O acoso escolar é un dos graves problemas do ensino no Estado e en Galicia. Milleiros de casos permanecen “ocultos”, sen ser rexistrados oficialmente por non ser tido identificados nin saber como actuar, porque “as medidas para atallalo non están funcionando” ou por “erros” da Administración na recollida de datos. É a denuncia que fai Amnistía Internacional (AI) nun extenso informe presentado este mércores e que ten o territorio galego como unha das bases da súa investigación.
Amnistía Internacional denuncia un"problema invisible" e lembra que o 96% dos casos que detecta o teléfono contra o acoso escolar non chega á inspección
Así, AI conclúe que o acoso escolar é “un problema invisible que precisa dun sistema de denuncias útil de verdade” e advirte da necesidade de que centros escolares e profesorado “transmitan unha mensaxe clara e de tolerancia cero”. Faino logo dunha detallada investigación centrada en Galicia e Extremadura, ao ser dúas das comunidades autónomas desde as que menos chamadas se recibiron no servizo de atención telefónica implantando polo Ministerio de Educación durante o seu primeiro ano de funcionamento, aínda que sen que iso signifique “que o acoso escolar sexa un motivo de preocupación máis significativo” nestes dous territorios.
A investigación levada a cabo por AI revela numerosas eivas no tratamento do acoso e destaca que o 96% dos casos que detecta o teléfono contra o acoso escolar non chega á inspección. Así, reclama a implementación dun “sistema de denuncias complementario ao actual, un mecanismo que utilicen acotío os e as adolescentes e que sexa anónimo”. Ademais, pide “confiar” nos máis novos á hora de prever este acoso escolar e para identificar as solucións. E pon deberes ao Goberno central e ás comunidades autónomas, “que están fallando á hora de protexer estes nenos e nenas, o que constitúe unha violación de dereitos humanos”.
O informe achega testemuños impactantes de familias, profesorado e mocidade galega que deitan luz sobre as eivas á hora de prevención e da actuación. Amnistía Internacional realizou dúas visitas a Extremadura e Galicia en abril e maio do ano pasado e entrevistouse con 26 docentes, seis directores, tres orientadores, catro psicólogas, anpas, organizacións de voluntariado, sindicatos, dous inspectores educativos, tres membros da oficina do Valedor do Pobo, seis pais, 11 nais e máis de 50 adolescentes, ademais de grupos de rapaces.
Ademais, xa en outuno, AI entrevistou co Centro Nacional de Innovación e Investigación Educativa do Ministerio e co responsable da inspección educativa de Extremadura. Segundo aclara, "as autoridades educativas de Galicia declinaron" a súa "petición de reunión". Desde a Consellería asegúrase que "por motivos de axenda" non foi posible a xuntanza coa persoa solicitada "e non se propuxo data alternativa".
“Se vos din que o acoso escolar non existe é porque non coñecen a verdade ou porque a están ocultando. Eu trato de facer o contrario”, di a nai dun menor acosado
“Se vos din [a AI] que o acoso escolar non existe é porque non coñecen a verdade ou porque a están ocultando. Eu trato de facer o contrario”, conta no informe Pura Prado, directora dun centro escolar de Ribeira. “Deberían os nenos ter a pel máis dura? Quizais. Pero iso non é algo que haxa que planificar. Ocorrerá de forma natural. Como mestre, preferiría que me acusasen de preocuparme de máis e non de ignorar o sufrimento dunha ou dun das miñas alumnas ou alumnos”, engade Javier Rouco, profesor de Primaria na Coruña.
“Non queremos agobiar os nosos pais. Están ocupados con moitas outras cousas, por iso intentamos resolver as cousas pola nosa conta”, explica un adolescente de 15 anos, que destaca que “non hai contacto persoal coa maioría dos profesores” malia que cada día o alumnado “pasa moitas horas con eles”, mesmo “máis que cos pais e nais”.
Como lembra AI, unha macroenquisa en 2015 sobre a vida escolar en Galicia concluía que, aínda que máis da metade das persoas afirmaban que a convivencia mellorara nos últimos tres anos, o 8,5% das familias aseguraron que seus fillos foran vítimas de actos contrarios a esa convivencia. A porcentaxe aumetnaba até o 12% de preguntar entre o alumnado e até case o 15% entre o estudantado menor de 16 anos.
A investigación advirte de que as vítimas de acoso escolar “adoitan sentirse indefensas e crer que ninguén está da súa parte”:“Teñen a sensación de que non teñen apoio”
A investigación de Amnistía Internacional amosa que as vítimas de acoso escolar “adoitan sentirse indefensas e crer que ninguén está da súa parte”. “Teñen a sensación de que non teñen apoio”, di AI, que destaca tamén un sentimento “fondo” de culpa e “común” entre pais e nais, que senten que non prestaron atención dabonda nos avisos e queixas dos máis novos. A falta de apoio doutras familias ou profesorado ante o acoso é unha queixa habitual entre os proxenitores.
