Sonia Villapol (Bretoña - A Pastoriza, 1977) traballa nos Estados Unidos entre o ano 2010, despois de licenciarse en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía na USC e de doutorarse na UAB de Barcelona. Traballou no Instituto Nacional de Saúde estadounidense (NIH) e foi profesora na Universidade de Georgetown. Na actualidade é investigadora principal no Center for Neuroregeneration do Methodist Hospital Research Institute de Houston, centrada no estudo de danos cerebrais e enfermidades neurodexenerativas, ademais de ser profesora no Weill Cornell Medical College de Nova York.
"Coa presenza das novas variantes, que teñen unha capacidade de contaxio moito maior, o número de contaxios pode dispararse moi rapidamente"
Ao igual que moitos outros investigadores e investigadoras en todo o mundo, dende o inicio da pandemia centrou parte da súa actividade no estudo da Covid-19 e os seus efectos e dende hai meses forma parte de COV-irt.org un equipo de Investigación Internacional da enfermidade, no que coordina o estudo dos efectos que a doenza provoca no cerebro e no sistema nervioso. Nos últimos meses, ademais, veu publicando en Praza.gal algúns artigos de opinión nos que, xa dende o comezo da pandemia, veu alertando da perigosidade do virus, do risco de contaxios nos centros de ensino, ou das consecuencias da relaxación das restricións durante o Nadal.
Estamos deixamos atrás a terceira vaga da pandemia e o proceso de vacinación avanza, a maior ou a menor ritmo en cada país. Podemos ser optimistas de cara á evolución da situación nos vindeiros meses ou son aínda moitos os riscos que debemos enfrontar?
A situación mellorou, pero a curva de positivos aínda debe baixar moito máis. Agora, coa presenza das novas variantes, que teñen unha capacidade de contaxio moito maior, o número de contaxios pode dispararse moi rapidamente. En realidade, coas novas variantes entramos nunha situación nova, que non experimentamos anteriormente e non sabemos ata que punto pode aumentar a xente contaxiada.
Estase reaccionando correctamente ante a expansión destas novas variantes?
"Debería analizarse o xenoma de todos os positivos que se atopen en Galicia. É algo que se podería facer facilmente se houbese financiamento, dando recursos aos grupos de investigación galegos especializados en xenómica"
O problema coas variantes é que neste momento non se están a secuenciar demasiadas mostras e por iso non se sabe con seguridade que prevalencia está a ter cada unha ou onde están a aparecer. Debería facerse un esforzo moito maior para analizar isto. Por exemplo, debería analizarse o xenoma de todos os positivos que se atopen en Galicia. É algo que se podería facer facilmente se houbese financiamento, dando recursos aos grupos de investigación galegos especializados en xenómica, que son moi bos e que saben facer isto. As decisións sobre as restricións e medidas a adoptar en cada lugar deberían apoiarse máis nestes datos, pero o problema é que de momento estes datos non existen. Imos a cegas.
Na Unión Europea, en xeral, a vacinación avanza a un ritmo máis lento ca nos Estados Unidos ou no Reino Unido... En que grupos se debería acelerar o proceso?
"Hai aínda moitos grupos de idade que non están protexidos, sobre todo persoas entre 55 e 70, que é un grupo de idade que ten moito risco. Debería usarse con eles a vacina de AstraZeneca"
É moi importante que agora se vacinaran os mestres, porque iso axuda moito a controlar os numerosísimos contaxios que estaba habendo nas aulas, en boa medida pola influencia da variante británica. En Galicia non se lle prestou ningunha atención ás escolas e foi un espazo de transmisión moi importante. Creo que foi unha das cousas que se fixeron peor en Galicia
A mágoa é que hai aínda moitos grupos de idade que non están protexidos, sobre todo persoas entre 55 e 70, que é un grupo de idade que ten moito risco e que, en principio, vai tardar aínda en ser vacinado. Debería usarse con eles a vacina de AstraZeneca, porque aínda que nun comezo foi acertado non autorizala nesas idades, agora xa temos suficientes estudos que garanten a súa seguridade nos maiores de 55.
En España volve falarse de 'salvar a Semana Santa' como en decembro se falaba de 'salvar o Nadal'. E, de igual xeito, nos Estados Unidos varios estados, como Texas e Mississippi, están a relaxar as medidas de protección, eliminando mesmo a obrigar de usar máscara. Estase caendo nos mesmos erros que levaron ás anteriores ondas?
"En Galicia non se lle prestou ningunha atención ás escolas e foi un espazo de transmisión moi importante. Creo que foi unha das cousas que se fixeron peor"
Si, iso non ten ningún tipo de xustificación científica e ten que ver unicamente cunha visión 100% política. En Texas o Gobernador decidiu a reapertura de todos os negocios, comezando por bares e restaurantes e deixar de facer obrigatoria a mascarilla. Se isto se leva a cabo, vai ser moi daniño e vai levar a un aumento moi importante dos contaxios. Ademais, todo isto chega no momento menos axeitado, no medio da expansión das novas variantes e no momento no que estamos a acelerar a administración da vacina. A decisión do Gobernador xerou moita polémica e esperemos que rectifique.
Un dos temas nos que estiveches traballando nos últimos meses foi o estudo das secuelas a longo prazo da enfermidade, o chamado 'Covid persistente'. Que efectos negativos ten a doenza e cal é a súa gravidade?
