O caras que nos van saír as celebracións do Nadal depende de como subestimemos os riscos da COVID-19 estas dúas semanas. A día de hoxe a alta incidencia comunitaria non fai pensar que os contaxios vaian a diminuír, e se lle axudamos ó virus a propagarse, vaino facer moi eficazmente nestas datas.
O caras que nos van saír as celebracións do Nadal depende de como subestimemos os riscos da COVID-19 estas dúas semanas
Hai case un mes celebramos o Thanksgiving ou o día de acción de gracias nos Estados Unidos, a reunión familiar máis importante do ano. Días antes o tráfico aéreo incrementouse, e máis de 6 millóns de estadounidenses estaban a viaxar para encontrarse coas súas familias. Ese mesmo día o doutor Varón, que traballa nun hospital en Houston, auguraba o peor inverno para o sistema sanitario deste país, e non foi o único en avisar.
As consecuencias destes desprazamentos estamos a velas semanas despois. A porcentaxe de positividade da COVID-19 nos Estados Unidos cífrase nun 11,2% a día de hoxe, temos 300 persoas hospitalizadas da COVID-19 por cada 100.000 habitantes e o número de falecidos non baixa dos 3.000 diarios dende hai moitos días. Nesta onda os enfermos da COVID-19 están a chegar tarde ó hospital porque séguese a non dar importancia ós efectos do virus.
Sen dúbida estamos na onda máis alta dende o inicio da pandemia, e aínda se agarda que o peor estea por chegar; a repunta de hai unhas semanas non parece que vaia a frear polo Nadal con máis días de celebracións familiares.
O virus non entende de regulacións nin normativas, non ten reparo en atravesar fronteiras, só avanza e actúa. É importante seguir aplicando o principio de precaución e avaliar constantemente os riscos no noso entorno,
Por moito que os gobernantes lexislen, uns tirando por un lado e outros polo outro, non podemos esquecer que o virus non entende de regulacións nin normativas, non ten reparo en atravesar fronteiras, só avanza e actúa. É importante seguir aplicando o principio de precaución e avaliar constantemente os riscos no noso entorno, porque as consecuencias de non facelo poden saírnos moi caras.
Non pasar as celebracións do Nadal coa familia non é doado, foi un ano moi duro e fai falla un respiro, porque claro, hai que recuperar a nosa vida. Isto sabémolo ben tamén os emigrantes, que para nós perder celebracións familiares é algo moi normal, non son a excepción dun ano pandémico. Ó mellor o sacrificio non é tanto para os que estamos fora, pero segue a causar dor e nostalxia.
Unha vez máis a pandemia non nos dá tregua, por moito que queiramos pasar páxina, nós non temos a última palabra. Aínda que as vacinas están xa en camiño, a transmisión non se minimizou e segue a causar mortes, secuelas na xente hospitalizada e en resumo familias rotas. E xa nin mencionar a gran ferida aberta que está a deixar na economía co peche dos negocios e a asfixia laboral que se arrastra nos últimos meses.
Aínda que as vacinas están xa en camiño, a transmisión non se minimizou e segue a causar mortes, secuelas na xente hospitalizada e en resumo familias rotas
Non é doado adiviñar cales serán as repercusións da pandemia nos vindeiros 5 ou 6 anos na economía e na sociedade, en como cambiarán as nosas vidas, e sobre de todo falarase moito das medidas que non se tomaron correctamente no 2020 para evitar que a COVID-19 levara case dous millóns de persoas e deixara a moitas outras con problemas de saúde de por vida.
Aínda estamos no alto da montaña rusa, e aínda que poucos folgos queden hai que baixar rápido e coas mínimas desgrazas, non lle deamos o pracer ó virus de asentarse no pico porque pode que levemos algún desgusto, especialmente cando afecta á xente que máis nos importa.
Ó compartir a mesa cunha persoa presintomática ou asintomática que nos di "eu estou ben, non teño nada", non hai que esquecer que aí pode estar o perigo real, cando a carga viral infecciosa é máis alta. Este Nadal, o único lugar seguro é cada un na súa casa
Non hai proba da COVID-19 cen por cen fiable, e os fogares son o caldo de cultivo perfecto para que o virus sexa capaz nun despiste de evadir a distancia, as mascarillas, a ventilación, e a hixiene de mans. Ó compartir a mesa cunha persoa presintomática ou asintomática que nos di "eu estou ben, non teño nada" non hai que esquecer que aí pode estar o perigo real, cando a carga viral infecciosa é máis alta. As bocas abertas e os brindes polo ano que remata e que non tiña que ter comezado son a porta de aterraxe do virus, e o triste final que ningunha familia querería que acontecese. Este Nadal, o único lugar seguro é cada un na súa casa.
Boas festas dende o outro lado do Atlántico.