Nos casos galegos analizados, hai varios exemplos no documento. “En clase nunca se falou de acoso escolar. Non o denunciei. Quen me axudou? En realidade, ninguén. Amañeime só, meténdome na miña burbulla [...] O acoso físico rematou cando un dos rapaces me rompeu o brazo ao empurrarme polas escaleiras. Supoño que se asustou. Ás veces véxoo pola rúa e saludámonos como se non tivese pasado nada. Non creo que entendese nunca as consecuencias dos seus actos”, di un adolescente galego.
Noutro caso, un pai denuncia o acoso por racismo sufrido por un dos seus fillos, de orixe africana. “A orientadora escolar foi realmente unha axuda, pero en 2016 o colexio puxo fin ao servizo, até 2018. O colexio era unha empresa, díxome, e había que recortar gastos”, conta sobre a súa experiencia nun centro concertado da Coruña. O pequeno chegou a pedirlle que lle borrara a cor da súa pel. O pscólogo recomendoulle cambiar de colexio e a Inspección Educativa aceptouno. “Nunca nos informaron de protocolo ningún para casos de acoso escolar; eu coñecía a existencia do teléfono de axuda pero premiería tartar co colexio e falláronnos totalmente”, conta.
"O acoso físico rematou cando un dos rapaces me rompeu o brazo ao empurrarme polas escaleiras. Supoño que se asustou", relata un rapaz acosado
Outra familia galega conta a súa experiencia, tamén nun centro concertado. Un dos seus fillos sufriu acoso. “O único que conseguimos con moito esforzo foi o traslado de colexio”, explica a nai. Tras varios intentos, o centro puxo en marcha un protocolo para chegar á conclusión de que “non era un caso de acoso escolar porque non había sinais físicos nin un desequilibrio de poder entre o rapaz e o grupo de acosadores”, lembra. O caso pechouse e a muller acudiu á inspección educativa. “Dixéronme que tampouco podían axudar”. Finalmente, foi o mozo quen, tras ser cambio de grupo, falou da súa experiencia cos compañeiros e arranxou o problema. “Sentímonos totalmente abandonados polo centro. Tres anos despois, el aínda non entende como persoas adultas non atoparon o modo de axudalo dalgunha maneira”, conta.
“A inspección é a garda pretoriana do sistema educativo”, engade un representante sindical e ex-profesor de Compostela. “Informamos a inspección pero non agardamos nada deles; non critico os inspectores, pero arranxámolo internamente”, di unha nai. “Se os centros non informan das denuncias de acoso escolar, non hai nada que a inspección poida facer por nós”, engaden.
“Polo xeral, os docentes non esperan moito da inspección educativa”, conclúe Amnistía Internacional, que di que os docentes "teñen medo das consecuencias negativas para a súa reputación se denuncian”
“Polo xeral, os docentes non esperan moito da inspección”, di AI, que asegura que os directores consultados recoñeceron que “teñen medo das consecuencias negativas para a súa reputación se denuncian casos”. “Esa é a razón que deron para xustificar que prefiren abordar o problema internamente”.
Así, para AI, as autoridades “non están adoptando todas as medidas necesarias para protexer nenos e nenas, previr o acoso escolar e facilitar que se informe de todas as denuncias e queixas”. E destaca que, “tanto en Galicia como en Extremadura”, a investigación percibiu “un importante grao de escepticismo” entre os membros da comunidade educativa sobre o valor engadido de mecanismos das administracións autonómicas, cualificados de “plenarios inoperativos” e órganos “burocráticos”.
Nas súas conclusións finais, AI fai varias recomendacións “ás consellerías de Educación, incluída a inspección educativa, das comunidades autónomas, tamén en Extremadura e Galicia”, territorios analizados. Así, pide "que se aborden todos os casos de acoso escolar sen dilación”; pedir información aos centros sobre a forma na que o abordan, máis alá dos protocolos; recoller datos cuatitiativos e cualitativos para facer un seguimento; facer obrigatoria a formación permanente do profesorado no ámbito e que esta estea a disposición de todos os membros da comunidade educativa.
Amnistía Internacional recomenda ás consellerías de Educación, incluída a galega, "que se aborden todos os casos de acoso escolar sen dilación”, pedir información aos centros e facer un seguimento dos casos
O auxe do ciberacoso é outro dos problemas graves dun problema global para o que, segundo AI, "as medidas son insuficientes ou non se puxeron en práctica". "Non se están implementando todas e quedan importantes cousas por cubrir", explica nun proxecto contra esta lacra denominado Pupitres Libres, no que se recollen sinaturas.
En resumo, Amnistía Internacional pide un sistema de denuncias "rápido, eficaz e feito a media dos máis novos para que se sintan escoitados, seguros e protexidos". Tamén reclama formación do profesorado para que "saiban detectar e intervir nos casos de acoso nas aulas" e aposta pola "axuda entre iguais" para que saiban "detectar e intervir".
Ademais, recomenda "axudar a pais e nais a recoñecer cando os seus fillos sofren acoso e que saiban como actuar e que se recollan "de maneira axeitada datos para coñecer a realidade" deste problema no Estado.