Este luns, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, acusou o Goberno de España de falta de "sensibilidade social" por "obrigar" a renovar todos os libros de texto nos cursos impares -a raíz da aplicación da nova lei educativa-, xerando o "curso escolar máis caro da historia". O pasado xoves, reclamou ao Executivo que ampliase o fondo estatal para a axuda na compra destes libros, ata os 100 millóns. En 2009, coa súa chegada á presidencia da Xunta, o agora aspirante á Moncloa decidiu acabar co sistema de préstamo universal implantado polo bipartito de PSdeG e BNG e substituílo por un modelo de axudas parciais que definiu como de "gratuidade solidaria" e que recibiu duras críticas de oposición e comunidade educativa.
O sistema de cheques implantado, xustificado pola "austeridade" e a "solidariedade", acabou sendo máis caro que o préstamo, mentres ANPAS, concellos e centros educativos organizaban bancos de libros para "suplir" o labor da Xunta. En 2015, a Consellería de Educación modificou o modelo para instaurar outro sistema de préstamo que, baixo a denominación de Fondo Solidario, no curso pasado repartiu de forma gratuíta un total de 464.598 libros e alcanzou 80.359 alumnos de 3º a 6º curso de Educación Primaria e dos catro cursos de ESO.
Tendo en conta os datos de alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos en Galicia, arredor do 40% tería sido beneficiado con algún libro. Segundo a Xunta, case sete de cada dez destes beneficiarios do Fondo recibiron seis ou máis libros de balde.
A Xunta destina máis de 25 millóns ao Fondo Solidario, co que o curso pasado chegaron libros de texto gratuítos a máis de 80.000 alumnos
Para este curso, á espera dos datos de beneficiarios, o importe total destinado pola Consellería para o financiamento do programa é de case 25,6 millóns de euros, un 47% máis con respecto aos 17,4 millóns do pasado curso, un incremento que se explica pola reposición de manuais do Fondo Solidario ante a entrada en vigor, en setembro, da nova lei educativa para os cursos impares.
Nesa partida inclúense os vales de material escolar, as axudas de libros de texto, e as destinadas á adquisición por parte dos centros de libros complementarios aos existentes no Fondo Solidario para garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a este.
Mentres o PP a nivel estatal reclama máis axudas -cartos públicos- para financiar a compra de libros de texto e BNG e PSdeG demandan en Galicia que se recupere a gratuidade universal, as familias volven abrir un debate recorrente e unha demanda cada vez máis maioritaria nos anos vinte do século XXI: "É un modelo antigo que perpetúa un modelo de ensino obsoleto nesta época dixital; se teñen que existir, os libros de texto deberían ser gratuítos, pero en realidade, non os queremos".
O PP pide ao Goberno máis axudas para a compra de libros e BNG e PSdeG piden recuperar a gratuidade en Galicia; as ANPA piden que se supriman
Quen así se expresa é Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas, que coincide na análise con Rogelio Carballo, o seu homólogo en Confapa-Galicia (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos). "É abraiante que sigamos dependendo dos libros de texto para desenvolver o ensino cando boa parte do profesorado xa trata de realizar o seu labor sen recorrer a eles", explica quen dubida que "sexan a ferramenta axeitada e fundamental coa que exercer a ensinanza".
"Os libros de texto son do século pasado, máis aínda ante un sistema de aprendizaxe, como explicita a nova lei educativa, que pretende deixar de ser tan memorístico e tornarse máis dinámico, máis de entender o que se aprende; o libro só continúa a perpetuar un modelo de ensino máis obsoleto", di Lacaci, que cre que, ademais, "limitar unha materia a estes materias rouba curiosidade á rapazada".
O presidente de Anpas Galegas denuncia, ademais, a "perda de tempo" da Consellería de Educación durante estes anos. "A partir da pandemia e o confinamento decatámonos de que non había contidos dixitais desenvolvidos e os profesores tiveron que buscar a vida procurándoos... Seguimos sen ter preparado nada mentres gastamos 25 millóns de euros, unha animalada, en tirar papel cando podían empregarse eses cartos para crear contidos para os docentes", explica.
"O dos libros de texto é un modelo antigo que perpetúa un ensino obsoleto; deberían ser gratuítos, pero non os queremos", di Anpas Galegas
"A Administración gasta os nosos cartos, diñeiro público, en subvencionar a compra de libros de texto cando temos outras alternativas válidas e mellores por explorar", engade Carballo, que entende os "intereses lexítimos" dun sector económico, pero que advirte que "o interese do alumnado é o que ten que primar". "As familias non estamos para subvencionar editoriais e libreiros nin para manter modelos de negocio que moi probablemente precisen dunha revisión", aclara.
"Estamos comprando a persistencia dun modelo económico de libraría á custa dos ingresos familiares, facendo sobrevivir un modelo de negocio acabado a base de que a xente gaste o que non necesita", di Lacaci. "Defendo os libreiros, son lector e comprador de libros, pero o seu modelo non pode pivotar nos libros de texto porque, ademais, xa non o fai: a maioría das compras destes materiais fanse en grandes superficies comerciais", asegura.
No fondo, a denuncia da incongruencia de reclamar medidas para abaratar os gastos familiares en plena crise de prezos e de inflación e perpetuar un modelo que rexeitan as ANPA e supón un gasto obrigado -e non pequeno- para moitísimas familias.
"As familias non estamos para subvencionar editoriais e libreiros nin para manter modelos de negocio que precisan dunha revisión", di Confapa-Galicia
"Á existencia deste sistema obsoleto nestes tempos engádenselle agora as consecuencias económicas, cunha suba xeneralizada dos prezos, que as familias non tiñamos por que asumir", denuncia Carballo, que cre que "o interese xeral non se consegue perpetuando un modelo que consiste en vender libros impresos que non permiten actualización dixital ningunha nin complementos e que teñen prohibida a súa copia". "Copiar un libro de texto é un delito; é algo delirante", engade.
"O prezo é desproporcionado para as familias e eses máis de 25 millóns do erario público que destina a Xunta son unha barbaridade tamén cando, ademais, os libros non chegan a todas as familias, nin moito menos", di Lacaci. "É un gasto sen futuro que non serve de nada; se existe, que se volva ao sistema de préstamo gratuíto, pero en realidade non deberían existir os libros de texto", remata.
No medio, as familias, que lembran que "mentres os prezos soben e o material escolar custa cada vez máis, as axudas seguen sendo as mesmas". Así o di unha nai con dous nenos en idade escolar, que lembra que, de non acceder ás achegas da Xunta, o gasto entre material e libros pode ascender aos 300 euros por cativo. A suba do importe dos materiais e os manuais roldan o 10 e o 12% no último ano.
No Fondo Solidario da Xunta pode participar o alumnado de 3º a 6º de primaria e da ESO e a asignación de libros faise por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, tendo preferencia aquel en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.
O alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros ten garantido o acceso a seis libros, mentres que as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais.
Ademais, as axudas para a compra de libros van dirixidas ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria, ademais do alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%. No caso do alumnado de Primaria, recibirá 210 euros no caso de renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros e 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.
En canto ás axudas para material escolar, son para todo o alumnado matriculado en Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros e a contía da axuda é de 50 euros por pequeno.