Dez anos de educación dixital en Galicia: aprobado en recursos, suspenso en contidos

Alumnado con cadanseu ordenador portátil nun centro de ensino galego. CC-BY-SA Xunta

Son xa dez cursos do programa “experimental” E-Dixgal, con milleiros de portátiles repartidos e toda unha revolución no xeito de dar as clases xamais avaliada pola Administración

“A profe do meu neno estaba agoniada con que escribise moito en 3º e 4º porque en 5º de Primaria pasaban a E-Dixgal e acababan coa escrita”.  As palabras desta nai poden parecer exaxeradas pero resumen o sentir de moitos docentes galegos que traballan no día a día da educación. 

Son xa dez cursos do programa “experimental” E-Dixgal, con milleiros de portátiles repartidos e toda unha revolución no xeito de dar as clases xamais avaliada pola Administración.

Moitas horas de pantalla e uns contidos por veces exiguos e pouco atractivos impostos desde Santiago son as principais eivas desta metodoloxía sinaladas polo profesorado, que percibe certo empeoramento na comprensión lectora e expresión escrita do alumnado. 

A noticia saltou este verán: “Suecia paraliza a dixitalización das aulas e volverá aos libros de texto en papel”, recollían os xornais en xuño. O Goberno sueco estudaba a volta á educación coas ferramentas clásicas logo de apañar un significativo descenso na puntuación do Estudo Internacional para o Progreso da Comprensión Lectora (PIRLS), que avalía alumnado de 9 e 10 anos de 57 países de todo o mundo. Suecia figura no noveno posto. España no 23. E Galicia? Non se sabe porque non se inclúe entra as nove comunidades españolas que solicitaron a avaliación.

Este curso 23/24 será o décimo desde a forte aposta da Xunta pola educación dixital. O Goberno galego investiu 84 millóns de euros ata o momento para “dixitalizar o sistema educativo” e situar a comunidade no podio do equipamento. O alumnado galego conta con 1,8 ordenadores por persoa, a terceira mellor taxa de España.

“Profesores non mandarán, pero ordenadores e paneis dixitais os que queiras”, asegura unha mestra de Educación Primaria no norte de Galicia. O problema é que o seu centro, como tantos outros, súmanse aos programas das Consellería de Educación como o E-Dixgal para contar cos recursos –“Na pandemia non eramos centro E-Dixgal e pasómolo moi mal para poder dar as clases a distancia”, indica- e despois vense cativos da metodoloxía imposta

“Profesores non mandarán, pero ordenadores e paneis dixitais os que queiras”, asegura unha mestra de Educación Primaria no norte de Galicia

Actualmente son 422 centros os que teñen o programa -herdeiro do Abalar- implantado en Primaria, 151 en Secundaria e outros 57 que o teñen nas dúas etapas, segundo informa a Consellería de Educación. Isto supón que o E-Dixgal está presente en aproximadamente 630 escolas e institutos, o 60% dos centros públicos de Galicia que imparten ensinanzas obxecto do programa, malia que podía estar en todos. 

O programa está a disposición dos centros que o soliciten e proporciona materias dixitais para 5º e 6º de Primaria e dos catro cursos da ESO. O alumnado recibe cadanseu portátil en empréstito e pódeo usar tanto no centro como na súa casa sempre que o desexe.

O Estudo Internacional de Progreso en Comprensión Lectora (PIRLS) chega tamén a nove comunidades españolas. Galicia queda fóra. © Ministerio de Educación e Formación Profesional

Hai diferenzas no funcionamento segundo a etapa educativa. A convocatoria establece que no caso dos centros de Educación Primaria, deberán impartir todas as áreas en modalidade dixital. Na Secundaria, todo o alumnado deberá recibir un mínimo de seis materias en modalidade dixital a elección do centro. Para este cómputo non se terán en conta as materias cunha sesión lectiva á semana nin a de libre disposición de centro.

Os docentes entenden o programa E-Dixgal como unha ferramenta complementaria que nunca pode substituír nin retirar a competencia escrita manual do alumnado 

Na práctica isto supón a desaparición dos libros de texto neses cursos e a dependencia duns contidos editoriais por veces exiguos que evidentemente son completados con material extra por parte dos docentes. En xeral, non deixan de usar o papel. Aínda que a plataforma permite que o alumnado faga as actividades na casa e o profesorado poida corrixilas online, os docentes entenden isto como unha ferramenta complementaria que nunca pode substituír nin retirar a competencia escrita manual do alumnado. 

