Pontevedra acolleu o pasado sábado a xornada Infancia e adolescencia. A cara oculta da violencia de xénero, na que participaron 150 persoas procedentes de ámbitos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os centros de información á muller. O encontro, impulsado pola Universidade de Vigo, a Deputación e o Concello de Pontevedra, buscaba subliñar a violencia machista como unha problemática que afecta á infancia e á adolescencia máis aló dos propios fillos e fillas das mulleres vítimas destas agresións. Nel, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme) alertou de que un 23% das nenas e un 15% dos nenos son vítimas de violencia sexual.
Houbo catro obradoiros simultáneos que abordaron a violencia de xénero exercida contra menores desde os ámbitos sanitario, educativo, xudicial e asociativo. Neles destacouse a importancia de loitar contra a “vitimización secundaria” que se produce cando as vítimas non se ven protexidas polas institucións ou a necesidade da formación en igualdade e da incorporación da perspectiva de xénero nestes ámbitos. Estrela Gómez, presidenta de Agamme, alertou así mesmo da problemática da “violencia institucional”, das “institucións que non protexen” e que “entran nunha espiral de probas”; pediu, neste senso, “evitar protocolos excesivos, burocráticos”, que poden levar a que non se denuncien as situacións vividas, ao tempo que alertou tamén da existencia de “ideas preconcibidas que inflúen na concepción da violencia”.
Destacouse a importancia de loitar contra a “vitimización secundaria” que se produce cando as vítimas non se ven protexidas polas institucións ou a necesidade da formación en igualdade e da incorporación da perspectiva de xénero nestes ámbitos
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo fincapé na necesidade de retomar os estudos estatísticos para coñecer a realidade da situación, lembrando que “dende o ano 2008 non se están a recompilar datos estatísticos que permitan analizar o que está a acontecer coas violencias machistas, non se está a estudar o que está a acontecer coa violencia que padecen as nenas e os nenos de mans dos seus pais ou parellas das súas nais. E se non hai datos, estatísticas, non somos conscientes da realidade”. "Non son dous ou tres nenas ou nenos, son milleiros de nenas e nenos os que viven nesta situación e a sociedade o ten que saber”, engadiu.
Subliñouse a necesidade de “tecer redes para facer visible un problema oculto”
A xornada abriuse coa presentación por parte da catedrática de Ciencias da Educación e do Deporte Ángeles Parrilla do proxecto de investigación Redes de innovación para a inclusión educativa e social. “A medida que se foi desenvolvendo o proxecto, vimos que este é un problema moi complexo, que non se limita só á descendencia das mulleres maltratadas”, destacou a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María Álvarez Lires. “Este é un proxecto con vocación comunitaria, polo que interesábanos recoller opinións da sociedade”, engadiu Álvarez Lires, ao tempo que puxo de relevo a importancia de “tecer redes para facer visible un problema oculto” que abrangue “agresións sexuais, violacións, maltrato por desapego afectivo, abandono, maltrato físico..., xeralmente exercido por familiares varóns ou polas parellas das nais”.