A Xunta e tres dos catro sindicatos con representación na mesa sectorial de educación asinaron na mañá deste mércores o acordo proposto pola Consellería sobre a redución do número máximo de alumnos por aula e dos horarios lectivos dos docentes, ademais de melloras salariais e simplificación das súas tarefas burocráticas.
Rueda acompañou o conselleiro e os sindicatos na sinatura dun acordo que a CIG considera "da infamia" e "supeditado ao calendario electoral do PP"
Foi unha sinatura con fasto e pompa, coa Cidade da Cultura como escenario, con atril e cartelaría que avisaba do Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia. Coa presenza dos representantes dos tres sindicatos asinantes e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pero tamén co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, protagonista da foto antes de marchar presidir a reunión do Consello do Goberno galego.
Quedou fóra do pacto a central maioritaria en educación, CIG-Ensino, con oito representantes na mesa sectorial, que anunciou folga contra o acordo o vindeiro 24 de outubro, e que un día antes advertía de que "a Consellaría e o presidente Rueda van vender estas dúas medidas electoralmente diante da sociedade" malia que, na súa opinión, o acordo era "insuficiente", cun calendario "absolutamente inaceptábel" e unha "chantaxe" por parte do Executivo.
Neste mércores, CIG-Ensino anunciou o inicio dunha campaña para divulgar "as razóns" para a folga ante o que considera o "acordo da infamia" por "deixar fóra cuestións fundamentais demandadas polo profesorado" que, cre, "foi empregado como refén". "Todo faise nun tempo récord e supeditado ao calendario electoral que lle interesa ao PP, poñendo a sinatura do acordo no último día de debate no Parlamento galego do estado da nación: servilismo até o último minuto", critica o sindicato nacionalista.
Ao pouco, o sindicato STEG, con representación en todas as mesas de persoal docente, decidiu unirse á convocatoria de folga da CIG ante un acordo que considera "pobre". Tamén a CUT decidiu apoiar o paro para "reverter" o que foi "roubado" aos traballadores "hai máis de dez anos".
CCOO, ANPE e UGT defenden o acordo e din "lamentar a actitude da CIG" pola súa "estratexia só mobilizadora" e "estéril se non se acompaña de vontade e negociación"
Si asinaron CCOO, con catro postos na mesa sectorial; ANPE, con dous; e UGT, cun representante. E os tres sindicatos emitiron un comunicado este mércores no que din "lamentar a actitude da CIG na negociación" e á que acusan de "negarse a facer unha soa achega ata a terceira sesión, en temas tan importantes como a redución de ratios, redución do horario lectivo, recoñecemento da responsabilidade asumida polos equipos directivos ou racionalización da burocracia".
"A estratexia rupturista e só mobilizadora que propugnan outras organizacións sindicais non consegue resultados e resulta estéril se non se acompaña de vontade e capacidade de negociación", din as tres organizacións, que aseguran que "desde o primeiro momento" puxeron todos os seus "esforzos en presentar propostas que mellorasen a inicial da Administración nos temas centrais da negociación".
Desde a Consellería, o seu titular, Román Rodríguez, celebrou un "acordo histórico" que supón "un punto e seguido" para "mellorar" as condicións dos docentes e do ensino galego. Ademais, felicitou os tres sindicatos asinantes pola súa "responsabilidade" e "altura de miras".
O conselleiro, protagonista nos parlamentos malia a presenza do presidente Rueda, asegura que "se pensou en Galicia, no interese xeral, na educación e no futuro". Polos sindicatos, José Manuel Fuentes, de CCOO, destacou a "importancia" da baixada de ratios por aula, mentres que Julio Díaz, de ANPE, puntualizou que o acordo é "un comezo" para seguir na "boa liña" de melloras, xa que "aínda queda sen desenvolver" unha maior redución de horario lectivo. Por UGT, Sandra Montero insistiu en que o pacto "é un camiño para unha mellora e recuperación" dos dereitos laborais do profesorado.
Xa que logo, como queda o acordo para o ensino?
Redución de ratios
O acordo implica que a partir do vindeiro curso empezarase a reducir o número máximo de alumnado en 4º de Infantil, pasando dos 25 aos 20. A diminución será progresiva, cada ano nun nivel educativo, ata chegar a 6º de Primaria no curso 32-33, cando os nove cursos de Infantil e Primaria teñan, como máximo, unha vintena de estudantes por clase.
A redución do número máximo de alumnado por aula de 25 a 20 iniciarase o vindeiro curso en 4º de Infantil e abranguerá ata 6º de Primaria dentro de nove anos
Nun comunicado, a CIG critica que "ocalendario de redución está pensado para acompasarse coa propia caída da matrícula, estendendo até nove anos a aplicación en Primaria" e lembra que "non habería redución completa na ESO até o curso 36/37 e no Bacharelato até o 38/39".
