O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reprochou este luns á Xunta que recorte un milleiro de profesores e 60 unidades educativas para o vindeiro curso escolar e denunciou "unha política de recortes en lugar de aforrar o que despois gastamos en concertos do Xacobeo por todo o país durante o verán".
"Sacrificamos profesorado por festas, por artistas durante todo o verán en Galicia", insistiu Formoso logo de anunciar que "a primeira medida" que "adoptará o Goberno socialista" cando "chegue á Xunta" será recuperar a gratuidade dos libros de texto, suprimida coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia do Executivo galego en 2009.
"Sacrificamos profesorado por festas, por artistas durante todo o verán en Galicia", denuncia Formoso
"Isto agora ten consecuencias", dixo Formoso, que asegura que "a gratuidade dos libros de texto é unha medida perfectamente asumible". Ademais, tamén destacou a “hipocrisía” do ex-presidente da Xunta, que "pediu medidas similares a outras autonomías non gobernadas polo PP, agora que busca chegar á presidencia do Estado".
Nunha rolda de prensa en Compostela, Formoso advertiu da "deterioración" do sistema educativo co PP na Xunta e demandou recuperar a gratuidade dos libros de texto, que supoñen "un custo medio de 1.000 euros por familia no peor momento inflacionista da historia". Considera que esta proposta é "perfectamente asumible" polo Executivo autonómico.
Formoso anuncia que a primeira medida que tomará cando sexa presidente da Xunta será recuperar os libros de texto gratis
Desde o PPdeG, o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, respondeu a Formoso advertindo de que a "gratuidade absoluta" dos libros de texto "é regresiva", razón pola cal defende o actual sistema da Xunta por ser "máis redistributivo".
Ademais, asegurou que a Xunta vai incrementar "un 50%" es curso as axudas para libros de texto e material escolar e que haberá 130 aulas "máis que antes da pandemia" malia que hai 9.200 alumnos menos.
Mentres, Formoso insistiu en denunciar un recorte dun milleiro de profesores e 60 unidades educativas neste comezo de curso, con colexios e IES nos que a matrícula "sobe".
Por iso, dixo, está "alarmado" pola radiografía educativa en Galicia e valora que o Goberno central puxese partidas como 130 millóns adicionais para o ámbito da Formación Profesional. Con todo, di, os recortes da Xunta fan que "30.000 galegas e galegos que querían estudar un ciclo formativo quedan fóra do sistema educativo profesional en Galicia"
Por outra banda, o líder do PSdeG chamou a "un esforzo" no rural no ámbito educativo, sanitario e de transportes para que se manteña a poboación. Así, advertiu de que co PP na Xunta perdéronse 130.000 habitantes en Galicia, a comunidade autónoma "co peor comportamento demográfico". "E a resposta do Goberno galego é seguir pechando nestes 14 anos 138 colexios en toda Galicia", reprochou.
"Vanse arrepentir de contar unha trola"
Alén disto, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, defendeu que este curso "vai haber un número de profesores moi semellante ao que houbo no último curso". No entanto, apunta que haberá unha "adecuación" de persoais con "base a realidades demográficas e a demandas do alumnado", pois resalta que haberá 7.600 alumnos menos de Infantil e Primaria.
Rodríguez sostén que será "un número superior" de mestres ao último curso prepandémico, a pesar de que hai "arredor de 15.000 alumnos menos". Resalta que haberá un incremento de persoais en FP ante a alza de alumnado.
Ante a denuncia da oposición dun recorte de 1.000 profesores este curso, Román Rodríguez responde que eses datos "poñen en evidencia a quen os di" e "nada ten que ver coa realidade". "O tempo pon a cada un no seu sitio", sentenza. "En pouco tempo vanse a arrepentir de contar unha trola tan grande a todos os galegos", apostila.