Educación presentou un “ambicioso estudo” sobre a incidencia do programa de educación dixital galego no que se constata que o rendemento escolar é idéntico para o alumnado con E-Dixgal e sen el
A Consellería de Educación vén de presentar un “ambicioso estudo” sobre a incidencia do programa de educación dixital galego, E-Dixgal, no que se constata que os resultados do rendemento escolar son practicamente idénticos para o alumnado de centros adheridos ao programa da Xunta e para os que non o están. Con esta información a Confederación de Anpas Galegas cuestiona a utilidade dun programa que nin prexudica nin beneficia o estudantado e critica o limitado alcance do estudo.
A agrupación de pais e nais explica que levaban tempo reclamando a avaliación e o seguimento deste programa, que cumpre dez anos en marcha este curso, e cuxos resultados nunca foron avaliados.
“Claramente non estabamos pensando nunha pesquisa coma esta, de tan limitado interese. O que nos presentan simplemente é un estudo comparativo do rendemento escolar medido en termos de cualificacións nun curso escolar concreto”, lamentan, en referencia a que o traballo da Xunta abrangue só as cualificacións dun total de 70.000 estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO do curso 21-22, segundo informou Educación este pasado mércores.
A avaliación dun recurso como E-Dixgal, defenden as Anpas, require da análise de moitos máis elementos. “Sabemoss se melloraron a competencia dixital? Trátase soamente de asegurarnos que non baixaron as cualificacións do alumnado, ese é o interese?”, cuestionan.
“Non abonda coa garantía de que non prexudica, nin beneficia non o esquezamos, ao boletín de notas do estudantado galego. É necesario que avalíe coa extensión e profundidade que merece calquera cambio no ensino público
“Dinnos que as diferenzas entre centros E-Dixgal e non E-Dixgal son irrelevantes, entón, para que facemos funcionar ese “programa estrela” da Consellaría, para chegar ao mesmo lugar logo dun investimento económico de gran calado, e dun esforzo enorme do alumnado e das familias?, pregunta Confederación de Anpas Galegas.
“Non abonda coa garantía de que non prexudica, nin beneficia non o esquezamos, ao boletín de notas do estudantado galego. É necesario que avalíe coa extensión e profundidade que merece calquera cambio no ensino público, máis aínda se trae de seu as pretensións e expectativas que a propia Consellaría ten publicitado sobre E-Dixgal”, engaden.
A Consellería de Educación aproveitou a presentación do estudo para anunciar reformas no E-Dixgal: nova licitación dos contidos ou a creación dunha plataforma de recursos dixitais
A asociación de nais e pais defende a modernización do Ensino, mais dubidan de que E-Dixgal sexa realmente unha ferramenta útil para o desenvolvemento integral e completo da nosa xuventude.
Nova licitación de contidos
Malia defender os resultados do programa, a Consellería de Educación aproveitou a presentación do estudo para anunciar reformas no E-Dixgal.
Por unha banda, deu a coñecer unha nova licitación de contidos, de cara ao vindeiro curso, por 4 millóns de euros, para mellorar un dos eidos máis criticados do programa.
Paralelamente, a Consellería informou de que está a traballar na nova plataforma Creagal, de recursos dixitais de calidade en aberto; habilitarase un novo plan de formación específico de ensino dixital e reforzarase a figura do coordinador E-Dixgal. Tamén se continuará co proceso de acreditación de competencias dixitais do profesorado, unha certificación que está en marcha xa tamén para o alumnado, con probas para estudantes de 2º de Bacharelato e de 4º de ESO.
Ademais, co fin de visualizar as boas prácticas e o traballo excelente, crearase o selo Centro de Excelencia E-Dixgal, co que haberá en centros piloto para a posta en práctica de novos recursos e a experimentación, ao tempo que “servirán como modelos inspiradores na convivencia do analóxico e o dixital para o resto dos centros”, argumenta a Consellería de Educación.