“Teñen recursos moi interesantes, si, pero en quinto curso paréceme que son moi pequenos para estar diante da pantalla todo o tempo. Ás veces non son capaces de atopar a información entre as páxinas do material dixital e para estudar non é practico. Houbo nenos que xa me dixeron que era mellor o libro!”, asegura a mestra de primaria.

 “Os centros súmanse aos Polos Creativos porque é unha forma de conseguir recursos como pode ser unha impresora 3D, pero realmente cal é a proposta pedagóxica que hai detrás, ademais de ter unha aula cun montón de tecnoloxías?”, cuestiona a profesora F. Morante

Desde a Universidade de Santiago, a profesora Carmen Fernández Morante, subliña que a Xunta de Galicia non pode basear a estratexia de dixitalización educativa na contraposición dos recursos didácticos dixitais aos libros de texto ou materiais analóxicos. “Que non financie libros de texto naqueles aulas nas que lles facilita o libro dixital é unha discriminación manifesta e unha falta de criterio claro sobre como incorporar as tecnoloxías dixitais”, asegura. “Non me estraña que comece a haber claustros que rexeiten o E-Dixgal porque está obrigando o alumnado a traballar cun tipo de material ou outro”, indica.

Investigadora de tecnoloxía educativa na USC, Morante é moi crítica coa política de subvención dos libros de texto, “que en lugar de ser unha política xeneralizada, convértese nunha política de presión para introducir a parte dixital e ir reducindo o financiamento das familias”, destaca. 

 

Criterios pedagóxicos

A ex decana da Facultade de Ciencias da Educación defende que os materiais, tanto dixitais como libros de texto, sexan seleccionados con criterio pedagóxico, e os docentes teñen moito que dicir aí. Non soamente a Administración educativa. “Os centros súmanse aos Polos Creativos porque é unha forma de conseguir recursos como pode ser unha impresora 3D, pero realmente cal é a proposta pedagóxica que hai detrás dos Polos Creativos, ademais de ter unha aula cun montón de tecnoloxías?”, cuestiona Morante. Para ela non existe unha estratexia estrutural que garanta que todos os centros teñan unha infraestrutura tecnolóxica acaída e pensada con obxectivos pedagóxicos.

O conselleiro de Educación presentou as Aulas Móbiles de Informática en setembro nun colexio de Vigo. © Xunta

“A miña crítica é que as accións son máis estéticas ca transformadoras. Definir e proxectar sen escoitar a comunidade educativa. Debería existir unha avaliación e facer públicos os datos de forma intelixible”, destaca a profesora

“A miña crítica é que as accións son máis estéticas ca transformadoras. Definir e proxectar sen escoitar a comunidade educativa. Debería existir unha avaliación e facer públicos os datos de forma intelixible”, destaca a profesora.

“A dotación tecnolóxica, na que non escatimaron recursos, é unha aposta e é algo superútil, máis nunhas materias ca noutras. Nalgunhas, esta posibilidade failles acadar un nivel impensable hai anos”, indica Damián Guede, director do IES Val Miñor. “Ao mesmo tempo xa como cidadán e por suposto como profesor gustaríame que esa mesma aposta por recursos se dera primeiro nos recursos humanos e despois noutro tipo como nas instalacións dos centros. Todo ten que ir no mesmo nivel”, explica.

O IES Val Miñor foi dos primeiros en sumarse ao proxecto E-Dixgal, forma parte tamén do proxecto dos Polos Creativos e agora está recibindo tamén os paneis interactivos que envía a Consellería. Ten experiencia no manexo destes recursos mais, ou precisamente por iso, a votación para a continuidade do proxecto E-Dixgal foi moi axustada no claustro, aínda que saíu adiante. Houbo departamentos que votaron en contra despois de anos de experiencia e de observar as dificultades “para ler textos en profundidade máis alá dos titulares e o empeoramento da expresión escrita”, segundo explican desde o claustro. 

