Comeza a funcionarización de 1.424 laborais fixos da Xunta sete anos despois de anunciala Feijóo para 6.000

Instalacións do Rexistro Xeral da Xunta, no complexo administrativo de San Caetano CC-BY-SA Xunta

"Damos ao persoal laboral fixo a posibilidade de converterse en funcionarios. Son unhas 6.000 persoas". Apenas unha semana despois de alargar a súa maioría absoluta nas eleccións galegas de 2012, Alberto Núñez Feijóo puña cifras nunha entrevista no Faro de Vigo a unha das promesas estrela do programa do PP en materia de emprego público: "Realización do proceso de funcionarización do persoal laboral da Administración Autonómica".

Aquel anuncio vinculábase á aprobación da lei do emprego público, que viu a luz en 2015 incluíndo unha disposición ao respecto, así como a diversas negociacións cos sindicatos da función pública, que desembocaron nun acordo asinado por UGT e CC.OO. Durante todo este proceso as cifras manexadas non chegaron, nin de lonxe, ás daquel anuncio postelectoral de Feijóo. Así o ratifica o decreto aprobado polo Consello da Xunta este 27 de decembro de 2019, máis de sete anos despois da promesa inicial.

Sete anos despois, a Xunta convoca 1.424 prazas para tornar persoal laboral fixo en funcionario e prevé celebrar as probas antes das eleccións

Tal e como especifica o Goberno galego, as convocadas desta volta son 1.424 prazas para tornar persoal laboral fixo en persoal funcionario. As probas celebraranse antes das eleccións galegas de 2020, agás adianto. As previsións pasan por chegar a unhas 2.177 en seguintes convocatorias. Participar neste cambio de categoría é voluntario, se ben "o 95% do persoal laboral fixo que presta servizos na Xunta solicitou acollerse o pasado ano a este proceso".

Feijóo anunciou a funcionarización tras as eleccións de 2012 calculando que beneficiaría a ata 6.000 persoas CC-BY-NC-SA Praza Pública

Para culminar a mudanza, as persoas que participen na funcionarización deben realizar "unha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo ordinario". Trátase dun concurso-oposición no que a antigüidade ten un peso crucial (40%) e no que, para a parte do exame, a Xunta publicou de antemán as diferentes baterías de preguntas dos exercicios, aos que as persoas participantes poderán acudir cos apuntamentos que desexen. 

O Goberno galego subliña que esta menor dificultade na proba é concedida porque "o procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración" lograda por un proceso selectivo anterior. Ademais, acceden a unha "categoría equivalente" sen maiores retribucións. Atendendo á lei, "garántenselle as retribucións brutas que estaba a percibir como laboral fixo se estas son superiores ás que lle correspondan como funcionario mentres permaneza nese destino".

A Xunta pactou o proceso con CC.OO. e UGT; do acordo desmarcáronse a CIG e CSI-F

Deste proceso desmarcáronse dous sindicatos da función pública, CIG e CSI-F. A central nacionalista non comparte aspectos como o feito de que o cobramento do complemento da carreira profesional estea ligado á funcionarización, o que considera unha "chantaxe". CSI-F, pola súa banda, defendeu aspectos como que "o sistema selectivo" da funcionarización "non debera consistir nun exame" a persoal que "xa superou procesos selectivos tan duros e complexos como os de calquera empregado público", senón "nun curso selectivo de formación e avaliación continua" con coñecementos "relacionados co corpo e escala de acceso".

Dende os sindicatos críticos co procedemento subliñan que a Xunta aposta pola funcionarización para aforrar custos como as cotizacións por desemprego do persoal laboral. Desbotan, ademais, que as sucesivas convocatorias poidan chegar a sumar as 6.000 persoas anunciadas por Feijóo en 2012; isto non sucederá, entre outros motivos, polo gran número de membros do persoal laboral fixo que se achegan á idade de xubilación, subliñan. Entre o persoal tamén se advirten vantaxes, como o feito de que o persoal funcionario fica fóra do risco de despedimentos colectivos de persoal laboral ao que abriu a porta o Goberno de Rajoy nun dos paquetes de recortes de 2012.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.