A Revista Galega de Educación pide unha "análise sosegada" da introdución de E-Dixgal nas aulas

Alumnos nun centro de ensino cos seus ordenadores do programa E-Dixgal CC-BY-SA Xunta

A publicación de Nova Escola Galega dedica un número monográfico a reflexionar sobre como afrontar a dixitalización con criterios pedagóxicos

Nos últimos anos vén gañando peso no debate educativo a reflexión sobre o peso que os contidos dixitais deben ter nas aulas. En Galicia este debate xira en boa medida ao redor do programa de educación dixital E-Dixgal, posto en marcha pola Xunta hai unha década e que na actualidade está a ser cuestionado dende a comunidade educativa, alertando familias e docentes sobre algunhas eivas na súa aplicación e cun número importante de centros que nos dous últimos cursos se deron de baixa, para regresar ao uso dos libros impresos. A propia Consellaría de Educación recuou no desenvolvemento do programa experimental, recuperando os libros de texto na maioría dos centros adscritos a E-Dixgal.

De que xeito se deben introducir as novas tecnoloxías e os contidos dixitais nas aulas? Que falla en E-Dixgal e de que maneira se pode mellorar o programa? O último número da Revista Galega de Educación que edita Nova Escola Galega é un monográfico titulado A dixitalización e E-Dixgal nas aulas no que un gran número de expertos e expertas reflexionan sobre como afrontar a dixitalización con criterios pedagóxicos.

Capa do número 92 da Revista Galega de Educación © NEG

O artigo Medidas necesarias para mellorar a dixitalización nas aulas galegas, coordinado polo profesor da USC Jesús Rodríguez Rodríguez e elaborado por unha vintena de expertos e expertas, procura servir de axuda e orientación a colectivos e institucións

Entre os textos contidos na revista figura o artigo Medidas necesarias para mellorar a dixitalización nas aulas galegas, coordinado polo profesor da USC Jesús Rodríguez Rodríguez, que procura servir de axuda e orientación a colectivos e institucións. O texto, elaborado por unha vintena de persoas -nomeadamente do grupo Cavila de Materiais de Nova Escola Galega e do grupo configurado polo equipo do proxecto de investigación Secundari@ Dixit@l- que durante varios meses estiveron traballando nesta proposta.

O documento propón a creación dunha Comisión de Dixitalización nos centros educativos que deseñe e desenvolva unha planificación compartida na que o conxunto da comunidade educativa expoña as súas inquedanzas, expectativas e necesidades. Outro dos eixos sobre os que pivotan estas recomendacións para aproveitar as posibilidades que ofrece a dixitalización é a “adecuada” formación do profesorado, pero tamén das familias e do propio alumnado. Destácase igualmente que ‘dixital’ e ‘impreso’ poden convivir nas aulas, pero que é preciso mellorar as características dos recursos educativos 

Destácase igualmente que ‘dixital’ e ‘impreso’ poden convivir nas aulas, pero que é preciso mellorar as características dos recursos educativos

Ante a controversia sobre as vantaxes e desvantaxes de E-Dixgal, as persoas autoras consideran necesaria unha “análise sosegada” do que ten sido a implementación e desenvolvemento do programa, “contando coas voces dos diferentes colectivos implicados e achegas realizadas dende a investigación”. Igualmente, aseguran, “tendo en conta que un dos aspectos centrais de E-Dixgal xirou ao redor do libro de texto, convén realizar en Galicia un debate colectivo sobre o sentido e significado do Libro de Texto na Escola e as implicacións que comportan na práctica educativa”.

Outro dos artigos, de Eva M. Barreira-Cerqueiras, Laura Rego-Agraso e Alba Souto-Seijo, alerta de que a Competencia Dixital Docente en Galicia "avanza ás topadas". "Os plans de estudo universitarios relegan a formación en TIC a un papel secundario (ou incluso inexistente), e a formación permanente prioriza o manexo de ferramentas tecnolóxicas fronte ao pensamento crítico no seu uso", sinalan.

Un ordenador do programa E-Dixgal, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Outro dos textos pide "tecer estratexias comúns para que a tecnoloxía non devore os tempos de barro, follas ou risas ao ar libre e garantir un uso responsable da mesma na educación infantil e primaria"

Pola súa banda, José Pablo Franco López e Fernando Sueiro Barreiro analizan o papel da alfabetización dixital na primeira infancia. Salientan que os materiais non estruturados, os recunchos de xogo libre, os obradoiros onde se constrúen relacións… son o alicerce dun desenvolvemento saudable e que o dixital debe ter baixa presenza nos primeiros anos de desenvolvemento.

Así mesmo, Silvia López Gómez ofrece orientacións prácticas para docentes e familias "baixo a premisa de que a educación dixital se constrúe entre a escola e o fogar", concluíndo que é necesario "tecer estratexias comúns para que a tecnoloxía non devore os tempos de barro, follas ou risas ao ar libre e garantir un uso responsable da mesma na educación infantil e primaria". 

"Non se trata de prohibir, senón de acompañar: as novas xeracións requiren construír habilidades dixitais acompañadas dunha guía pedagóxica que respecte o seu proceso de crecemento e transforme a tecnoloxía nun aliado", conclúese

A revista reflexiona sobre unha realidade "paradoxal", pois "se ben a sobreexposición ás pantallas e o seu uso desmesurado poden xerar riscos no desenvolvemento infantil, tampouco podemos ignorar que habitamos nunha era onde o dominio das ferramentas dixitais se converteu nunha competencia esencial". "Non se trata, pois, de prohibir, senón de acompañar: as novas xeracións requiren construír habilidades dixitais acompañadas dunha guía pedagóxica que respecte o seu proceso de crecemento e transforme a tecnoloxía nun aliado, non nun espello que distorsiona a súa mirada", conclúe o equipo responsable da publicación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.