"Cómpre unha análise obxectiva. En que medida o uso abusivo deses aparatos pode incidir no sedentarismo ou que tipo de prexuízos podemos ter pola lectura nunha pantalla ou nun papel", indica o director do IES Val Miñor

“Hai material que está ben e ctualizado pero hai outro que é malo. Hai moi poucos no campo das linguas polo menos que sexan realmente bos e actualizados, porque parecen moitos de hai 20 anos. Aínda que é algo que tamén pode pasar en papel”, explica Damián Guede.

O tamén profesor de lingua española, defende a necesidade dunha avaliación dos resultados desta metodoloxía. “O que cómpre nunha sociedade coma a nosa é unha análise obxectiva. En que medida o uso abusivo deses aparatos pode incidir no sedentarismo ou que tipo de prexuízos podemos ter pola lectura nunha pantalla ou nun papel. Todo isto estaría ben analizalo. As competencias están transferidas e cada comunidade debería analizalo seriamente”, asegura.

“O feito de non poder ter libro físico con E-Dixgal paréceme totalmente incorrecto porque quen debe de decidir que tipo de soporte e materiais utiliza nas aulas é o docente. O que non se pode exixir aos pais é que dispoñan de múltiples libros de texto cando en Galicia non se financian,pero o docente ten que poder elixir. Iso é seguir coa tradición dos libros de texto pero levada ao dixital”, asegura a profesora Carmen Fernández Morante.

Máis de 64.000 alumnos de 630 centros educativos galegos dispoñen do ordenador do programa E-Dixgal. © Xunta

Morante subliña que ninguén pode afirmar que con E-Dixgal se aprende máis e mellor, pero o que si que está claro que “hai materias, procedementos e aprendizaxes que requiren o compoñente dixital ou as redes para acceder a materiais que non están fisicamente próximos. En xeografía ou arte por exemplo. Canto máis avanza o nivel educativo pois o compoñente multimedia e de acceso á información e a internet é máis importante”, engade.

A experta en tecnoloxía da educación explica que coa dixitalización xorden novas canles de comunicación que non poden en ningún caso anular outras como a lectura en papel ou mesmo o exercicio físico. “É evidente que un uso extensivo e excesivo das pantallas non é bo fisicamente nin tampouco cognitivamente, xa que a motivación decae aos 50 minutos”, di. 

O consumo e emprego exclusivo do canal dixital é un erro na educación, segundo defende a investigadora da USC, e recomenda seguir pautas para prever o uso inadecuado das novas tecnoloxías como a guía de recomendacións  que vén de publicar a Asociación Española de Pediatría.

Debate na comunidade educativa

Trátase dun tema que xera un debate constante na comunidade –hai grupos de Facebook de mestres de Galicia con acendidas conversas entre defensores e detractores da metodoloxía, non dos recursos- e en todo este diálogo non se poden obviar os factores sociais. O E-Dixgal non leva gasto para as familias e os libros de texto hai que mercalos. “As editoriais teñen que responder  tamén do prezo dos libros físicos, que é desorbitado”, subliña o director do IES Val Miñor.

Hai grupos de Facebook de mestres de Galicia con acendidas conversas entre defensores e detractores da metodoloxía

Precisamente, desde o sector editorial aseguran ser “grandes damnificados” desta política. “A Xunta ten que dotar os centros educativos con recursos tecnolóxicos, pero “ten que dar a posibilidade de ter contidos de calidade e apropiados. Porque os libros non son todos iguais. E un mestre debería poder  elixir. Todas as editoriais teñen contidos dixitais, pero a calidade hai que pagala”, aseguran fontes editoriais.

Exemplo dun contido da plataforma do E-Dixgal. © AulaPlaneta

Non se poden obviar os factores sociais. O E-Dixgal non leva gasto para as familias e os libros de texto hai que mercalos

Nin Santillana, nin SM, nin Anaya, nin Vicens Vives ou Cambridge forman parte do grupo de empresas que nutren a plataforma de E-Dixgal. Actualmente teñen a exclusividade dos contidos curriculares Netex, Edebé, Planeta e Pearson. 

Ante esta situación, as editoriais convencionais buscan outros nichos de mercado como pode ser o material funxible “para poder facturar algo porque a cota de mercado está moi reducida”, segundo explican. E tentan que o profesorado elixa os seus cadernos para exercicios en lingua, ciencias ou idiomas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.