"Se só estás pendente da nota e da reválida, pasan estas cousas"

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Unha pelexa entre adolescentes que tivo lugar en Lugo, gravada en vídeo, que comezou a circular polas redes sociais -un feito que La Voz de Galicia cualificou repetidamente como "espeluznante"- levou a algúns medios a iniciar un debate sobre a violencia nos centros de ensino. Semanas atrás a polémica tiña o seu centro nunha agresión que se producira nun centro de ensino de Baleares, con consecuencias moito máis graves. Un e outro suceso encheron os medios de opinións sobre as causas desta violencia, a súa maior visibilidade grazas á redes sociais e e a extensión dos smartphones, e sobre o xeito máis eficaz de atallala, un tratamento que en ocasións tendeu á esaxeración e á simplificación das situacións que se viven nos centros de ensino e entre os e as adolescentes. 

Falamos con Pepe Ramos, orientador do IES Alfonso X “O Sabio” de Cambre e membro de Nova Escola Galega. E con Duarte Crestar Pena, educador social e integrante do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG). Pedímoslles unha valoración xeral sobre estes feitos, sobre a polémica xerada ao redor deles e sobre o traballo que dende os propios centros de ensino e as familias se pode facer cos rapaces e rapazas, co obxectivo de previr estas e outras situacións de violencia.

"Pelexas houbo sempre, e é difícil saber se se producen máis ou menos que antes, e seguramente seguirá habendo. O que é certo é que teñen moito máis eco"

"A violencia en si ten unha solución complicada. Os nenos e nenas e o seu comportamento non deixan de ser un termómetro da sociedade. Os comportamentos nos centros e os discursos que neles imperan son habitualmente máis positivos que os que se dan no conxunto da sociedade, e así debe ser. Pero se hai violencia na sociedade, haberá violencia nos centros", destaca Pepe Ramos en primeiro lugar. Duarte Crestar concorda na súa visión, pide "serenidade" á hora de analizar o sucedido e fai máis fincapé na maior visibilidade que este tipo de cousas teñen na actualidade debido ao papel da tecnoloxía: "Pelexas houbo sempre, é difícil saber se se producen máis ou menos que antes, e seguramente seguirá habendo. O que é certo é que teñen moito máis eco; aínda que nelas non pasara gran cousa, hai unha gran capacidade de difusión e poden saber delas todas as persoas, algo que antes non sucedía". "En realidade, non hai nada novo, agás a posibilidade de difundir estes feitos a través das redes sociais, dos móbiles", conclúe.

 

Máis educación

"Dende o Colexio levamos tempo reivindicando a necesidade de incorporar a figura da educación social aos centros escolares e a creación de Equipos de Mediación"

Tanto un coma outro piden desbotar solucións fáciles, e apostan por un traballo continuado nos centros de ensino, cos propios rapaces e rapazas e no seo das familias. "Dende o Colexio levamos tempo reivindicando a necesidade de incorporar a figura da educación social aos centros escolares e a creación de equipos de mediación, para incidir en todo aquilo que ten que ver con mediación, resolución de conflitos, xestión emocional... Todo aquilo que pode axudar no crecemento persoal dos e das adolescentes, e na solución dalgúns problemas que en ocasións se resolven a golpes", explica Duarte Crestar.

"Non vexo máis solucións que a prevención, a educación en valores, a educación no coñecemento e na empatía cos demais, cousas que hoxe non están no currículo"

Pola súa banda, Pepe Ramos destaca que "non vexo máis solucións que a prevención, a educación en valores, a educación no coñecemento e na empatía cos demais, cousas que hoxe non están no currículo". "Hai anos si que estaban, de xeito transversal, na LOGSE coa Educación para a Paz, cuxa presenza era obrigatoria en todas as materias. Pero non continuou, porque a preocupación do sistema é unha preocupación curricular e non por estas cuestións", critica. "A LOE introduciu a materia de Educación para a Cidadanía. Cando menos había algo, falábase diso, con máis ou menos éxito, pero falábase destes temas. Pero tamén a fixeron desaparecer", engade. "Non digo que isto teña unha relación de causa efecto directa, pero algo terá que ver, algo terá que ver un ensino moi competitivo que esquece as persoas. Parece que a institución educativa hoxe se dedica a instruír e non a educar, no amplo senso do termo, a educar como persoas", subliña.

"Hai que estar atentos, pero se só estás pendente da nota, da reválida, dun contido que aprenderon ou non aprenderon, pois pasan estas cousas"

"Estes días fálase moito da violencia, e parece que de súpeto se converte nunha preocupación fundamental. Pois se ti consideras fundamental iso, tes que dedicarlle tempo e sacarllo a outros aspectos, porque o tempo non estira. Tes que situar isto como unha prioridade", destaca, concluíndo que "hai que estar atentos, pero se só estás pendente da nota, da reválida, dun contido que aprenderon ou non aprenderon, pois pasan estas cousas".

