As educadoras sociais alertan dos riscos de que a Xunta incorpore á profesión persoal doutras titulacións

Exames de oposicións da Xunta no recinto feiral de Silleda CC-BY-SA Xunta

A Xunta ultima a convocatoria de case 600 prazas en varios procesos de oposición. Case noventa delas son de educación social. O texto da orde pola que se convocará este proceso selectivo xa está a ser negociado coas centrais sindicais e un dos seus puntos desacouga e mesmo indigna especialmente ao Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG). Como nos tempos en que a educación social era aínda unha profesión nova ou practicamente inexistente, a Xunta contempla cubrir estas prazas tamén con persoal doutras titulacións.

As profesionais da educación social, unha profesión na que predomina con claridade a presenza feminina, teñen formación socioeducativa e traballan en múltiples eidos: dende a protección da infancia á atención ás persoas sen fogar, pasando pola integración social nos barrios, a intervención nos centros educativos ou a abordaxe de menores con medidas xudiciais, entre outras. Trátase, daquela, dunha profesión diferente ao ensino regrado.

A orde na que traballa a Xunta para convocar as oposicións de educación social abre a convocatoria a persoal "con título de mestre" de Educación Primaria e a áreas como a Psicoloxía, a Psicopedagoxía ou "ramas de ciencias sociais e xurídicas ou da saúde" equivalentes

No entanto, segundo o borrador co que traballa o Goberno galego, tanto para a quenda libre como para a promoción interna, poderán optar a postos de educacións social na Xunta as persoas coa titulación universitaria de Educación Social, pero tamén quen teñan "título de mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en Educación Primaria", así como persoas licenciadas ou graduadas en Psicoloxía, Psicopedagoxía ou "nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores". 

Este é o punto que máis indigna ao CEESG, que reclama mudanzas á Xunta e xa prepara mobilizacións. "A aceptación doutras titulacións distintas á Educación Social sería un anacronismo inxusto e un agravio", di o Colexio, pero "tamén un factor que incide na calidade dos servizos socioeducativos, ao non garantir o carácter interdisciplinar que debe caracterizar os equipos profesionais". Esta advertencia, advirten, xa foi trasladada directamente en xuntanzas coa Dirección Xeral da Función Pública, coa conselleira de Política Social, Fabiola García, e mesmo co vicepresidente, Alfonso Rueda.

Reunión da Xunta de Goberno do Colexio de Educadoras, nunha imaxe de arquivo © CEESG

O Colexio de Educadoras lembra que a súa titulación foi creada "precisamente por detectarse que ningunha das existentes daba resposta ás necesidades" que elas atenden e reclaman que o Goberno galego reforme a normativa para "recoñecer o que vimos reclamando"

"A Xunta debería dar exemplo na defensa do dereito da cidadanía a recibir unha atención especializada" e "na defensa dos dereitos das persoa que investiron esforzo, tempo e cartos nunha formación universitaria oficial" que imparte o propio sistema universitario galego, lembran. As persoas tituladas en Educación Social superan as 4.000 en Galicia e contan cun título, subliñan, que foi creado "precisamente por detectarse unha necesidade de formación universitaria especializada á que non daba resposta ningunha das existentes con anterioridade".

Neste contexto, o CEESG anticípase á previsible resposta da Xunta. "A lei de emprego público de Galicia non recoñece o que vimos reclamando", pero esa mudanza "sería posible se houbese unha vontade política real". Non en van, advirten, "tamén está nas mans" da Xunta "modificar as mesmas normas" que promoveron.

Mobilizacións, o luns 14

"Seguramente coñezas algunha educadora; pode que fose a profesional que acompaña a túa avoa na clase de estimulación cognitiva. Ou ao teu fillo, nas sesións para previr o acoso escolar"

A cuestión da titulación, pero tamén outros factores como que a Xunta continúe "anacronicamente" a referirse oficialmente á educación social como "corpo facultativo grao medio da escala de técnicos facultativos de servizos sociais, especialidade educadores", están no centro das mobilizacións que convoca o CEESG para o vindeiro 14 de outubro. Para explicalas, animan a cidadanía a pensar en que "seguramente coñezas algún educador ou educadora social".

"Pode que fose a profesional que acompaña ao teu pai nun proceso de recuperación de adiccións. Ou á túa avoa, nas clases de estimulación cognitiva no centro de día. Ou ao teu fillo, nas sesións para previr o acoso escolar no seu centro educativo". "Tamén pode que non coñezas a ningunha, pero que no futuro che gustaría que fose a profesional que, cumprindo coas súas funcións, te atendese nos servizos sociais, no centro de menores ou no centro de información á muller", exemplifican. "Por este e outros motivos", animan a secundar as concentracións que preparan para o día 14 ás sete da tarde ante a sede central da Xunta en San Caetano, fronte ao edificio administrativo do Goberno galego no barrio coruñés de Monelos e tamén en Ourense, fronte á 'casa do chocolate'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.