Silleda acolle desde o 3 de outubro as primeiras oposicións da pandemia á espera de que a Xunta concrete data e lugar para as máis concorridas

Exame de oposicións da Xunta en Silleda nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

O Goberno galego comeza a reactivar os procesos, paralizados en abril, coas probas de funcionarización de persoal laboral, cun máximo de 300 persoas no exame máis numeroso, pero advirte de que "poderán ser modificadas por recomendación das autoridades sanitarias"

O pavillón 2 do recinto feiral de Silleda, con 14.300 metros cadrados, acollerá os días 3 e 4 de outubro, sábado e domingo, segundo publica a Xunta este venres no DOG, as primeiras oposicións que se retoman tras a paralización de todos os procesos decretada en abril pola pandemia de coronavirus. Pero serán de momento uns exames con afluencia reducida xa que os primeiros que se realizarán serán os de funcionarización de persoal laboral que xa traballa para a Xunta, un proceso que afecta a algo máis dun milleiro de persoas no que a proba máis numerosa non congregará a máis de 300 persoas, segundo fontes sindicais. Para o resto de oposicións, a Xunta garda silencio e para estas primeiras xa advirte de que as previsións “poderán ser modificadas á vista das recomendacións que realicen as autoridades sanitarias”.

Oposicións en Silleda nunha imaxe de arquivo © Sergas

O 29 de abril o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no que recaen as competencias en materia de emprego público, anunciou no Parlamento que como medida de prevención e protección fronte a contaxios a Xunta decidira non realizar ningún tipo de proba de selección de persoal, habituais noutros anos na primavera, “ata o 1 de outubro”, ao tempo que aprazaba ata 2021 as oposicións docentes previstas para este ano.

A poucos días dese mes de outubro, a pasada semana Facenda publicou no Diario Oficial de Galicia os nomeamentos dunha decena de tribunais para diversos tipos de procesos de acceso libre ou consolidación de prazas, un paso que fai prever que as primeiras probas vanse realizar en cuestión de semanas polos prazos habituais de constitución deses tribunais e o máximo de 40 días desde a constitución ata a celebración das probas. Pero malia que hai milleiros de persoas á expectativa, a Xunta négase a revelar a súa previsión de datas, lugares ou protocolos fronte ao coronavirus. Nin a facilita aos sindicatos nin respondeu en toda esta semana a preguntas deste medio ao respecto.

“Nos vindeiros días publicaranse unhas normas xenéricas que hai que seguir para a realización da proba tipo test como consecuencia da situación creada pola pandemia do COVID-19”, di a Xunta

A falta de data e lugar de realización mantén na expectativa a milleiros de aspirantes ao tempo que os sindicatos veñen amosando o seu malestar por non coñecer aínda as condicións en que se realizarán as probas. De momento, nas resolucións coas que este venres se fixan as datas e horas das primeiras probas, as de funcionarización, para un número reducido de aspirantes, a Xunta establece que “as previsións establecidas neste documento poderán ser modificadas á vista das recomendacións que realicen as autoridades sanitarias da Comunidade Autónoma en función da evolución da pandemia do COVID-19”. 

O DOG tamén sinala que “será obrigatorio o uso da máscara durante toda a realización da proba, agás cando se trate de persoas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara, neste caso deberán achegar á Dirección Xeral da Función Pública a correspondente xustificación no prazo de cinco días” a partir deste venres. “De non facelo, non se permitirá o acceso sen a máscara”, engade. E remata avanzando que “nos vindeiros días publicaranse unhas normas xenéricas que hai que seguir para a realización da proba tipo test como consecuencia da situación creada pola pandemia do COVID-19”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.