"En Secundaria e Bacharelato adiantouse a negociación do calendario de implantación das novas ratios á finalización do proceso en Educación Infantil", aclaran os tres sindicatos asinantes.
Ademais, CCOO, ANPE e UGT destacan que "non haberá peche de unidades nin supresións de persoal" nos centros se coas ratios finais a aplicar non correspondese facelo. Tamén que as aulas que no curso 24/25 estean entre 20 e 25 alumnas/os "non verán incrementada o seu
número actual de alumnado durante todo o proceso de implantación". Para as tres organizacións, este aspecto é "fundamental" e serve para "compensar a duración do proceso".
O acordo tamén contempla que desde o curso 24/25 computará a todos os efectos o estudantado repetidor. Alén disto, o alumnado con discapacidade igual ou superior ao 33%, cun grao 1 de dependencia ou cun trastorno grave de conduta, computará dobre. Aquel cun grao de discapacidade superior ou igual ao 65% ou grao de dependencia 2 ou 3, computará o triplo.
Tamén se reactiva o acordo de agrupamentos asinado en xullo de 2009, reducíndose a 14, 12 e 10 o número de alumnado necesario a partir do cal se poden agrupar estudantes de diferentes niveis, ciclos ou etapas. En definitiva, fíxase en 14 o número máximo de estudantes agrupados por aula en Primaria e Infantil e redúcese a dez se hai que unir menores de ambas etapas formativas.
CCOO, ANPE e UGT defenden que "todas estas medidas van supor unha redución efectiva de alumnado en moitísimas aulas de Galicia dende o curso que vén, evitando a sangría de supresións que se producían cada ano".
Horario lectivo
Redúcese o horario lectivo dos docentes en Infantil e Primaria a 23 horas. "Supón un paso previo á
recuperación das 18 e 21 horas lectivas co compromiso de negociación da redución global do orario lectivo en todos os corpos docentes, vinculado á redución da xornada laboral de 37,5 a 35 horas semanais para todos os empregados públicos", din os sindicatos asinantes, que aseguran que os avances neste apartado foron "un punto fundamental" na negociación.
"O acordo pecha toda posibilidade de chegar ás 21 horas en Infantil e Primaria. Non se pode considerar unha mellora cando nin sequera se recupera o que nos pertencía no ano 2009", responde CIG-Ensino.
Melloras retributivas
Suba de 60 euros mensuais para cargos directivos, responsables de centros de menos de tres unidades e outros postos de responsabilidade e dun 20% nos nos sexenios, vencellados á formación permanente, e complementos de titoría e outras funcións docentes, que abranguen a totalidade do profesorado galego.
"Os cartos usáronse como noutros acordos, sen ir máis lonxe, no de 2018: para comprar vontades e para negar melloras laborais. Mais nesta ocasión dun xeito peor: dividindo o profesorado e negando que a maioría puidese ter unha suba digna”, di a CIG.
Sobrecarga burocrática
O acordo establece a creación neste curso dun grupo de traballo para elaborar un plan de simplificación das tarefas burocráticas que se aplicará xa no curso 24-25. Faise, din os tres sindicatos asinantes, "ante as constantes demandas por parte do colectivo docente pola sobrecarga burocrática". "Non se produce ningún avance significativo", asegura CIG-Ensino respecto este acordo.
"A sinatura do acordo non supón a renuncia a recuperar o horario lectivo das 18 e 21 horas nin a seguir avanzando noutras melloras"
Así, CCOO, ANPE e UGT aseguran que a sinatura do acordo "non supón en ningún caso a renuncia á recuperación do horario lectivo das 18 e 21 horas lectivas nin a seguir avanzando noutras melloras de carácter retributivo e laboral". De feito, din, "xa está tramitada a solicitude ante Función Pública para iniciar a negociación da redución da xornada laboral a 35 horas semanais para todas e todos os empregados públicos", o que suporía, aclaran, "non só a redución do horario complementario, senón tamén a redución do horario lectivo de todo o profesorado galego".
Como balance, os tres sindicatos cren que o acordo "recolle boa parte das reivindicacións" realizadas por eles nos últimos anos e que foron "negociadas, con talante e altura de miras, durante a Mesa Sectorial da semana pasada".
Ademais, lembran que foi un acordo que "non requiriu ningunha xornada de mobilización por parte do profesorado, o que confirma que a estratexia rupturista e só mobilizadora que propugnan outras
organizacións sindicais non consegue resultados e resulta estéril se non se acompaña de vontade e capacidade de negociación", en clara alusión á CIG.
Para CCOO, ANPE e UGT, o acordo afronta o descenso demográfico "reducindo o alumnado por aula e mantendo os postos de traballo en vez de eliminar unidades e destruír emprego docente".