensinanzas musicais pasará a estar permitido retomar as aulas de canto e instrumentos de vento, ata agora prohibidas ante o maior risco de contaxio mediante aerosois.

Comesaña confirmaba estas modificacións xunto aos primeiros detalles sobre as probas para a vacinación masiva. E admitindo, ao tempo, a que vén ser a principal excepción na tendencia xeral da evolución da COVID-19 en Galicia, a área sanitaria da Coruña-Cee e, máis concretamente, a cidade da Coruña e a súa contorna. "Estamos atentos á situación", en "particular" na cidade e os seus arredores, sinala o conselleiro, quen asegura que Sanidade vai facer un "esforzo diagnóstico importante nesa área" para tentar achar máis casos e que retome a liña descendente.

Case 170 casos novos

Mostra da influencia dese relativo empeoramento da área coruñesa nos datos do conxunto de Galicia son as cifras feitas públicas este 10 de marzo polo Sergas. Nesta xornada, Sanidade suma 168 casos novos ao seu cómputo, dos que 142 son diagnósticos mediante probas PCR. O indicador da media de diagnósticos a sete días detén o seu descenso e rolda os 140.

Os datos do último día completo dispoñible (o luns, día 9) amosan com boa parte da orixe deste freo no descenso xeral está na área sanitaria da Coruña. Non en van, 96 dos 189 casos novos rexistrados nesa xornada corresponden coa área coruñesa. A seguinte área con máis casos novos nese día, a de Vigo, rexistrou 30. 

A diferenza da Coruña e a súa contorna co resto do país tamén se percibe nos indicadores de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) a 14 e 7 días. O indicador a 14 días segue descendendo para o conxunto de Galicia, pero a sete días experimenta unha lixeirísima suba (de algo máis de dous puntos, ata os 43,7 casos novos por cen mil habitantes). Mentres, non obstante, segue aumentando o número de concellos que non rexistraron casos novos nos últimos catorce días, que chega aos 132. Os municipios sen casos novos na última semana elévanse xa a 171.

O devandito cambio de tendencia percíbese tamén con claridade nos datos de incidencia acumulada a 14 días na propia cidade da Coruña. Tras unha pronunciada baixada durante todo o mes de febreiro e un posterior estancamento, A Coruña non deu baixado dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes e na actualidade rolda os 225. Ademais, o seu indicador a sete días tamén empeora un chisco: os datos do día 8 indicaban que na cidade foran rexistrados 281 casos novos nese período e os publicados este día 10, correspondentes ao día 9, sinalan que son 297.

Na banda contraria atópase, con claridade, a cidade de Lugo. A capital lucense é agora, con 54 casos novos por cada cen mil habitantes, a cidade galega cunha incidencia acumulada a 14 días máis baixa. Tamén destaca a súa cifra a sete días, con 15 casos novos detectados.

As persoas ingresadas con test positivo do coronavirus son aínda 366

Mentres todo isto sucede, a presión hospitalaria segue baixando aos poucos. Os datos feitos públicos este 10 de marzo reflicten 366 ingresos de persoas con test positivo do coronavirus, tres menos que un día antes e 106 menos que o mesmo día da semana anterior. No que atinxe ás unidades de coidados intensivos, rexistran os mesmos 77 ingresos de pacientes coa COVID-19 que un día antes. Deste xeito, mentres que as cifras de casos novos seguen en niveis semellantes aos de agosto de 2020, a presión hospitalaria é máis parecida á previa ao Nadal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.