"Estamos vendo moitas secuelas da COVID no sistema respiratorio, pero tamén no neurolóxico e a nivel cardiovascular. Detectamos 55 síntomas distintos e destacamos que o 80% das persoas teñen algún síntoma varios meses despois de pasar a enfermidade"
Si, iso foi un estudo que fixemos a partir da situación que estamos vendo nos nosos centros sanitarios. Aquí, en case todos os hospitais estanse creando unidades post-covid para atender a persoas que xa superaron a enfermidade, pero que dende entón veñen entrando e saíndo do hospital, dúas, tres, catro veces, con síntomas moi variados. É algo do que se vai falar moito cando baixe a curva, porque os efectos son moitos, moi variados e dunha gran gravidade.
Isto xa se vira con SARS e co MERS, aínda que daquela foran poucas as persoas infectadas, pero esas enfermidades deixaran moitas secuelas nos pulmóns e tamén neurolóxicas, dous ou tres anos despois do contaxio. Imaxina o que pode pasar coa COVID, cos millóns de casos que houbo! As cifras de persoas con COVID persistente poden ser desorbitadas. Xa na actualidade estamos vendo moitas secuelas en todos os sistemas, obviamente no sistema respiratorio, pero tamén no neurolóxico e a nivel cardiovascular. No estudo que publicamos detectamos ata 55 síntomas distintos e destacamos que o 80% das persoas teñen algún síntoma varios meses despois de pasar a enfermidade.
A pandemia fixo que nos últimos meses se fixese máis evidente ca nunca a importancia da ciencia e da investigación, pero para que a ciencia avance é necesario contar cun sistema sólido, estable e ben financiado, con recursos e persoal. Percibes que este maior interese vai incrementar os medios cos que contades no sector da investigación?
"Ao igual que noutros ámbitos se tomaron decisións importantes para incrementar o investimento, tamén se podería facer no campo da investigación, polo menos para apoiar a aqueles grupos que están gastando os seus recursos para levar a cabo estudos sobre a COVID"
O financiamento é imprescindible, evidentemente. Cun maior esforzo económico, a investigación sobre a COVID podería avanzar moito e, en xeral, avanzaría todo o sistema de ciencia. O que pasa é que levamos un ano de pandemia e non vexo que cambiase nada en España e Galicia e non son nada optimista con respecto ao futuro, porque se non fixeron demasiado nestes meses, cando o tema está candente, moito menos van facer no futuro, cando descenda o interese. Non sei por que non se fai. Ao igual que noutros ámbitos se tomaron decisións importantes para incrementar o investimento, sen agardar por procesos administrativos, tamén se podería facer no campo da investigación, polo menos para apoiar a aqueles grupos que están gastando os seus recursos para levar a cabo estudos sobre a COVID.
O apoio non debería ser só dos gobernos, tamén de institucións privadas e fundacións. En Galicia isto non está para nada ben visto, pero aquí nos Estados Unidos é o pan de cada día. O noso laboratorio finánciase en gran medida con achegas de fundacións privadas, alí onde poida pedir cartos alá vou. Creo que en Galicia debería cambiar esta mentalidade, non pensar que todo o financiamento ten que chegar do Ministerio ou da Consellaría.
Este 8 de marzo celébrase o Día da Muller Traballadora, no que tamén se demandan avances en igualdade no campo da ciencia e da investigación. Que se pode facer para incrementar a presenza de mulleres sobre todo nos órganos de decisión?
"Cantas veces me atopei eu nun comité no que había 12 homes e eu era a única muller? Pois a maioría das veces. Afortunadamente nos laboratorios agora hai máis mulleres, un 60% ou 70%, que son as que están facendo a investigación de base"
O que sempre digo é que dar exemplo é mellor que falar do tema. É importante que haxa máis e máis mulleres nos laboratorios e sobre todo que cheguen a cargos de responsabilidade, porque neses espazos, por exemplo dirixindo laboratorios, a presenza das mulleres é aínda escasa. Aquí nos Estados Unidos estanse levando a cabo políticas de fomento da presenza da muller que obrigan, por exemplo, a que nos comités de elección de proxectos haxa unha porcentaxe mínima de mulleres. E, de igual xeito, cando fas unha serie de contratacións, tampouco poden ser todos homes.
Esas son as políticas que fan cambiar as cousas. Cantas veces me atopei eu nun comité no que había 12 homes e eu era a única muller? Pois a maioría das veces. Afortunadamente nos laboratorios, sobre todo a nivel de postdoc, agora hai máis mulleres, un 60% ou 70%, que son as que están facendo a investigación de base. E aínda que van pasar uns anos para acadar a igualdade en todos os niveis, iso vai ter antes ou despois o seu reflexo. Non queda outra que este cambio se perciba tamén no profesorado e nos órganos de dirección.
Dende hai meses está colaborando no COV-IRT, un grupo internacional de investigadores e investigadoras de todo o mundo para avanzar de forma conxunta en distintos estudos sobre a enfermidade. Como se creou o grupo e como estades a funcionar?
O grupo naceu a partir duns colaboradores nosos aquí en Houston; en marzo comezamos a xuntarnos e despois o grupo foi medrando e expandíndose. Xa dende o inicio conseguimos moitos datos a nivel clínico de pacientes e falecidos pola Covid-19 en Italia, grazas á participación de grupos de investigación de Milán, que era daquela onde estaba o epicentro da pandemia a nivel mundial.
"Colaborando entre investigadores de distintos lugares chégase antes ás solucións, sempre é beneficioso"
Cando tes información ao momento, sen ter que agardar a que eses traballos se publiquen, é fácil detectar por onde vai evolucionar a cousa e anticiparse. A xente de Italia estaba debatendo con nós sobre as radiografías de tórax que facían no mesmo momento en que se estaban a facer e pasábannos a información sobre danos neurolóxicos causados pola COVID no momento en que tiñan os datos das autopsias. Esa información inmediata foi moi útil. Colaborando entre investigadores de distintos lugares chégase antes ás solucións, iso sempre é beneficioso.