Só 6 novos centros se incorporan ao libro dixital fronte a 23 que se dan de baixa en pleno debate sobre a súa utilidade
Por primeira vez desde a súa creación hai unha década o programa de educación dixital E-Dixgal terá o próximo curso, 2024-25, menos centros que o ano anterior. Serán 613 centros de primaria e secundaria fronte os 630 que hai neste curso que agora remata, unha variación froito da incorporación de 6 novos centros pero ao mesmo tempo da baixa de 23 centros.
Un retroceso que se rexistra en pleno debate entre as familias, o profesorado e a Xunta sobre a utilidade do programa, posta en cuestión pola propia consellería de Educación ao asegurar que o rendemento académico do alumnado é idéntico co programa E-Dixgal e sen el.
A resolución da Consellería de Educación publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) coa relación de centros docentes admitidos a participar no programa e as novas altas permite comparar a situación que haberá o próximo curso no programa E-Dixgal co panorama de anos anteriores, obtido por Praza.gal hai uns meses a través dunha petición de transparencia. Ata agora o programa rexistrara unha curva de constantes incorporacións de novos centros, especialmente nos seus primeiros anos. Pero o próximo curso haberá por primeira vez un retroceso.
Desde a posta en marcha do programa E-Dixgal hai unha década xa son 44 os centros que renegaron del
Por outra banda, as 23 baixas de centros que agora se rexistran supoñen a maior cifra de baixas nun ano desde a creación do programa e iguala o total de baixas acumulado ata agora nunha década. O curso no que máis baixas houbera ata agora fora o 2017-18, con 12 centros que saíron do programa. En toda a década foron 21 os centros que se deron de baixa. Porén, agora serán 23 as baixas nun só ano. En total, desde a posta en marcha do programa hai unha década xa son 38 os centros que renegaron del.
Esa cifra de baixas non logra ser compensada coas novas altas, 6, que supón a máis baixa desde o curso 2016/17. Como comparación, no curso que agora remata foron 34 os centros que se deron de alta no programa e no seu curso de maior demanda, o 2020/21, o seguinte á chegada da pandemia da COVID-19, foran 124 as novas altas.