"É necesaria unha atención integral aos menores que sofren situacións de violencia de xénero"

Actividade do CEESG no 'Día do Neno e da Nena' © CEESG

O pasado de 2 de xaneiro o Goberno galego e os colexios profesionais de Graduados Sociais, Xestores Administrativos, Educadores/as sociais e auditores sociolaborais asinaron un convenio para a asistencia integral dos orfos e orfas vítimas da violencia machista. Nenos e nenas cuxas nais foron asasinadas polos seus pais e que, polo tanto, tiveron que ser acollidos por outros familiares na maior parte dos casos. Nos últimos 15 anos, 16 nenos e nenas quedaron orfos e orfas en Galicia por este motivo.

O convenio intensifica a asistencia e protección de menores, que contarán con acompañamento e con apoio socio-educativo, dentro e fóra dos centros de ensino. Un traballo de atención e de prevención que busca "axudar dende o primeiro segundo a que estes e estas menores se sintan amparados e amparadas". Este programa integral de atención aos menores é unha das medidas contempladas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Falamos con Laura Vilaboy, presidenta do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG).

"Hai que darlles ferramentas para superar conflitos, hai que asistilos no manexo das emocións, nas súas habilidades sociais, fornecelos de autoestima e confianza"

Este acordo servirá para mellorar a atención a estes nenos e nenas vítimas da violencia machista?

A necesidade está aí: entre o 2002 e o 2017 houbo 16 casos en Galicia de menores orfos. Hai que atender estes nenos e nenas que poden ser institucionalizados ou derivados a algún familiar para que se fagan cargo. As situacións son sempre complicadas e hai que poñer en marcha unha atención integral na que entran en xogo un gran número de ferramentas. Xa dende o primeiro minuto: axudarlles a entender o mellor posible o que pasou e paliar os efectos negativos desa situación que viviron e están a vivir.

Cal vai ser a función do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais?

O equipo ímolo conformar en coordinación co Colexio de Graduados Sociais. O noso traballo é levar a cabo ese protocolo de atención integral, no que levamos a cabo accións de apoio socioeducativo. Teremos que atender as necesidades e demandas de cada menor, entendendo que cada caso vai ser diferente. Hai que darlles ferramentas para superar conflitos, hai que asistilos no manexo das emocións, nas súas habilidades sociais, fornecelos de autoestima e confianza. Hai que achegarlles apoio escolar, facer un traballo específico cando existan trastornos de aprendizaxe. É importante igualmente apoialos nas actividades de lecer cando están con outros familiares. Todo este labor debe ser realizado en colaboración cos servizos sociais, cos centros escolares e coas familias.

"O que pasa na escola é fundamental, porque os e as menores pasan moito tempo neses espazos"

Independentemente de que remate ou non en asasinato, en que medida sofren estes nenos e nenas a violencia de xénero?

Esta violencia aféctalles en primeira persoa, porque eles e elas están vivindo esta situación de primeira man. Sofren a situación de maltrato no núcleo familiar, convértense en vítimas directas, pode que non a nivel físico, pero si a nivel psicolóxico. E, por suposto, cando ao final se produce un asasinato, quedan nunha situación de desamparo e moi desprotexidos e desprotexidas.

Son conscientes do que pasa en todo momento?

Se cadra non o verbalizan, pero si podes ver cambios de humor, cambios de conduta, comportamentos diferentes... Nas nosas intervencións imos facer moito fincapé en que hai que revisar as normativas en materia de igualdade para que os nenos e as nenas vivan en espazos nos que se dá unha convivencia pacífica e con máis normalidade.

"Se dende ben pequeniños os vas educando en igualdade, chegarán a ser persoas adultas que medren entendendo perfectamente as situacións"

En que medida é importante a atención e os protocolos que se poñan en marcha nos centros de ensino?

Si, nós defendemos que se deberían poñer en marcha medidas de intervención integral, facendo un diagnóstico completo sobre a situación dos menores que sofren situacións de violencia de xénero, analizar os recursos que existen en materia de atención a estes menores, poñer en marcha protocolos de atención, avanzar na formación en igualdade dos profesionais que tratan cos menores, dende os mestres ata os responsables das actividades extraescolares. É dicir, hai que formar a toda a rede comunitaria que rodea ese neno ou esa nena. Hai que realizar tamén campañas de sensibilización para que esa rede teña información e reme na mesma dirección, evitando efectos de vitimización. O que pasa na escola é fundamental, porque os e as menores pasan moito tempo neses espazos.

Este labor de sensibilización pódese facer a partir de calquera idade? 

Hai que realizar un traballo de prevención de violencia de xénero nas aulas, planificada. E isto pódese facer en todas as idades, porque todo se pode explicar, dunha maneira directa. E se dende ben pequeniños os vas educando en igualdade, chegarán a ser persoas adultas que medren entendendo perfectamente as situacións, van estar formados.

Sinatura do convenio entre o Goberno galego e os colexios profesionais © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.