A Xunta amplía os límites de asistencia pola COVID a reunións laborais ou sindicais, en velorios e os postos nas feiras

Venda de produtos de alimentación ao aire libre en Carballo este 4 de marzo © Concello de Carballo

Na noite do xoves 4 de marzo ao venres, día 5, a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia as previstas modificacións nas súas restricións pola COVID-19. Alén dos cambios relativos á mobilidade -publicados con erros para Corcubión, Curtis e Ponteceso, que Sanidade prevé emendar este mesmo venres- e demais medidas por concellos, o Goberno galego introduce tamén modificacións nalgunhas das restricións xerais para o conxunto do país. Estas mudanzas implican flexibilizar un chisco os límites para determinadas actividades.

Unha destas flexibilizacións atinxe aos mercados ao aire libre e feiras, que co modelo inicial estaban limitados ao 50% dos seus postos. De agora en diante, os que teñan menos de 50 postos poderán abrilos todos, os que dispoñan de máis de 50 terán marxe ata o 75% e os de máis de 100 terán que continuar ao 50%. Como ata agora, Sanidade permite aos concellos habilitar días adicionais para compensar os recortes, entre outras opcións.

O límite para reunións "laborais, institucionais, académicas, profesionais, sindicais" pasa de 30 a 75 persoas en interior e de 75 a 150 ao aire libre

Tamén queda ampliado o límite de asistencia para "actos e reunións laborais, institucionais, académicos, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativos, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacional". O límite para estas actividades en espazos pechados pasa de 30 a 75 persoas e ao aire libre, de 75 a 150.

Estas restricións non están relacionadas de maneira xeral co dereito de manifestación, un aspecto especialmente sensible en vésperas do 8M. Non en van, están estipuladas nunha orde da Consellería de Sanidade e non no decreto do presidente da Xunta como autoridade delegada para o Estado de Alarma. O dereito constitucional de manifestación non pode ser restrinxido por esta vía e as eventuais limitacións dependerían do Goberno de España tendo en conta, entre outros aspectos, as mobilizacións cuxa celebración sexa comunicada.

As mudanzas atinxen tamén aos velorios e enterros. Neles, o número de asistentes permitido pasa de 5 a 10 persoas en interiores e de 15 a 25, en exteriores. Vinte e cinco persoas son tamén as permitidas para o acto do funeral, onde ata agora só podía haber quince.

Reapertura parcial dos centros sociocomunitarios

A nova orde trae consigo tamén a reapertura parcial de "centros sociocomunitarios, centros cívicos, centros de convivencia, centros sociais e demais de natureza análoga", que estaban pechados. Nos concellos no nivel 3 de restricións (no mapa inferior, os de ton azul máis claro), o menos estrito, estas instalacións "poderán realizar a súa actividade ao 30 % e se extremen as medidas de protección nas actividades de tipo grupal que se realizan neles, cun máximo de catro persoas sexan ou non conviventes". No resto de Galicia terán que seguir pechados.

A nova orde de restricións introduce tamén regras para a celebración de exames de oposición, as cales atinxen á propia Xunta e ao resto de Administracións

Alén destas medidas, o Goberno galego introduce tamén especificacións para a celebración de exames de oposicións das Administracións públicas. Esta normativa atinxe a todas as Administracións, pero faino especialmente coa propia Xunta, que nas últimas semanas activou diversos procesos selectivos que adiara pola pandemia.

Así, por exemplo, establece que a distancia entre cada persoa que participe nestes exames debe ser de metro e medio "en todas as direccións" e "cun límite máximo de 250 persoas" en cada espazo. Ademais, impón "tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por un prazo de, polo menos, 30 minutos" ao inicio e remate da xornada, "así como e forma frecuente" durante cada sesión. [A Xunta prevé exames distintos para aspirantes a unha mesma oposición]

A propia Xunta, non obstante, deixa marxe á celebración de exames de máis de 250 persoas ou a probas que impliquen que as persoas aspirantes non estean sentadas. Neste caso, "solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública" xunto cun detalle das "medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio".

Sanidade avanza este venres eventuais novos cambios

Por último, e como xa avanzara a propia Xunta, a nova orde de restricións volve adiar a que fora presentada como unha das principais novidades da terceira desescalada, o control de accesos e asistencia a locais de hostalería mediante códigos QR. O Diario Oficial de Galicia constata o terceiro adiamento desta medida, que agora pasa a ter como prazo de entrada en vigor o 12 de marzo. Alén de todo isto, este mesmo venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informará en rolda de prensa de posibles novas modificacións. Segundo o indicado por el mesmo esta semana, de existir, eses cambios entrarían en vigor xa o vindeiro luns, día 8 de marzo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.