Este luns 2 de maio celébrase o Día Internacional contra o acoso escolar, unha problemática estendida en todos os centros de ensino que entidades coma Amnistía Internacional ou o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) alertan que está invisibilizada, con múltiples situacións que nin se detectan nin se denuncian pero que impactan de forma importante a moitos e moitas adolescentes. O Ceesg denuncia, así mesmo, que a administración educativa non dedica os recursos suficientes á prevención do bullying e reclama "estratexias institucionais eficaces que transformen aos centros educativos en espazos libres de acoso escolar", permitindo que a escola "sexa un espazo seguro e inclusivo".
O Colexio destaca que "o camiño cara un sistema educativo inclusivo so é posible si se atenden ás necesidades socioeducativas que están na etioloxía dos procesos de exclusión escolar". E bota man de estudos recentes para denunciar que a escola "presenta déficits na atención ao factor social", situando nunha situación de vulnerabilidade pedagóxica ao 28% do estudantado.
O Ceesg reclama da Consellería de Educación a adopción dun conxunto de medidas que se poden resumir en dúas grandes accións: que a planificación educativa da administración pública teña en conta a dimensión socioeducativa, pois a atención a este factor é imprescindible para a equidade educativa e para a loita contra o bullying; e, en segundo lugar, que se incorporen educadoras e educadores sociais aos centros escolares, xa que educación social é a disciplina de referencia nos procesos de intervención socioeducativa. Falamos con Jesús Deibe Fernández Simo (Vogal do Ceesg).
"En todos os colexios de Galicia sófrense situacións de acoso escolar, que non só afectan ao alumnado que sofre directamente o acoso, senón tamén ao resto do alumnado, ao profesorado que se ve superado por este tipo de situacións e ás familias"
En que medida o acoso escolar é un problema na actualidade? Que parte do alumnado a sofre? Que impacto ten nos e nas adolescentes?
O acoso segue sendo un problema que ningunha estatística dá contemplado. Todos os estudos conclúen que os datos que temos son simplemente a punta do iceberg, pois a maior parte dos casos nin son detectados nin son denunciados. É un problema que afecta de forma distinta a cada persoa, pero dende logo o acoso ten impactos que sobrepasan ao propio período da adolescencia e que teñen consecuencias que se poden estender ao longo de toda a vida.
En todos os colexios de Galicia sófrense situacións de acoso escolar. Estas situacións non só afectan ao alumnado que sofre directamente o acoso, senón tamén ao resto do alumnado que contempla como público esas dinámicas, ao profesorado que se ve superado por este tipo de situacións de carácter social que non saben como afrontar. E, por suposto, estas situacións tamén superan as familias, que se ven totalmente desbordadas ante estas situacións.
"A solución non pode acabar dependendo de voluntarismos de determinados profesionais ou colectivos. Isto ten que ser unha acción sistémica que a administración ten que garantir"
Dende o Colexio denunciades que non se actúa suficientemente para previr estas situacións. Que é o que está fallando na resposta da administración educativa?
Si, actualmente en Galicia hai un claro déficit na intervención diante de situacións de acoso escolar. Cando digo déficit non estou poñendo en cuestión a acción ou a actividade que están levando adiante e os esforzos que están facendo tanto o equipo de orientación coma os equipos docentes. Senón que me refiro a déficits no sentido de que non hai equipos profesionais que estean especializados nun factor que é fundamental á hora de intervir nas situacións de acoso escolar, que é a cuestión socio-educativa.
Iso implica, por un lado, a dimensión social, propia da vida en dificultade e situacións de vulnerabilidade que afectan practicamente ao 30% do alumnado. E tamén afecta ao alumnado que presenta condutas de carácter non normativo: alumnado que está no sistema de protección á infancia, alumnado dunha orientación sexual diferente da maioritaria, alumnado que ten gustos diferentes á maioría, alumnado que pertence a grupos étnicos minoritarios... Todo este alumnado adoita sufrir situacións de acoso escolar máis intensas que o resto do alumnado. Non hai recursos socioeducativos nos colexios que poidan dar unha atención especializada a este alumnado.
"Só se aposta por un tipo de práctica reactiva, actúase cando se detecta que algún alumno pode estar sufrindo unha situación de acoso. Pero non se aposta por adiantarnos ao problema ou por intervir de forma eficaz dende unha perspectiva socioeducativa"
É unha cuestión, sobre todo, de falta de recursos e profesionais?
A Xunta está sendo reticente á hora de incorporar especialistas no campo socioeducativo, que son as educadoras e educadores sociais, que son os que podemos dar resposta a este tipo de necesidades. Dificilmente se pode traballar no acoso escolar se non está presente unha figura que, de forma preventiva, está atenta a calquera indicador que se poida dar nos espazos lúdicos dos colexios (recreos, entradas, saídas...) e que poida dar resposta ás posibles inquedanzas que poden aparecer nas familias en relación con posibles cambios de conduta nos adolescentes. Só se aposta por un tipo de práctica reactiva, actúase cando se detecta que algún alumno pode estar sufrindo unha situación de acoso. Pero non se aposta por adiantarnos ao problema ou por intervir de forma eficaz dende unha perspectiva socioeducativa.
Isto non se trata dunha reivindicación corporativa. Trátase dunha realidade que vén constatando a literatura científica nos últimos anos, unha realidade que o CEESG e outras entidades puxeron enriba da mesa e puxeron en coñecemento da Consellería, pero a Consellería mirou para outro lado.
"A administración non está garantindo que todo o alumnado galego reciba atención especializada de carácter socioeducativo en todos os cursos"
Hai exemplos positivos? Centros que si están a traballar de forma axeitada este tipo de cuestións?
A día de hoxe estase traballando só puntualmente coas familias este tipo de aspectos, só nalgúns centros e con accións puntuais, pero non está habendo unha actuación sistémica, mantida no tempo e que sobrepase o voluntarismo dos propios corpos docentes. A administración non está garantindo que todo o alumnado galego reciba atención especializada de carácter socioeducativo en todos os cursos. Este tipo de propostas recaen habitualmente na implicación que poidan ter os equipos docentes á hora de facilitar determinados apoios.
A solución ás situacións de acoso escolar non poden acabar dependendo de voluntarismos de determinados profesionais ou colectivos. Ten que haber unha acción sistémica e decidida que a administración ten que garantir. Non se trata de recibir un curso dunhas horas, trátase de ter recursos de apoio, trátase de ter profesionais, trátase de ter definidas previamente estratexias que indican como se debe actuar ante estes problemas.
"As realidades sociais cambiaron. O sistema educativo ten que ter perspectiva socioeducativa. Á administración non lle queda outra que entender que é necesario un cambio de modelo, que leva implícito a incorporación de novas figuras profesionais. Sen elas, só podemos poñer parches"
Falta, polo tanto, unha política decidida por parte da Consellería? Falta entender o acoso en todas as súas dimensións e ir á base do problema?
Se queremos conseguir un sistema educativo inclusivo, é totalmente imposible acadalo tratando de reproducir un sistema educativo no que nos dediquemos unicamente a labor instrutiva, posto que as realidades sociais cambiaron. O sistema educativo ten que ter perspectiva socioeducativa. Á administración non lle queda outra que entender que é necesario un cambio de modelo, un cambio de modelo que leva implícito a incorporación de novas figuras profesionais. Sen elas, só podemos poñer parches, pero non podemos levar adiante unha intervención sistémica
No sistema educativo galego non podemos seguir mirando cara a outro lado ante as dimensións de carácter social. A administración mira para outro lado, tratando de manter modelos educativos decimonónicos, non do século XXI.