Unha investigación de oficio da Valedora revela diversas deficiencias no sistema de denuncias de acoso escolar da Xunta, que deita a responsabilidade nos centros
Caixas de correo dos Puntos Laranxa para supostas denuncias confidenciais situadas en lugares pouco discretos, unha vítima que nin foi entrevistada ou informes médicos que se obvian son algunhas das eivas detectadas pola Valedora do Pobo nas medidas de loita contra o acoso escolar habilitadas pola Consellería de Educación. Así o reflicte a defensora do pobo no seu último informe anual, feito público hai uns días, no que volve poñer o foco nun problema sobre o que a Xunta vén deitando a responsabilidade nos centros de ensino, como volve facer agora.
Puntos Laranxa non confidenciais
A Valedora abriu unha investigación de oficio tras ter coñecemento por parte de alumnado de ESO e Bacharelato "de diversos centros" da "falta dunha adecuada información e difusión" dos Puntos Laranxa, caixas de correo nas que se poden formular denuncias anónimas sobre acoso escolar. Tamén sinalou a falta de información sobre a posibilidade de formular a través de medios dixitais esas mesmas denuncias anónimas e confidenciais "nalgúns centros".
"Temos coñecemento de que nalgúns centros se colocaron na porta de acceso ao recinto, nos corredores dos despachos de dirección, das xefaturas de estudos ou das salas de profesorado, ou en lugares de paso", di a Valedora, que pediu explicacións á Xunta sobre como se garante a confidencialidade ou o anonimato das denuncias que se depositen en lugares tan visibles. Tamén apuntou a posibilidade de que algunha denuncia se dirixa a algún membro do profesorado "e a mesma persoa denunciada pode, eventualmente, ser quen recolla a denuncia da caixa".
A resposta da Xunta foi que é cousa da "autonomía" de cada centro o lugar onde se coloca o Punto Laranxa e que ela está a reforzar a información sobre o funcionamento desas caixas de correo e a posibilidade de formular tamén denuncias en liña. Tamén indicou que os puntos laranxa están dirixidos ao acoso entre o alumnado e "non se trata, polo tanto, dun recurso para alertar sobre as actuacións do profesorado, polo que as denuncias deste tipo deben seguir as canles que correspondan en cada caso", que non detalla.
Vítima non entrevistada
O informe anual da Valedora sinala un caso denunciado no que foi entrevistado "todo o alumnado" da aula afectada "agás o alumno denunciante" e no que "ningunha relevancia se lle deu ao escrito presentado no Punto Laranxa virtual"
O informe anual da Valedora tamén salienta o caso dunha denuncia nun Punto Laranxa virtual tras a que foi entrevistado "todo o alumnado" da aula afectada "agás o alumno denunciante". "A persoa que promoveu este expediente manifestou que o pai do outro neno traballaba como profesor no centro" e os membros do equipo de actuación contra o acoso escolar "son compañeiros del". A explicación que deu o equipo de actuación para non entrevistar a vítima foi que xa "estaba matriculado noutro centro educativo sen incluír ningunha valoración das circunstancias que motivaron este cambio".
Segundo o informe que a Xunta remitiu á Valedora, a orixe do conflito entre os dous alumnos era o "enfrontamento persoal entre dous adultos, un proxenitor e un docente", ante o que a Valedora di que "non parece aceptable o feito de que dúas persoas adultas, un deles con responsabilidades educativas no propio centro e cun particular deber de neutralidade nas cuestións que implicasen á súa propia familia, permitisen que calquera tipo de desacordo entre eles" tivese repercusión na relación entre dous menores.
"Ningunha relevancia se lle deu ao escrito presentado no Punto Laranxa virtual como para procurar a entrevista coa suposta vítima", lamenta a Valedora, que recolle que a Xunta deu por válida a análise preliminar do caso que fixera o centro descartando acoso escolar antes da mensaxe recibida no Punto Laranxa, "o que privou de toda utilidade o uso deste recurso para denunciar o acoso".
Informes médicos obviados
A Valedora sinala que "moitas veces" ignóranse "informes de profesionais médicos ou de psicólogos que evidencian o dano físico ou psíquico sufrido polo alumno"
A Valedora tamén alerta de que "moitas veces" os procedementos por acoso escolar "non toman en consideración" informes e valoracións de profesionais externos do ámbito sanitario. "En múltiples informes da Administración educativa pódese apreciar que, malia se ter achegado mesmo informes de profesionais médicos ou de psicólogos que evidencian o dano físico ou psíquico sufrido polo alumno, esta información foi pasada por alto", sinala o informe anula da Valedora, que insiste en que "non se debe deixar de tomar en consideración calquera información que poida contribuír a esclarecer a situación, dado que unha adecuada conclusión do procedemento de acoso pasa por despexar calquera dúbida ou valoración non coincidente".
Casos anteriores
A Valedora do Pobo vén dedicando especial atención ao acoso escolar nos últimos anos. O pasado xuño este diario avanzou un caso no que a Xunta deixou sen efecto a expulsión dun instituto de tres acosadores obrigando así á vítima a seguir compartindo centro. A Valedora non conseguiu que o Goberno galego atendese as súas recomendacións.
Tras relatar ese expediente, este diario pediu en aplicación da Lei de Transparencia que Educación detallase cantos casos por incumprimento de normas de convivencia conclúen cada ano co resultado de considerarse probados os feitos e imposta unha sanción. A consellería respondeu que descoñece o resultado final dos casos que se denuncian de condutas contrarias á convivencia e só foi quen de dicir que cada ano se inician uns 1.500 procedementos de todo tipo, deitando nos centros a responsabilidade.