Milleiros de aspirantes, á expectativa da previsión da Xunta de retomar as oposicións en outubro

Exames de oposicións da Xunta no recinto feiral de Silleda nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

O Goberno galego vén de nomear tribunais para varios procesos, o que implicaría a celebración dos exames en cuestión de semanas, pero os sindicatos descoñecen aínda os protocolos e lugares 

O 29 de abril, en plena primeira vaga do coronavirus, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, no que recaen as competencias en materia de emprego público, anunciou no Parlamento que como medida de prevención e protección fronte a contaxios a Xunta decidira non realizar ningún tipo de proba de selección de persoal, habituais noutros anos na primavera, “ata o 1 de outubro”. Coas oposicións docentes previstas para este ano xa aprazadas ata 2021, a menos de dúas semanas do mes de outubro a Xunta aínda non fixo públicas as súas previsións sobre as probas pendentes este ano para o resto de prazas públicas. 

A pasada semana Facenda publicou no Diario Oficial de Galicia os nomeamentos dunha decena de tribunais para diversos tipos de procesos de acceso libre ou consolidación de prazas. Os prazos habituais de constitución deses tribunais, e o máximo de 40 días desde a constitución ata a celebración das probas, manteñen a milleiros de aspirantes na expectativa de que en cuestión de semanas deberán sentarse a cubrir os seus exames, pero aínda non se sabe onde o deberán facer nin seguindo que protocolos. Este diario preguntou este luns á Xunta sobre as súas previsións a respecto da reanudación das oposicións sen obter aínda resposta.

Oposicións en Silleda nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Os sindicatos amosan as súas dúbidas sobre a posible concentración habitual en anos anteriores de milleiros de persoas no recinto feiral de Silleda, concello no que hai restricións específicas polo coronavirus

Fontes sindicais sinalan que aínda non recibiron comunicación oficial ao respecto por parte da Xunta, máis alá de que as primeiras probas serán, a comezos de outubro, as de funcionarización de persoal laboral fixo, un colectivo relativamente limitado en contía. Segundo fontes consultadas, o grupo máis numeroso de aspirantes para as distintas prazas ou categorías dese proceso extraordinario de funcionarización podería ser dunhas 300 persoas á vez, unha cifra insignificante comparada coas 10.000 persoas que podían chegar a reunirse en anos anteriores no recinto feiral de Silleda, lugar habitual de celebración das probas da Xunta, para aspirar a algunha das convocatorias de acceso libre que atraen máis aspirantes. [Comeza a funcionarización de 1.424 laborais fixos da Xunta sete anos despois de anunciala Feijóo para 6.000]

CIG e CSIF piden mecanismos que permitan examinarse noutro momento ás persoas que teñan que gardar confinamento ou corentena nas datas elixidas para as probas

É sobre esas outras probas masivas, as datas, os protocolos e os lugares de celebración sobre os que pairan agora as dúbidas tanto das persoas aspirantes como dos sindicatos. Así reflexionaba a CIG o pasado xoves, un día despois de que a Xunta nomease os tribunais: “Chegamos a esa data [1 de outubro], e o nivel de contaxio volve a ser perigoso. Que facemos? Debe a Xunta retomar os procesos selectivos? A maioría das consultas que recibimos do persoal laboral fixo que se presenta á funcionarización é que se adíe o seu proceso (que segundo informan en Función Pública, vai ser xa na primeira semana de outubro). Por contra, entre a xente que se presenta por acceso libre hai intereses contrapostos entre quen queren retomar xa os procesos, e quen pensan que a situación non o aconsella”. 

O sindicato salientaba o feito de que a Xunta prohiba eventos multitudinarios e preguntábase se é máis seguro “xuntar a facer un exame a varios milleiros de persoas nun recinto por moi grande e amplo que sexa”, reclamando ao Goberno galego que comunique aos representantes sindicais os seus plans e protocolos.

Un día despois CSIF transmitía á Xunta a petición de que se suspendan os procesos de funcionarización previstos para comezos de outubro, "en medio dunha segunda vaga de contaxios” na que se están a implantar restricións en moitas zonas de Galicia. O sindicato salienta que non ten coñecemento oficial dos protocolos que aplicará a Xunta e amosa as súas dúbidas sobre a habitual elección de Silleda para a realización dos procesos selectivos. “A confirmación deste dato, do cal nestes momentos non temos constancia oficial, viría a corroborar que a Dirección Xeral de Función Pública vive nunha realidade paralela e allea aos problemas do común dos cidadáns, dado que este concello vén de incorporarse á cada vez maior lista de municipios con restricións polo avance da pandemia”, engade CSIF.

Oposicións en Silleda nunha imaxe de arquivo © Xunta

CIG e CSIF coinciden en reclamar “solucións específicas” para os aspirantes que teñan que manter illamento ou corentena e non poidan realizar a proba na data que se sinale. “Neste caso debe negociarse e garantirse, en cumprimento do principio de igualdade nos procesos selectivos, que aos aspirantes en ditas situacións se lles realizará unha segunda convocatoria para a execución do exame”, sinala CSIF. Na mesma liña, CIG pregúntase “que solución lle van dar ás persoas que aínda non estando contaxiadas teñan obriga de gardar corentena e por tanto non se poidan presentar? Vanlle dar a opción de presentarse pasada a corentena? Ou obrigarán á xente a saltarse a corentena, mesmo a non acudir ao médico ante unha sospeita de contaxio ou contacto para que non lles decreten un confinamento?”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.