Catorce centros déronse de baixa no programa de educación dixital E-Dixgal de cara ao vindeiro curso, segundo anunciou este venres a Consellería de Educación tras publicar a resolución da convocatoria deste ano. Así, son un total de 599 os colexios de Primaria e Secundaria este modelo.
O programa E-Dixgal conta con 14 centros menos que o curso pasado e con 31 menos que hai dous
Se o curso aínda vixente foi o primeiro no que houbo menos centros no programa E-Dixgal que no anterior, no vindeiro volverase dar este fenómeno. Será o segundo descenso consecutivo, logo dun incremento constante desde a súa creación hai unha década: 14 centros menos que hai un ano e 31 menos que hai dous.
Así, a Consellería de Educación aclara nun comunicado que todos os centros que permanecerán no programa "xa participaban na iniciativa actualmente, polo que non se producen novas incorporacións", aínda que si hai dous centros, un en Ribeira e outro en Ourense, que pediron incrementar o número de cursos no proxecto.
Este novo descenso de centros no E-Dixgal, que a Consellería define agora como "modelo de ensino híbrido", chega logo de que nos últimos anos o programa veña recibindo un gran número de críticas por parte das familias, do profesorado e de voces expertas de todo tipo, que alertan contra o prexuízo dunha excesiva énfase nos contidos dixitais e nos dispositivos electrónicos que deixe de lado os libros e a escrita e lectura tradicionais.
As críticas forzaron a Xunta a recuar con E-Dixgal, prometendo mellores contidos e máis libros de texto
A oposición máis importante chegou por parte das nais e pais e unha ampla enquisa realizada pola Confederación de Anpas Galegas amosou que 7 de cada 10 familias se amosaban "en total desacordo" ou "en desacordo" coa continuidade do programa. Tamén os expertos do Ministerio de Xuventude recomendaron nun informe "priorizar" o ensino analóxico en Primaria, onde se usa E-Dixgal.
O mal funcionamento do programa e o rexeitamento que provocaba en moitos ámbitos provocou xa neste curso un récord de baixas que se esperaba que continuase nos vindeiros cursos. E así foi.
Ante todas as críticas, a Consellaría de Educación anunciou a principios deste mes de maio importantes cambios no programa a partir do vindeiro curso, cambios que buscan frear este abandono de centros e reducir as críticas de familias e docentes. A Xunta di apostar agora por un ensino "híbrido" e promete unha maior presenza dos libros de texto tradicionais coa posibilidade de que as familias accedan a axudas de libros de texto. Así mesmo, anunciouse unha mellora nos contidos, outro dos aspectos máis criticados.
Dende este vindeiro mes de setembro, os colexios integrados no programa E-Dixgal poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria nas materias que elixan libremente, combinando así ordenadores e manuais en papel. Será unha decisión voluntaria por parte de cada centro. Para facilitar a súa adquisición, a Consellería dotaraos dun fondo que se prestarán de xeito gratuíto seguindo os mesmos criterios de renda que xa operan actualmente para outras axudas da Consellería.
En Secundaria, onde xa se combinaban libros de texto e recursos dixitais, tamén haberá estas liñas de apoio, atendendo así unha reivindicación das familias. A Xunta di querer ser “sensible ao sentir da comunidade educativa” e, igualmente, "adaptar o proxecto ás novas realidades e á evolución social e pedagóxica".
Ademais, a Xunta anunciou tamén melloras na formación do profesorado e a oferta de cursos para as familias, así como o incremento da seguridade para evitar que o alumnado faga uso dos ordenadores cedidos pola Xunta para acceder a contidos prexudiciais.
Por outra banda, e segundo indicou a Consellería, os 14 centros que saen do programa E-Dixgal o vindeiro curso son, na provincia da Coruña, o Colexio CPI de San Vicente (A Baña), o Instituto IES Ricardo Carvalho Calero (Ferrol) e o Colexio CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela). Na provincia de Lugo, saen o IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada), o CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz (Meira) e o IES do Camiño (Palas de Rei); mentres que na de Ourense son os colexios CPR Plurilingüe Concepción Arenal e CPI Plurilingüe José García García, ambos da capital de provincia, e o IES Cosme López Rodríguez (A Rúa). Na provincia de Pontevedra saen de E-Dixgal o IES Monte da Vila (O Grove), o CPR Plurilingüe La Inmaculada (Marín), o IES de Mos (Mos), o CEIP Mallón (Nigrán) e o IES Val do Tea (Ponteareas).