Educación social para a adolescencia nos barrios de Lugo: formar antes que castigar

Vista da praza da Milagrosa en Lugo, un dos barrios nos que se desenvolve o programa © Google

Lugo levará educadores sociais a diferentes zonas da cidade para fomentar hábitos sociais saudables entre os máis novos. O programa Implica2 no meu barrio vai dirixido a rapaces de entre 12 e 16 anos e ten como obxectivo mellorar a educación en convivencia entre os mozos e mozas. 

O programa 'Implica2' busca "fomentar a aprendizaxe de condutas sociais, incidindo nos factores de risco social" entre os adolescentes

Este pioneiro programa, tal e como destaca a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, busca "fomentar a aprendizaxe de condutas sociais, incidindo nos factores de risco social" naqueles barrios máis conflitivos ou precarizados da cidade e entre os obxectivos inclúense os mozos que xa están a participar no programa de intervención familiar. 

Neste último, hai 350 familias e de entre elas os novos aos que vai destinado este programa. Trátase de "educar na convivencia", como asegura González Abelleira, e diríxese a rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos porque é nestas idades "onde se adquiren determinadas habilidades, onde se vai plasmando a personalidade e onde, tamén, hai máis factores de risco social". Ás prazas para o programa poderán optar ata 50 mozos, 10 do barrio Fermín Rivera, 20 na Abella e outros 20 no da Milagrosa.

As prazas están dirixidas a 50 mozos e mozas dos barrios Fermín Rivera, Abella e A Milagrosa

"En lugar de empregar medidas coercitivas, como as sancións, centrámonos na educación porque é nela onde vai a responsabilidade", explica a concelleira, que explica que a inspiración para levar a cabo esta iniciativa "baséase na necesidade". "Vimos que hai rapaces que, cando non están no colexio, están na rúa pero non xogando senón facendo outras cousas", aclara quen destaca que a intención do Concello non era máis que ofrecerlles alternativas de lecer. "Queriamos que fixesen algo máis porque, ao final, a educación depende tamén do barrio de onde vives e é aí onde aprendes moitas cousas", insiste. 

A iniciativa busca "evitar o fracaso escolar, as drogodependencias ou o mal uso das redes sociais, entre outros”

Unha das educadoras sociais responsables, Carmen Fernández, explica que educadoras e monitores traballarán con estes grupos máximos de 20 mozos e mozas co obxectivo de "evitar o fracaso escolar, as drogodependencias ou o mal uso das redes sociais, entre outros”.

Ademais, diferenciaranse entre dous colectivos xuvenís, por unha banda os que participan no medio escolar normalizado e os que están á marxe do sistema educativo. Os obxectivos, segundo os impulsores, son "que adquiran hábitos de comportamentos e condutas axeitadas, como madurez, responsabilidade, igualdade, colaboración e interacción intercultural".

O programa empregará unha metodoloxía activa, participativa, coeducativa, grupal e integradora e as actividades, que serán ao longo de 2017, realizaranse durante dous días á semana en locais de cada barrio. Alén disto, haberá actividades extraordinarias para os adolescentes como paintball, sendeirismo ou excursións, entre outras.

O programa céntrase en aspectos que son pouco tratados nos colexios, como a educación en igualdade ou a información sobre as drogas

A concelleira González Abelleira destaca que estes programas son "moi ben recibidos" por seren clases teóricas "pero dinámicas e participativas, non a base de chapar". "O fundamental é poñer en común as experiecias de cada un e, a maiores, apoiar ese esforzo con excursión e variadas actividades", di a edil de Benestar, que segura que Implica2 céntrase "sobre todo naqueles aspectos máis carenciais como a educación en igualdade ou información sobro o consumo de drogas, cuxo tratamento aínda é moi deficitario nos colexios". "Hai valores que se están a perder e queremos incentivar e crear a necesidade de coñecer", remata. 

No programa tamén colabora a aseguradora Artai, que agradece ao Concello “a oportunidade de colaborar con este programa, que engrandecen a nosa cidade e que lle axudan á mocidade da cidade de Lugo”.

Presentación do programa 'Implica2' © Concello de Lugo
Actividade infantil na praza do Castiñeiro de Lugo © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.