0 Gardados para despois

As axudas parciais para libros de texto xa son máis caras que o préstamo universal

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Foi unha das primeiras decisións do bipartito e unha das primeiras controversias do Goberno de Feijóo. A fin do préstamo universal de libros de texto para o alumnado de centros de ensino públicos e concertados e a súa substitución por un sistema de axudas parciais foi instaurado polo actual Executivo galego en aras da "austeridade" e co reiterado obxectivo de "facer máis con menos". Case tres anos despois do semella que o argumento comeza a ficar invalidado. Cando menos neste ámbito os termos invertíronse e o departamento que dirixe Jesús Vázquez beneficia a menos estudantes que o Goberno anterior. E faino gastando máis cartos, isto é, subvencionar xa é máis caro que prestar.

O Diario Oficial de Galicia recollía este luns unha disposición que, pola súa escasa contía económica, ben podía pasar desapercibida. A través dunha orde a Consellería de Educación amplía "os importes para o financiamento das axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico" en varios cursos de Primaria e Secundaria. Dado que "o importe asignado non é suficiente para atender os compromisos adquiridos ao abeiro" da convocatoria de subvencións a Xunta engádelle 3.983,35 euros. Esta modificación non tería especial relevancia se non se sumase a outra, efectuada o pasado mes de decembro e cun volume de cartos sensiblemente máis importante. Aludindo idénticos motivos engadíanse 2,95 millóns de euros á partida da chamada "gratuidade solidaria". Pero esta non é a suma total para o curso académico que está a piques de rematar. Nos Orzamentos Xerais da Xunta do pasado ano contemplábase un gasto de 9,06 millóns para 2011 e 150.000 euros para 2012. 

Educación prevé gastar 15,09 millóns nas axudas para libros en 2012, un millón máis que no último ano do programa de préstamo

Así as cousas, a suma do importe inicial e das sucesivas ampliacións dá como resultado un impacto de 12,2 millóns de euros nas contas públicas, a maioría procedentes do orzamento de 2011, concretamente, das partidas de "axudas de texto e material escolar", do "programa gratuidade libros de texto (reposición)" para a escasa parte do programa de préstamo que aínda se mantén, e unha terceira para financiar o cambio de manuais redactados en galego, herdados do bipartito, que segundo o denominado decreto do plurilingüismo corresponden a materias que agora deben ser obrigatoriamente impartidas en castelán.

Pero as sumas non rematan aquí. Se cadra para evitar posteriores ampliacións de crédito, nos Orzamentos Xerais de Educación do presente ano 2012 as partidas son máis xenerosas. Concretamente, os cartos para "reposición" de libros -isto é, para substituír os últimos manuais en préstamo- pasou de 1,5 millóns en 2011 a só 50.000 euros, a mesma cantidade que se reserva para mudar libros en galego pola súa versión castelá. Pero o concepto "axuda libros de texto e material escolar" sobe sensiblemente, chegando aos 15,09 millóns. É esta, polo tanto, a cantidade que cómpre tomar como referencia á hora de comparar a "gratuidade solidaria" co préstamo implantado polo Goberno anterior. No último orzamento do gabinete de PSdeG e BNG a partida de "fondos bibliográficos-gratuidade libros de texto" supuña 14,4 millóns. Polo tanto, mentres que as axudas parciais -a maioría non cobren o custe total dos libros- chegan, segundo a propia Xunta, a "sete de cada dez" escolares, o préstamo chegaba a todos investindo un millón de euros menos.

Cobramentos atrasados e menos cartos para libros en galego

O incremento de custes non é a única disfunción do sistema de libros escolares subsidiados no canto do préstamo. Non en van, a ampliación de crédito do mes de decembro producíase poucos días despois de que, tal e como recollía daquela o diario El País, o sector das librarías advertise de que a Xunta lle adebedaba case 3 millóns de euros, a razón duns 20.000 euros por establecemento, que os libreiros gastaran en concepto de adianto das propias subvencións ás familias.

As axudas para libros de texto en galego, obrigatorias por lei, caeron un 72% dende o ano 2009

Ao tempo, o incremento do gasto na "gratuidade solidaria" é inversamente proporcional aos fondos que Educación destina á subvención dos manuais escolares en lingua galega ou, o que é o mesmo, a cumprir o establecido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e na Lei do Libro e da Lectura, que en 2006 converteu en obriga legal a "potenciación da produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a lingua vehicular da súa aprendizaxe". Dende o cambio de Goberno as axudas desplomáronse ata un 72%.

A primeira gran tesoirada chegou en 2010, cando a Secretaría Xeral de Política Lingüística pasou dos 1,05 millóns de euros cos que contara en 2008 e 2009 a 501.617 euros. En marzo de 2010 a secretaría aínda dirixida por Anxo Lorenzo convocadba de novo as axudas e facíao "por unha contía máxima de 400.000 euros". Entre protestas do sector a resolución das subvencións dilatábase no tempo ata que o 7 de setembro quedaba "sen efecto" a causa do "necesario equilibrio entre ingresos e gastos" da Xunta. Non obstante, ante do remate do ano volvíanse convocar, pero por 300.000 euros e cunha advertencia incluída: "En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.