Hai tan só uns días, a Fiscalía Xeral do Estado lanzou unha polémica proposta para tratar de evitar ou reducir ao minimo os abusos sexuais a menores nos centros de ensino: instalar e xeneralizar o uso de cámaras nas aulas e despachos. “A gravidade de certas denuncias e o delicado das contornas nas que se producen os feitos (...) podería levar a normalizar a adopción de medidas de gravación en vídeo de espazos pechados, que evite a imposiblidade de acreditación do feito ou que determinadas persoas se vexan sometidas a tan lacerantes como infundadas sospeitas ou imputacións”, aseguraba nun informe María José Segarra, fiscal xeral.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais dubida da "eficacia" das cámaras, unha proposta que ve como "a da cultura do castigo e da intervención tardía"
A polémica foi inmediata, agromando voces a favor e sobre todo en contra. Quen se ergue agora é tamén o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), que dubida “da eficacia deste tipo de medidas”, unha proposta que define como “a da cultura do castigo e da intervención tardía”, tal e como aclara nun comunicado.
En conversa con Praza.gal, Laura Vilaboy, presidenta do Ceesg, advirte que “non ten sentido” apostar por medidas así “se o que queres é que non se produza violencia, gardar a intimidade dos menores ou intervir educando”. “Poñer cámaras e extremar a vixilancia non parecen as maneiras, e si traballar máis en rede, desde abaixo, con docentes, orientadores, psicólogos...”, engade.
“O que debe fomentarse son accións socioeducativas de prevención, que teñen efecto a longo prazo, e que fan mudar os valores que desexamos reforzar na nosa sociedade, como o respecto, a convivencia, a igualdade, a paz, etc. Debemos aspirar a erradicar estas condutas das aulas”, insiste o Colexio.
“O que parece que se quere é causar medo aos menores, para que non se atrevan a facer algo, pero educar con medo non é a solución"
“Se son menores problemáticos, será por algo; non por vixialos vas saber o motivo do seu comportamento”, engade Vilaboy, que insiste en que debería haber un traballo conxunto que implicase “axentes sociais da comunidade do menor”, así como profesionais preparados, ademais de docentes, psicólogos, compañeiros... “O que parece que se quere é causar medo aos menores, para que non se atrevan a facer algo, pero iso non é educativo; educar con medo non é a solución, sobre todo cando é moi probable que ao saír da aula se reitere neses comportamentos”, explica quen aclara que é aí onde entran os educadores sociais, un sector que considera aminorado no sistema escolar, tamén en Galicia.
“Debemos aspirar a previr e erradicar condutas de abuso e conflito nas aulas, non só a perseguilas”, continúa Vilaboy. “O uso de redes sociais, as novas tecnoloxías, a falta de información en igualdade ou de habilidades sociais comunicativas, problemáticas socieconómicas familiares... Todo inflúe e é clave a prevención; é aí onde a figura dos educadores sociais é importante para dar apoio”, asegura, tras lamentar que a Xunta non conte con este sector de forma fixa no ensino, máis aló de talleres –poucos-- e esporádicos.
Hai exemplos claros. A Consellería de Educación acaba de anunciar na súa web o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nos seus Contornos para este curso. A través do Estado, este plan recolle, como medidas preventivas, a posibilidade de levar a cabo nos centros charlas e obradoiros impartidos polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Formacións sobre acoso escolar, violencia machista, drogas e alcol, tecnoloxía ou abusos sexuais.
O plan para a convivencia nos colexios ofrece charlas con forzas de seguridade: "Existen outros profesionais formados na intervención socioeducativa"
“A realidade é que existen outros profesionais formados especificamente na intervención socioeducativa para levar a cabo este tipo de accións, que son as educadoras e educadores sociais”, explica o Ceesg.
“Está moi ben que as forzas de seguridade dean charlas sobre como hai que reaccionar ante os casos de acoso ou que se debe facer, pero hai que ensinar como previr”, explica Vilaboy, que insiste na necesidade de que se inclúa o perfil profesional dos educadores sociais no sistema educativo galego, como xa se fixo noutras autonomías, e non só de cando en vez e sen chegar, nin moito menos, a todo o alumnado. Unha demanda que, lembra o Ceesg, conta co apoio de boa parte da cidadanía ou de colectivos como a Confederación de Anpas Galegas.