O Goberno galego quere darse liberdade a través da lei de acompañamento dos orzamentos para dividir grupos de opositores como protección fronte á COVID ou adoptar “calquera outra medida a proposta da autoridade sanitaria”
“A posibilidade de realizar os exercicios dos procesos selectivos en distintas quendas, realizando no seu caso distintos exercicios sobre o mesmo temario; así mesmo, poderanse realizar os exercicios en distintas sedes, distribuíndose as persoas aspirantes do xeito que determine o órgano convocante dos procesos, sempre que quede garantido o respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade no acceso ao emprego público”. É a redacción do borrador da lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para o próximo ano 2021 ao que tivo acceso Praza.gal, norma coa que o Goberno galego mudaría a Lei 2/2015 do emprego público de Galicia para dotarse de liberdade, con máximo rango legal, para adaptar fronte á COVID-19 as oposicións a postos públicos con esa ou “calquera outra medida a proposta da autoridade sanitaria”.
A emerxencia sanitaria polo coronavirus fixo que a Xunta adiase procesos de selección de persoal que tiña en marcha e só celebrase o pasado outubro exames de funcionarización de persoal que xa traballa para ela nos que o grupo de aspirantes de maior tamaño roldaba as 300 prazas. Porén, probas que adoitan congregar no recinto feiral de Silleda a milleiros de persoas na mesma xornada para realizar todas elas un mesmo exame seguen no aire polo risco de contaxio que poderían supoñer.
A Xunta prevé darse maior liberdade á hora de organizar oposicións a través da lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano, norma á que os gobernos de Feijóo veñen recorrendo ano tras ano para modificar con menos debate e cunha tramitación acelerada todo tipo de leis previas aínda que non teñan relación coas contas públicas, neste caso a de emprego público.
O borrador de lei de acompañamento ao que tivo acceso Praza.gal tamén prevé “a ampliación dos prazos de realización dos exercicios ata que a situación derivada da pandemia permita un axeitado desenvolvemento”
Segundo o borrador ao que tivo acceso Praza.gal, a Xunta argumenta que “como consecuencia das circunstancias excepcionais ocasionadas pola declaración da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia derivada da pandemia da COVID-19, que teñen impedido o desenvolvemento regular dos procesos selectivos e de provisión, de conformidade coas normas que lles son de aplicación e no seu caso coas correspondentes bases dos procesos selectivos, poderán adoptarse coa debida motivación as seguintes medidas pola persoa titular da consellería competente nos respectivos ámbitos de persoal (función pública, educación e sanidade), namentres subsistan as devanditas circunstancias excepcionais”.
O texto contempla "unha segunda convocatoria" para "as persoas aspirantes que non se poidan presentar a algún dos exercicios" por estar afectadas, confinadas ou en corentena polo virus
E a continuación enumera como medidas a antedita posibilidade de realizar exames distintos e dividir ás persoas aspirantes en grupos así como “a ampliación dos distintos prazos de realización dos exercicios dos procesos selectivos ata que a situación derivada da pandemia permita un axeitado desenvolvemento dos mesmos” ou a “posibilidade para as persoas aspirantes que non se poidan presentar a algún dos exercicios do correspondente proceso selectivo alegando sintomatoloxía de contaxio da COVID-19, e se atopan en illamento ou en corentena por contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada nos últimos 14 días ou en situación de confinamento obrigatorio, en cumprimento do principio de igualdade nos procesos selectivos, realizaráselles unha segunda convocatoria, en data que non altere o desenvolvemento normal do proceso”. E remata cun cuarto punto no que contempla “a adopción de calquera outra medida a proposta da autoridade sanitaria”.
O borrador tamén recolle a xa anunciada decisión de valorar como mérito ao persoal público que traballase fronte á pandemia
As medidas recollidas no borrador permitirían estender a posibilidade de realizar o exercicio noutra data a máis supostos que o actualmente contemplado para as mulleres embarazadas, así como flexibilizar os prazos taxados de realización dos exercicios nun máximo de 40 días despois da constitución dos seus tribunais.
O borrador da lei de acompañamento tamén contempla outras modificacións na Lei 2/2015 do emprego público de Galicia, nalgúns casos para adaptar diversa normativa estatal. Tamén inclúe a xa anunciada decisión de valorar como mérito ao persoal público que traballase fronte á pandemia: “Poderá preverse como méritos a valorar nas respectivas convocatorias de concursos de traslados ou nas respectivas convocatorias de acceso extraordinario aos distintos graos do sistema de carreira profesional o seguinte suposto: a prestación de servizos en aqueles postos directamente relacionados coa loita contra a crise sanitaria ocasionada pola COVID-19” nunha serie de categorías e grupos.