 

O papel das novas tecnoloxías

"Poñemos nas mas dos rapaces un instrumento e eles danlle unha serie de usos que escapan a calquera control. Son ferramentas que cada día cambian e xeran novas posibilidades. É un escenario novo, no que aínda non sabemos como manexarnos"

É innegable que na polémica xerada nos últimos días ao fío da pelexa de Lugo, o feito de que se difundise a través das redes sociais xogou un papel fundamental, se cadra máis importante que a propia pelexa en si. "Nisto hai moito traballo por realizar. Poñemos nas mas dos rapaces un instrumento e eles danlle unha serie de usos que escapan a calquera control. Son ferramentas que cada día cambian e xeran novas posibilidades. É un escenario novo, no que aínda non sabemos como manexarnos", destaca Crestar. "Non creo que hai 25 anos os adolescentes tivesen unha menor pulsión exhibicionista. O que pasa é que agora hai unha serie de ferramentas que permiten difundir ao momento unha pelexa", engade.

"Os pais e nais teñen responsabilidades, sobre todo porque son eles e elas os que lles entregan sen restricións os móbiles aos seus fillos e fillas, ás veces en idades moi temperás"

"Deberíamos relaxarnos un pouco, máis reflexión e menos alarma, non sacar conclusións precipitadas e analizar e racionalizar o que está pasando. E están pasando moitas cousas: hai insultos polas redes sociais, difúndense imaxes comprometidas sen consentimento... Temos que ver se o que está a pasar é tan grave como para esixir medidas, medidas no campo educativo, pero tamén no ámbito social e familiar", recomenda e lembra que "os pais e nais teñen responsabilidades, sobre todo porque son eles e elas os que lles entregan sen restricións os móbiles aos seus fillos e fillas, ás veces en idades moi temperás". "E, en todo caso, como ao final van ter acceso a esas ferramentas -sexa un pouco antes, sexa un pouco despois- necesitamos maior esforzo educativo para incidir no bo uso desas tecnoloxías", resume.

 

O papel dos medios de comunicación

Tanto un coma outro amosan a súa preocupación polo tratamento que algúns medios de comunicación lle están dando á pelexa de Lugo. "O tratamento social e mediático que se fai destes feitos leva a crear imaxes sobre a adolescencia que creo que son absolutamente distorsionadas", destaca Duarte Crestar. "Créase unha alarma, sobre todo por puro descoñecemento e por non saber enfrontarse a novos fenómenos, xeneralizando en todos os e as adolescentes o comportamento puntual dalgún deles. E xérase unha imaxe da adolescencia en termos de ameaza, como un conxunto de persoas que fan cousas negativas", di.

"O tratamento social e mediático que se fai destes feitos leva a crear imaxes sobre a adolescencia que creo que son absolutamente distorsionadas"

"Cal é o problema que queremos resolver? A pelexa ou a difusión?", pregúntase. "Non axuda meter todo no mesmo saco e agrandalo. O que golpea máis as conciencias é a difusión, máis que a violencia das agresións", di e reitera que "deberíamos preocuparnos máis por que utilización fan os adolescentes destas ferramentas, igual que nos preocupamos de que non os atropele un coche, pero non culpabilizándoos, senón simplemente sinalando cuestións, e analizando como tratalas". "Non se trata de negar problemas que están aí, pero as esaxeracións e simplificacións contribúen a crear alarma sobre moitas cousas que suceden e sobre as que non sabemos moito. Levamos aínda pouco tempo de convivencia con estes temas, e é moito o que descoñecemos", resume.

 

Non meter no mesmo saco pelexas e acoso

E concordan na importancia de non mesturar as análises e posibles tratamentos de feitos coma o sucedido en Lugo (unha pelexa puntual) con situacións coma o acoso (bullying) nos centros de ensino. "Adoita meterse no mesmo saco as pelexas e o bullying. En ocasións si poden ter cousas en común, se na pelexa participa un acosador, pero moitas veces non o sabemos, e téndese a confundilo todo, cando o único factor en común é que nestas situacións están afectados adolescentes", explica Crestar. "O efecto é provocar alarma. E alarmar nunca serve para aclarar o que pasa e para atopar as formas de solucionalo", di.

"Adoita meterse no mesmo saco as pelexas e o bullying. En ocasións si poden ter cousas en común, se na pelexa participa un acosador, pero moitas veces non o sabemos, e téndese a confundilo todo"

Pepe Ramos explica a este respecto que "en canto ao acoso, temos un protocolo, que aplicamos sempre, e practicamente nunca pasamos desa fase inicial". "O importante é actuar, que os rapaces teñan información, que saiban como se sinte o outro. Se se fala con eles, se se razoa, é raro que o acoso se manteña e vaia a máis", di. "Pero hai que detectalo, e ás veces é difícil; os mestres e os pais e nais non acceden aos grupos de whatsapp, por exemplo, e o acoso tamén se dá aí", destaca. "En definitiva, hai que estar atentos, non podes deixar pasar estas cousas pensando que son 'cousas de críos', hai que actuar, e actuar con protocolos, e que os rapaces tamén coñezan eses protocolos, onde están os límites e cales son as consecuencias", resume.

 

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.