A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo este luns a "activación urxente" dunha tarxeta escolar con axudas de entre 250 e 500 euros para as familias con rendas inferiores a 12.000 euros per cápita e como axuda para afrontar o "inicio de curso máis caro da historia". Ao tempo, o voceiro do PSdeG no Parlamento, Luís Álvarez, volveu reclamar ao presidente da Xunta "que recupere o modelo de gratuidade de libros de texto" que fora implantado polo goberno de coalición de socialistas e nacionalistas, unha medida que o Bloque se comprometeu a recuperar no vindeiro ano no caso de chegar a San Caetano.
"Será unha decisión prioritaria do goberno que o BNG quere liderar", dixo Pontón logo da reunión que mantivo no Parlamento con representantes das asociacións de nais e pais (ANPAS) e das familias para escoitar as súas demandas e preocupacións e relación co novo curso escolar. Así, a líder do Bloque instou hoxe ao Goberno de PP a abandonar a “propaganda” e a tomar xa medidas extraordinarias que axuden ás familias galegas a afrontar o “inicio de curso máis caro da historia”.
Pontón propón a "activación urxente" dunha tarxeta escolar con axudas de entre 250 e 500 euros para as familias con rendas inferiores a 12.000 euros 'per cápita'
Pontón lembrou que "só en libros e material educativo as familias teñen que gastar este ano unha media de 450 euros por cada fillo ou filla escolarizada", un gasto que, dixo, en función do nivel educativo, pode chegar aos mil euros para un fogar con dous nenos ou nenas. “Diante desta situación necesitamos un goberno que se poña do lado da xente en vez de darlle ás costas á xente”, insistiu.
Case á mesma hora, desde o PSdeG, Luís Álvarez reclamaba a recuperación do modelo de gratuidade de libros de texto e que, lembrou, "foi replicado na maioría das comunidades autónomas". "No entanto, en Galicia, foi revocado logo da chegada do PP e de Feijóo á Xunta para mudalo por un modelo máis caro e que apenas da cobertura a un ambiguo 60%", advertiu.
O PSdeG aposta polo modelo de gratuidade universal dos libros de texto "equitativo e máis solvente, por moito que a Xunta diga que non"
"O PSdeG defendeu, defende e defenderá este modelo de gratuidade universal equitativo e máis solvente economicamente, por moito que a Xunta se empeñe en dicir que non”, insistiu Álvarez, nunha proposta na que coincide co BNG.
Así, Pontón xa advertiu que a súa formación prevé que a recuperación deste modelo sexa "unha das medias que poñerá en marcha nos primeiros cen días de goberno", en alusión a unha hipotética vitoria electoral das forzas progresistas nas vindeiras eleccións autonómicas. A portavoz nacional do BNG lamenta a negativa á posta en marcha desta medida xa para este curso académico por parte dun PP “insensíbel ante a tormenta perfecta que golpea gran parte dos fogares", apuntou, aludindo á importante suba de prezos “cunha inflación que é máis alta en Galiza con salarios máis baixos”.
De feito, hai tan só uns días, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondeu á mesma petición de parte das anpas negando o seu apoio e apostando por un sistema "máis equitativo" como o programa de axudas para subvencionar a compra de libros e material escolar e que, segundo o Goberno galego, "van chegar a un 40% máis de familias" e que, di, están pensadas en función da renda familiar.
Ademais, Pontón defendeu un incremento dos recursos para a conciliación, con máis axudas para sufragar os comedores escolares, o Plan Madruga e as actividades complementarias e extraescolares. E apostou por "reverter todo o proceso de recortes e privatizacións levado a cabo polo PP nos últimos nos anos”, que tivo como consecuencia un “deterioración” do sistema público de educación “unido á estratexia do PP de aumentar os cartos para o ensino privado”. Segundo o BNG, ao respecto de 2021, último exercicio liquidado, o Goberno do PP investiu 700 millóns de euros menos que en 2009, mentres que o financiamento dos centros concertados medrou un 29 % desde 2012. ¡
“En educación básica, Galiza pasou de estar no posto 96 a retroceder até o 149 das 238 rexións da UE”, advertiu Pontón, destacando tamén que desde o ano 2009 Galicia conta con 187 centros menos de Educación Infantil e Primaria ou 257 menos en Secundaria. A líder do BNG propón tamén a contratación de mil profesores máis, a recuperación do horario lectivo e a redución das ratios
“A educación é o mellor investimento que podemos facer como sociedade”, concluíu Pontón tras salientar que segundo a informe da AIREF para o 2021 o gasto en educación por habitante na Galiza sitúase en 995 euros ao ano, sesenta euros por debaixo da media do Estado.
Desde o PSdeG, ademais, Luís Álvarez reclamou a convocatoria da mesa sectorial de Educación e a apertura dun diálogo sobre o funcionamento dos centros educativos cada curso ao que se veñen negando sistematicamente, mentres abren menos unidades educativas con menos mestres cada ano, prexudicando sinaladamente ao rural.