Galicia rexistra a xornada con menos casos da COVID dende agosto, pero con tantas hospitalizacións como en Reis

Cribado da COVID-19 a alumnado da Universidade de Vigo e evolución dos novos casos en Galicia CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Os datos do Sergas sobre a evolución da COVID-19 adoitan traer consigo cada luns dous efectos a ter en conta. É frecuente que esta información, pechada ás seis da tarde do domingo, reflicta o efecto fin de semana, isto é, un menor número de casos detectados por un descenso no número de probas procesadas e un peor comportamento das cifras de hospitalización porque os domingos é habitual que se dean moitas menos altas que no resto da semana.

Os 88 novos casos que o Sergas suma este luns son a menor cifra en vinte e catro horas dende o 10 de agosto, cando as PCR procesadas eran moitas menos

A actualización deste 8 de marzo trae consigo 88 novos casos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, dos que 81 son diagnósticos mediante probas PCR. Nesa mesma xornada procesáronse 6.543 test PCR, o que implica que non houbo un descenso significativo destas probas e, malia esta circunstancia, o total de novos casos é a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 10 de agosto. Naquela xornada, o Sergas sumara 78 novos casos, pero con apenas 1.400 PCR procesadas.

Estes números permiten que, aínda que cun ritmo menos intenso que en semanas previas, a media de novos diagnósticos a sete días continúe descendendo. Na última semana diagnosticouse cada día unha media de 132 novos casos, un nivel semellante ao de mediados de agosto. Todo isto permite que o total de casos activos siga tamén en descenso e quede en 3.514, un nivel tamén equiparable ao da segunda metade do verán [nesta ligazón, a serie completa de novos casos por áreas sanitarias].

Aínda máis case 400 persoas no hospital con test positivo

As persoas ingresadas con test positivo da COVID son 16 máis que o día previo, pero 138 menos que unha semana antes

Os datos de novos casos seguen sendo favorables e a tendencia das cifras de hospitalización tamén o é, pero con máis matices e, sobre todo, a menor ritmo. Os datos difundidos este luns si reflicten o devandito efecto fin de semana e o total de persoas hospitalizadas e o total de persoas ingresadas en unidades de hospitalización ordinarias (319, 17 máis que un día antes) provoca que o total aumente en 16 ata quedar en 398. Son exactamente as mesmas que se rexistraban na véspera do día de Reis, cando as cifras de hospitalización estaban a piques de comezar a dispararse.

Alén deste incremento puntual, como amosan os gráficos sobre estas liñas, o total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus seguen en -lenta- tendencia descendente e son 138 menos que no remate da semana anterior. Dende o Nadal, existiu o devandito efecto da fin de semana practicamente todas as semanas, se ben durante as peores semanas da terceira vaga a comparación a respecto do mesmo día da semana anterior non reflectía diminucións, senón claros incrementos.

Cómpre ter en conta, non obstante, que os indicadores de hospitalización por COVID-19 que ofrece o Sergas son só unha foto fixa influída por varios factores. Así, na diminución deste indicador non só inflúen as altas hospitalarias, senón tamén as altas epidemiolóxicas (pacientes que superan a infección, pero deben seguir no hospital por mor do seu estado xeral de saúde) e, en menor medida, tamén os falecementos. Segundo os datos recompilados polo Ministerio de Sanidade (a Xunta transmíteos ao Estado, pero non os difunde), dende o comezo da pandemia foron hospitalizadas en Galicia 12.215 persoas que contraeran a COVID-19.

Máis de cen concellos sen casos novos en dúas semanas

A mellora dos principais indicadores epidemiolóxicos séguese percibindo sobre o mapa. Na xornada na que entra en vigor a nova relaxación das restricións -coa fin dos peches perimetrais das áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra, entre outras medidas-, os datos indican que un total de 105 concellos non rexistraron casos novos da COVID-19 nos últimos catorce días e a cifra dos que teñen o rexistro a cero nos últimos sete días chega a 169. A maior parte destes municipios libres da COVID atópase en contornas pouco poboadas das provincias de Lugo e Ourense.

Nas cidades, a tendencia da incidencia acumulada segue sendo descendente, aínda que con certos sinais de estancamento en varias delas

No que atinxe ás sete principais cidades, a tendencia da incidencia acumulada a 14 días segue sendo descendente, aínda que con certa tendencia ao estancamento nalgunhas delas. É o caso da que presenta maior incidencia acumulada, A Coruña, a única que aínda non descendeu dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes en dúas semanas. Así e todo, as cifras a 7 días -ás que o Sergas concede cada vez máis importancia- seguen sendo favorables [a evolución da incidencia nas sete cidades, nesta ligazón]

Para o conxunto de Galicia, as incidencias acumuladas seguen sendo descendentes tanto a sete como a catorce días aínda que o ritmo da diminución tende a estancarse e mesmo a frear un chisco. Así e todo, os 106 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días que reflicten os datos máis recentes supoñen o valor máis baixo dende finais de agosto. No que atinxe á incidencia a sete días, sitúase arredor dos 41 casos novos por cada cen mil habitantes, o que tamén é o nivel máis baixo dende agosto.

Boas novas nas taxas de positividade

A positividade media das probas PCR rolda o 1,7%, un nivel tamén semellante ao do pasado agosto, cando a capacidade diagnóstica era inferior á actual

As incidencias acumuladas (especialmente, a incidencia a sete días) e o seu ritmo de diminución apuntan a que as vindeiras xornadas seguirán sendo de evolución razoablemente positiva e o mesmo sucede coas taxas de positividade das probas PCR, isto é, a porcentaxe das que dan positivo entre todas as realizadas. Tras un domingo no que (ata as seis da tarde, hora de peche do parte) ata cinco das sete áreas sanitarias rexistraron taxas de positividade inferiores ao 1%, a positividade media para o conxunto de Galicia sitúase ao redor do 1,7%.

Este indicador está, daquela, a niveis de principios de agosto, pero coa notable diferenza de que, na actualidade, o Sergas dispón dunha maior capacidade diagnóstica. Así, a última vez na que a positividade media a sete días para o conxunto de Galicia roldaba o 1,7%, Galicia procesaba unhas 1.400 PCR diarias. Na última semana, a media de PCR diarias rolda as 6.500.

Por áreas sanitarias, só nas da Coruña-Cee e Ourense a positividade media a sete días está por riba do 2%. Todas elas están, daquela, moi por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde establece como limiar para dar por controlada a pandemia nun determinado territorio.

Neste contexto e tras dous meses seguidos con máis de 400 falecementos de persoas que contraeran a COVID-19, as cifras de mortalidade tamén semellan acougar. Na última semana, Galicia rexistra unha media diaria duns 4 falecementos. A finais de xaneiro, este indicador chegou a roldar as 26 mortes ao día. O total de falecementos oficialmente ligados á pandemia no país chega ás 2.275, dúas delas das últimas vinte e catro horas. Nesta terceira vaga segue descendendo a proporción de mortes de persoas que vivían en residencias de maiores e persoas con discapacidade, onde se segue percibindo o efecto da vacinación. Actualmente, só contabilizan 24 positivos en centros de maiores e 1 nun único centro de atención á discapacidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.